Lidl redobra o seu compromiso cos provedores galegos ao sumar á súa oferta 60 novos produtos da rexión

Lidl reforza o seu compromiso co produto galego e comeza unha nova acción para fomentar a compra e o consumo de produtos de proximidade, aumentar a presenza de artigos de quilómetro cero nos seus lineais e intensificar o seu decidido apoio ao impulso de sectores estratéxicos para a economía galega.

Dende esta mesma semana, e progresivamente durante todo o mes de outubro, a compañía irá introducindo máis de 60 novas referencias 100 % galegas nos seus 32 puntos de venda de Galicia, que formarán parte do surtido permanente, incluíndo distintas referencias de carne, froitas e verduras de quilómetro cero ou queixos ou viños con D.O.

A iniciativa presentouse na tenda de Lidl situada na Rúa Eslovenia (Santiago de Compostela). Durante o acto, o responsable de Producións Agrícolas e Extensivas de Unións Agrarias, José Ramón González, sinalou que “todos os esforzos suman e, nun momento coma o actual, ter o respaldo de Lidl representa un verdadeiro balón de osíxeno para os nosos produtores” e animou os galegos a “elixir sempre referencias de proximidade que contribúen a xerar emprego e riqueza á rexión”. Neste senso, engadiu que “o compromiso que mantén Lidl con Galicia tradúcese en feitos concretos, coma esta iniciativa, que avala a súa aposta decidida pola economía galega e os seus sectores estratéxicos”.

Pola súa banda, o director rexional de Lidl en Galicia, Jaime Herrá, declarou que “dende o inicio da crise sanitaria en Lidl quixemos reforzar o compromiso que dende hai máis de 25 anos vimos mantendo co produto gallego. Conscientes das dificultades que están a atravesar algúns produtores para darlle saída á súa produción, temos redobrado a nosa colaboración co tecido produtivo local. Con esta nova acción, queremos seguir axudando á reactivación da economía galega, aos seus provedores, e ao tempo incentivar a compra e o consumo do excelente produto da rexión”.

Na actualidade, Lidl merca cada ano produto galego por valor de máis de 260 millóns de euros (uns 1.000 M€ nos últimos catro anos), entre eles leite (UHT e fresco), conservas de pescado, viños, cervexa ou queixos. Colabora habitualmente con 60 provedores da rexión aos que lles adquire unhas 400 referencias e moitas delas expórtaas ás súas 600 tendas en toda España e á súa rede de máis de 11.000 establecementos en 30 países de Europa, sendo unha das súas principais plataformas de exportación.

Máis información no comunicado de prensa emitido por Lidl