LELY DISCOVERY COLLECTOR

Usuarios dos Lely Discovery Collector C1 e C2 valoran a súa fiabilidade e capacidade de traballo

Usuarios dos Lely Discovery Collector C1 e C2 valoran a súa fiabilidade e capacidade de traballo
A automatización da limpeza nas granxas de vacún de leite é un factor cada vez máis determinante tanto para o benestar animal como para a organización do traballo diario. Na provincia de Lugo, dúas ganderías que apostaron por Lely e os robots de limpeza Lely Discovery Collector C1 e C2 comparten a súa experiencia, da que destacan a fiabilidade do sistema e a mellora tanto das condicións da nave como da saúde das súas vacas. Máis en Vaca Pinta 58.

Explotaciones Ferreiro (Baleira, Lugo)

A gandería Explotaciones Ferreiro conta actualmente con catro robots Lely Collector, tres do modelo C1 e un do modelo C2, que traballan xunto con seis robots de muxido e un arrimador de comida Lely Juno Flex, nunha granxa que foi medrando progresivamente en automatización.

Carlos Pardo, propietario da gandería, explica que o primeiro Collector se instalou hai máis de cinco anos, cando aínda non contaban co actual nivel de automatización. Coa chegada dos robots de muxido, a necesidade de manter os patios limpos de forma constante fixo que se fosen incorporando novas unidades ata a configuración actual.

Segundo sinala, a capacidade de traballo das máquinas é máis que suficiente para manter as instalacións en bo estado, mesmo en momentos de máxima actividade. Aínda que recoñece que pode haber horas puntuais nas que se acumule máis sucidade, asegura que o sistema responde ben.

“Se está todo en orde, non hai ningún lote sucio. Hai momentos do día con máis movemento de animais, pero os robots van sobrados en canto a capacidade”, comenta.

No seu caso, cada robot traballa en zonas con diferentes cargas de animais, o que lle permite comparar o rendemento. O modelo C2 está destinado a un lote atendido por dous robots de muxido, mentres que os C1 se reparten entre outros grupos.

“Dáme a sensación de que o C2 vai algo máis rápido e cobre máis superficie. O que teño está atendendo un lote de dous robots e non teño ningunha queixa. Despois, conto cun C1 para un só lote, que está perfecto, e no grupo onde hai tres robots posúo dous C1 que tamén funcionan ben, aínda que aí hai máis aglomeración de animais”, explica.

Outro aspecto que destaca é a calidade da limpeza e a adaptación ás instalacións. A granxa viña dun sistema de flushing e o cambio ao Collector non supuxo ningún problema.

“A limpeza que realizan as máquinas é impecable. Que toda a granxa estea ao mesmo nivel axuda moito. No noso caso adaptáronse perfectamente ao que necesitabamos”, afirma.

Tras anos de funcionamento, Pardo ten claro que volvería tomar a mesma decisión: “Non hai nada no mercado que faga o traballo tan efectivo como o que realizan os Collector. Se hoxe tivese que volver pensar en como limpar a granxa, volvería apostar polos Collector sen ningunha dúbida”.

Tamén aprecia diferenzas no comportamento entre modelos, aínda que insiste en que ambos cumpren a súa función. “O C2 é un pouco máis listo, corrixe mellor cando parece que se vai perder, pero estou contento cos dous”, conclúe.

Gandería Adriago (Friol, Lugo)

A experiencia na gandería Adriago é máis recente, pero a valoración inicial tamén é moi positiva. Esta explotación, posta en marcha en novembro de 2025, conta con dous robots de muxido Lely Astronaut A5, un arrimador de comida Lely Juno Flex, unha amamantadora Lely Calm e un Discovery Collector C2, encargado da limpeza de toda a nave.

Yago García, un dos socios, explica que, polo deseño das instalacións, era especialmente importante contar cun sistema automático.

A nave dispón de corredores de alimentación exteriores e catro patios interiores, cunha superficie total de limpeza que supera os 800 metros cadrados, ademais de amplas zonas de cruzamento nas cabeceiras.

“Para o deseño que temos, con patios moi grandes, facelo manualmente sería moito traballo. Grazas ao Collector está todo limpo e non temos ningunha queixa”, sinala.

Desde os primeiros meses de funcionamento, a máquina demostrou ter capacidade suficiente para cubrir toda a superficie sen problemas. “De momento a valoración é moi boa. Non tivemos ningún fallo e os patios están moi limpos”, declara.

Ademais da comodidade no traballo, tamén observaron melloras no estado dos animais, especialmente na saúde podal. “As patas están moito máis secas e as vacas están perfectas. Nótase no día a día”, manifesta.

Nesta explotación optouse por un deseño con canle central para optimizar o rendemento do robot, unha decisión que inicialmente xeraba dúbidas pero que agora consideran acertada. “Ao principio non o viamos claro, pero agora decatámonos de que foi o mellor para que a máquina traballe ben en toda a nave”, aclara.

En canto ao investimento, García recoñece que valoraron outras opcións, pero o conxunto de factores fixo que o Collector fose a elección máis lóxica. “Cos patios que temos, e contando a man de obra que aforras, case non había diferenza con outros sistemas. Fixemos unha aposta importante e agora mesmo estamos encantados”, conclúe.

Se quere máis información sobre o Lely Discovery Collector, non dubide en contactar co seu Lely Center máis próximo. Os profesionais de Lely faranlle un estudo sen compromiso e contaranlle os beneficios que esta máquina pode ter dentro da súa explotación.