LELY VECTOR (IX)

O Lely Vector en granxas de vacún de cebado: tecnoloxía ao servizo da eficiencia

O Lely Vector en granxas de vacún de cebado: tecnoloxía ao servizo da eficiencia
Cada vez máis ganderías de cebado e engorde se interesan polo sistema de alimentación Lely Vector, de Lely, para automatizar a comida dos seus animais. Máis en Vaca Pinta 55.

A gandería de vacún de cebado afronta hoxe retos que poñen a proba a súa sostibilidade económica e a súa capacidade para competir nun mercado globalizado. O prezo dos cereais e forraxes é volátil, a man de obra escasea e as marxes de rendibilidade son cada vez máis axustadas. Neste escenario, calquera avance que permita gañar eficiencia sen comprometer o benestar animal resulta especialmente atractivo. Un dos campos onde se están introducindo máis innovacións é no da alimentación e o Lely Vector perfílase coma unha opción cun interesante potencial nas explotacións de cebado.

Nunha granxa de engorde, a alimentación supón ata un 70 % dos custos de produción. Non se trata só do que custan o penso ou as forraxes, senón tamén da cantidade de horas de traballo e de enerxía que se invisten cada día en preparar e distribuír as racións. A alimentación marca, ademais, a diferenza nos resultados produtivos: unha dieta fresca, equilibrada e ben xestionada é a base dun bo índice de conversión e de ganancias medias diarias estables.

UN AVANCE TECNOLÓXICO IMPORTANTE

Durante décadas, o carro unifeed foi a ferramenta clave para achegar mesturas homoxéneas aos lotes de animais, pero este sistema segue dependendo da man de obra, do combustible e da precisión do operario que manexa a máquina. Na práctica, moitas granxas vense obrigadas a dar de comer só unha ou dúas veces ao día, o que limita a dispoñibilidade de alimento fresco e provoca, en ocasións, picos de competencia nos comedeiros, algo que co Lely Vector non sucede.

O Lely Vector non é un carro mesturador convencional, senón un sistema integral de alimentación automática, a alimentación intelixente. O seu funcionamento baséase en tres piares: unha cociña de alimentación onde se almacenan os ingredientes, unha pinza que colle a comida da cociña con gran precisión e un MFR que circula pola nave distribuíndo o alimento nos comedeiros tantas veces ao día como se desexe. Todo iso xestiónase mediante un software que permite axustar racións, asignalas a distintos lotes e rexistrar datos de consumo.

A filosofía do Vector é clara: ofrecer alimento fresco e homoxéneo varias veces ao día, cunha intervención humana mínima. No vacún de leite, onde a produción depende directamente da inxestión, esta estratexia demostrou a súa eficacia, xa que cada vez hai máis Vector nestas granxas, onde os resultados son extraordinarios.

O engorde de xatos e xovencos presenta características diferentes á produción leiteira. Neste contexto, os animais atravesan varias fases de crecemento, cada unha con necesidades nutricionais específicas. Os lotes adoitan ser máis grandes e homoxéneos, e o obxectivo económico céntrase en maximizar a ganancia media diaria e mellorar a conversión alimenticia: aí o Vector ten o seu punto forte.

O Lely Vector pode responder a estas esixencias grazas á súa flexibilidade. O sistema permite programar distintas racións e asignalas a grupos de animais en función do seu peso ou da fase de engorde. Ao repartir alimento fresco con maior frecuencia, estímase o consumo e mellórase a regularidade na inxestión. Ademais, o feito de poder incorporar diferentes ingredientes outórgalles ás granxas maior capacidade de adaptación.

AS VANTAXES DO LELY VECTOR NOS SISTEMAS DE CEBADO

As explotacións que xa probaron o Vector en sistemas de cebado destacan varios beneficios. En primeiro lugar, a redución da carga de traballo, pois o tempo investido na alimentación diaria diminúe de maneira significativa. Tamén se gaña en precisión e uniformidade, xa que as racións se preparan sempre coa mesma calidade, sen depender do factor humano. Hai que lembrar que a precisión do Lely Vector adoita estar sempre por riba do 95 %.

A nivel produtivo, a maior dispoñibilidade de alimento fresco estimula a inxestión voluntaria e reduce a competencia entre animais. Isto tradúcese nun mellor benestar e en lotes máis homoxéneos. O sistema achega ademais un plus de control e xestión, xa que rexistra datos sobre o que se reparte e permite un seguimento máis detallado da alimentación de cada grupo grazas ao Lely Horizon.

O Vector representa un paso cara á dixitalización da gandería de cebado. Ao automatizar a alimentación e rexistrar datos de maneira continua, ábrese a porta a un manexo máis profesional e baseado en información.

Neste sentido, o Vector non é só un robot que reparte comida, senón unha ferramenta que simboliza a transición cara a unha gandería 4.0, onde a eficiencia, a sostibilidade e o benestar animal se combinan coa xestión intelixente de datos.

O Lely Vector pode marcar a diferenza naquelas granxas de vacún de cebado que traballan con racións mesturadas e que buscan modernizar o seu manexo. A súa implantación require investimento, adaptación e formación, pero ofrece a cambio unha nova maneira de entender a alimentación no vacún de carne.

A cuestión non é se esta tecnoloxía é cara ou barata, senón se o sector pode permitirse seguir dependendo exclusivamente de métodos tradicionais nun ámbito cada vez máis competitivo e esixente. A solución para mellorar a súa explotación de cebado é clara e chámase Lely Vector.