ALIMENTACIÓN AUTOMATIZADA

Lely Vector, a solución que impulsa a produción e simplifica o traballo nas granxas

Granja San Martín, La Ría e SAT Arenas son tres ganderías cántabras que implementaron o Lely Vector para a alimentación dos seus animais. Coñecemos os testemuños dos gandeiros sobre a súa experiencia con esta solución da firma holandesa Lely. Máis en Vaca Pinta 55.

GRANJA SAN MARTÍN (Valdáliga)

Rubén Rodríguez é o único propietario deste negocio. Comezou a traballar co Lely Vector hai xa tres anos: “Os principais cambios que percibín son que as vacas están máis tranquilas, aumentaron a súa inxestión e produción, e a saúde podal mellorou. No ámbito da fertilidade tamén se conseguen avances”.

En Granja San Martín lévanse a cabo entre oito e nove reparticións diarias de comida: “Aproxímase bastante ao xeito natural que teñen as vacas de comer e así consigo unha eficiencia alimentaria de 1,70 kg aproximadamente”, comenta o gandeiro. Ademais, engade que con este sistema se evita o bullying animal: “As primíparas melloran bastante, porque non teñen tanta competencia e todo redunda en incrementar a produción”.

Actualmente, moxe a setenta exemplares nun Lely Astronaut A5, cos que consegue entre 40 e 42 litros por vaca ao día, cunha media de 2,9 muxidos diarios.

“Recomendaría o Lely Vector porque considero que é moi positivo para o rabaño, xa que mellora a eficiencia de alimentación, inxestión e produción”, conclúe Rodríguez.

LA RÍA (Camargo)

Os socios desta granxa son os irmáns Sara e Santiago Fernández. Comezaron a muxir cun Lely Astronaut A4 en 2013, en 2021 pasáronse ao A5 e, este mesmo ano, implementaron o Vector.

A día de hoxe moxen 90 exemplares, que producen 38 kg de leite ao día por cabeza, e rexistran unha media de 3,2 muxidos diarios. A súa eficiencia de alimentación é de 1,62 kg. “En total, temos unhas 200 vacas e a idea é seguir medrando pouco a pouco. Tamén contamos cunha recría bastante ampla”, apunta Sara Fernández.

Nesta gandería preparan varias racións; este foi un dos motivos polos que o Lely Vector os convenceu: “Antes, co carro mesturador, só podiamos facer unha ración para vacas en produción e outra para xovencas, secas e xatas dun ano. Co Lely Vector podemos preparar moitas máis”, explica Sara Fernández. Deste xeito, elaboran ademais unha para xatas de ata 8 meses, outra para xatas máis maiores, outra para xovencas preñadas e outra para secas. “Iso é o que fai que o Vector sexa interesante: cada grupo de animais ten a súa ración perfecta”, engade.

En La Ría montaron unha cociña grande porque querían bastante espazo “por se nun momento dado nos serve para almacenar forraxe, ou por se no futuro medramos e contamos con máis gando”.

O Lely Vector tamén funciona como arrimador de comida: “Sae cada dúas horas e é algo que valoramos moito porque antes o faciamos manualmente. Deste xeito, notamos que ata a produción subiu, porque as vacas sempre teñen acceso á comida e iso é positivo”, conta a gandeira, que afirma que “o Lely Vector axuda moito, porque arrima a ración e sempre está fresca. Elas valórano e, en canto ven a máquina, xa se erguen e van ao presebe”.

“Vendo a situación na que está o sector agora mesmo, queriamos apostar por non ter que contratar empregados e que entre nós e o noso outro irmán puidésemos xestionar a empresa. Creo que é o máis acertado”, razoou Sara Fernández.

SAT ARENAS (Camargo)

Eduardo Entrecanales e Alfonso de la Fuente son os socios desta gandería. Posúen 120 vacas en lactación, que producen entre 46 e 47 kg por cabeza ao día cun número medio de muxidos de 3,5.

Na granxa contan con dous Lely Astronaut A3 desde 2010 e un Lely Vector desde 2020, sendo o primeiro negocio de España en instalar o Vector. “Nestes cinco anos, cos datos que se foron recollendo, vimos a diferenza entre o anterior sistema de alimentación, que era un carro mesturador arrastrado, e o Lely Vector. Observamos unha mellora na saúde das vacas e na fertilidade, así coma un importante aforro enerxético”, asegura Eduardo Entrecanales.

Este gandeiro tamén explica que co Vector diminuíu o tempo de traballo que lles leva o feito de alimentar os exemplares: “Desde o principio estamos a encher a cociña tres días á semana, polo que hai catro días que non temos que preparar comida para as vacas. Ademais, o tempo que empregamos en encher a cociña é inferior ao que necesitabamos antes co carro arrastrado”.

O Vector está a dar de comer arredor de nove veces ao día ás vacas en lactación e dúas veces ás secas: “No seu momento percibimos un incremento da inxestión de materia seca nas secas. Estaban arredor de 12 kg e agora andan entre 14 e 15 kg, co que isto implica para o momento de transición no parto”, relata Eduardo Entrecanales. Pola súa parte, a eficiencia de alimentación nas vacas de produción sitúase en 1,65 kg de leite producido por cada kg de materia seca consumido.

“Entre a comida para as vacas en produción e as secas, o Vector prepara arredor de 8.000 kg ao día, cun consumo de 30 quilovatios e percorre unha distancia de 7,2 quilómetros”, aclara o propietario de SAT Arenas.

Outro dos aspectos que conseguiron axilizar co Vector foi a limpeza do presebe: “Como reparte a ración moitas veces ao día, a comida mantense fresca e non cómpre limpar tan a miúdo”, conclúe Entrecanales.