LELY VECTOR (X)

Ganadería de Pazos SCG: a eficiencia alimentaria como motor de futuro grazas ao Lely Vector

Ganadería de Pazos SCG: a eficiencia alimentaria como motor de futuro grazas ao Lely Vector

Ganadería de Pazos SCG conta con tres MFR para distribuír a comida e dúas cociñas para preparar a mestura. Ademais, realizan o muxido con oito Lely Astronaut A5.

En Mazaricos, onde os amenceres se abren paso entre prados húmidos e silos xigantes, a rutina de Ganadería de Pazos SCG hai tempo que deixou de parecerse á de calquera explotación tradicional. Aquí, entre corredores de formigón impecablemente limpos e naves deseñadas ao milímetro, a alimentación do gando xa non depende dun carro que ruxe a horas fixas, senón dun son máis suave, eléctrico e case coreografado: o ir e vir do Lely Vector, o sistema que cambiou a maneira na que esta granxa entende a nutrición dos seus animais. Máis en Vaca Pinta 56.

Jesús Perfecto, un dos socios, lembra perfectamente o momento no que decidiron dar o salto. Era 2021, e a explotación xa contaba cunha estrutura pensada para medrar e traballar de forma máis eficiente. A idea de automatizar a alimentación non era nova, pero a tecnoloxía si chegara, por fin, a un punto no que encaixaba como unha luva no seu modelo. “A granxa tal e como estaba deseñada adaptábase á perfección para implementar o Lely Vector”, conta Jesús mentres observa o percorrido do robot. “Con dous MFR iamos moi xustos, por iso decidimos meter os tres”. Non foi unha decisión impulsiva: con máis de 900 vacas entre xovencas, secas e en lactación, a loxística convertérase nun desafío colosal.

Antes, o carro mesturador xestionábao unha cuma. Agora, o Vector traballa de día e de noite, sen depender de horarios nin de dispoñibilidade. Jesús resúmeo cunha sinxeleza que só dan os anos no campo: “Queriamos mellorar a xestión… e agora temos todo moito mellor, máis eficiente”.

Hai quen aínda ve estes robots como unha aposta arriscada, pero Jesús e a súa familia xa non teñen dúbidas. “A máquina vai moi ben, non nos deu practicamente ningún problema, nin en gastos nin en avarías”, afirma con naturalidade. Fala del como quen fala dun compañeiro fiable, constante, case invisible.

En máis de catro anos, o Vector non deu ningún susto. As únicas dificultades viñan doutro lado: a rede eléctrica. Estar ao final de liña provocaba baixadas de tensión que afectaban a toda a granxa, pero o problema desapareceu coa chegada do biodixestor.

“Antes do Vector tivemos un arrimador Lely Juno 150 e podo dicir que se perdía máis o arrimador ca o Vector”, lembra rindo.

Hoxe, ademais, contan con algo que valoran tanto coma a tecnoloxía: un equipo especializado de Lely dedicado exclusivamente ao Vector. “Iso nótase. Cando hai un problema, a solución é inmediata”, asegura Perfecto.

A precisión do sistema percíbese en cada metro de presebe. Cada día realiza dez reparticións no lote de lactación, ademais dos arrimados necesarios. As vacas sempre atopan alimento fresco, homoxéneo e distribuído exactamente como debe estar.

A clave, explica Jesús, é que o sistema practicamente eliminou os restos de ración. “Agora case non temos sobrantes. Iso fai moito máis eficiente a granxa, porque a ración se divide á perfección”.

E é que a complexidade nutricional aquí non é pequena: conviven 13 racións diferentes, cada unha deseñada para un grupo específico. Catro presebes de lactación, cinco grupos de xovencas, dous lotes de preparto e dous de secas. “Cun carro autopropulsado sería imposible. Ou, polo menos, suporía moitísimo máis tempo”, afirma.

Non todo se pode automatizar. Jesús insiste nun punto que só entende quen pasou horas diante dun silo: “Hai que ver que non saques un taco en mal estado”, explica. “Non é o mesmo dar un bol de 700 quilos cun taco mal que diluílo en moitos máis quilos”.

Por iso, aínda que as cociñas se enchen tres veces por semana, a precisión manual segue a ser indispensable. A desensiladora, capaz de manexar tacos de tres toneladas, permite traballar con rapidez sen perder o control sobre a calidade.

Ademais, o presebe várrese cada dous días, unha tarefa que antes tiñan que facer acotío.

Cando un pregunta se repetirían o investimento, Jesús non dubida nin un segundo: “Se hoxe volvese cinco anos para atrás, non dubidaría en volver montar o Lely Vector”. Non é unha frase feita; detrás hai unha precisión que supera o 95 %, animais mellor alimentados e un equipo humano que puido reorganizar o seu tempo para dedicalo a tarefas que achegan máis valor.

En Mazaricos, onde conviven tradición e vangarda, Ganadería de Pazos SCG demostra que a tecnoloxía non é un capricho nin unha moda. É unha ferramenta que, cando encaixa de verdade, transforma por completo o corazón dunha explotación. E ás veces, como ocorre aquí, esa transformación soa simplemente ao suave zunido dun robot que percorre os corredores, repartindo comida coma se sempre estivese alí.