Durán Maquinaria amplía o seu catálogo de maquinaria da man da marca Euromilk coa chegada de Falcon, o seu novo carro mesturador autónomo, autocargador e eléctrico.
A empresa polaca, especialista en equipos para gandaría, fixo unha aposta importante e innovadora para cubrir esta necesidade do mercado e Durán Maquinaria, importador dos seus equipos en exclusiva para España e Portugal, ofrece esta nova posibilidade para todos os seus clientes. Tras un primeiro ano de probas e primeiras instalacións en Polonia, chegarán ao mercado español para a súa venda na segunda metade deste ano.
Con 3,5 m de longo e 1,5 m de ancho, o robot Falcon ten unha tolva de alimentación cunha impresionante capacidade de 4 m³. Na parte frontal do dispositivo, a fresadora móvese directamente no bordo da tolva e permite o autocargado de todo tipo de comida, desde pacas redondas con fibras longas de 30 cm e bloques de silo ata materiais soltos.
Falcon é un carro mesturador totalmente autónomo, funciona coa mesma tecnoloxía de bucle de indución, probada e fiable, que o robot arrimador Lizard. Ten a capacidade de traballar ao aire libre e un sistema de seguridade triplo con sensores ultrasónicos, parachoques de seguridade e paradas de emerxencia.
FIBERCUT, TECNOLOXÍA DE MESTURA E CORTE PATENTADA
Ademais, o novo Falcon, de Euromilk, é totalmente eléctrico, grazas á electrónica propia creada polo equipo de enxeñeiros da marca, e pode presumir de contar cun dispositivo único no mercado, a tecnoloxía FiberCut, a primeira da súa clase no mundo e para a cal hai varias patentes.
A tecnoloxía FiberCut caracterízase por ter seis brazos en forma de L, un innovador sistema de seis pas que poñen en movemento o alimento, facéndoo máis esponxoso e aireado. Esta disposición tamén permite mesturar un mínimo de 50 kg de penso sen afectar negativamente á calidade da ración total, o que non era posible cos carros de senfín vertical. O proceso de mesturado é moi eficiente, xa que os brazos fan xirar o alimento dun lado ao outro da tolva para que quede ben mesturado e a mestura final sexa homoxénea.
FiberCut non é só un sistema de mestura único, senón tamén unha tecnoloxía de corte de precisión. As súas oito coitelas en forma de V ofrecen un picado eficiente e uniforme do forraxe. As pas guían o forraxe, que non se amasa nin se dana, e a súa estrutura consérvase inalterada e natural.
PREPARACIÓN E DISTRIBUCIÓN DO ALIMENTO
Falcon funciona con alimentación por batería. Despois do proceso de recollida de alimento, conéctase a unha estación de acoplamento, onde se recargan as baterías e se mesturan os alimentos.
Co sistema e cos brazos FiberCut, o tempo de mestura é moi curto, especialmente se os ingredientes do alimento están precortados mediante un remolque de forraxe ou unha picadora de forraxe.
Unha vez preparado o alimento, o robot desprazase ao establo para subministralo aos animais. A distribución da ración é posible tanto á esquerda como á dereita grazas a unha cinta transversal instalada a unha altura de 90 cm, o que permite dosificar mesmo grandes cantidades de alimento.
A maiores da súa autonomía, o traballo de Falcon poderá estar controlado completamente polo gandeiro en remoto a través dunha aplicación intuitiva e descargable para teléfono e ordenadores.