Limagrain organizou por terceira vez a súa Xornada sobre Ensilado de Millo e Nutrición Animal. O evento xuntou a diferentes xestores e técnicos de firmas especializadas na alimentación e produción no vacún leiteiro.
O encontro, que tivo lugar no salón de actos da Escola Politécnica Superior (EPS) de Enxeñaría do Campus Terra de Lugo (Universidade de Santiago de Compostela - USC), comezou coa intervención de Alejandro Solsona, xefe de produto de LG para España, que explicou as principais liñas de innovación da compañía de orixe francés.
A continuación, Javier Bueno, profesor titular do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da EPS de Enxeñaría da USC, expuxo dous dos proxectos nos que está implicado o seu grupo de investigación, centrados no millo e no purín.
Máis tarde, foi a quenda da empresa De Laval, que se focalizou na robotización do muxido a través da participación de Luis Castro e Antonio Lenza.
Tras unha pausa para o café, tomou a remuda María Hermida, directora xeral para España de Rock River, quen disertou sobre as vantaxes que aportan as análises dos ensilados de última xeración.
Carlos Martín, responsable técnico de vacún leiteiro de España e Portugal en Cargill SLU, puxo fin aos relatorios coa súa charla centrada na eficiencia alimentaria.
Por último, os oradores participaron nunha mesa de debate moderada por José Manuel Gegúndez, director executivo de Vaca Pinta.