TRES LELY ASTRONAUT A5

Lely transforma o muxido en Gandeiría L. Cornes coa automatización e o tráfico libre

En agosto de 2024 os propietarios desta granxa comezaron as obras para instalar tres Lely Astronaut A5 de Lely, cos que comezaron a muxir no mes de outubro. Tras un curto período de adaptación, os resultados apreciáronse moi rapidamente. Máis en Vaca Pinta 52.

Leonardo Cornes Landeira e María del Carmen Miramontes Gómez son os socios de Gandeiría L. Cornes, situada na parroquia de Buxán, no concello de Val do Dubra (A Coruña). Os seus fillos, Leonardo e Gonzalo Cornes Miramontes, axudan aos seus pais na xestión deste negocio familiar.

“Os inicios desta gandería veñen dos meus avós. Ao redor dos anos 90 comezouse a profesionalizar máis coa incorporación do meu pai á empresa. A sociedade constituíuse entre o 2005 e o 2006, á que pertencen o meu pai e a miña nai”, narra Leonardo Cornes.

Dispoñen de 165 animais en total, dos cales teñen 137 en muxidura, cunha media de produción de 43,3 kg/vaca/día e 3,6 muxiduras diarias. En canto a calidades, anotan un 4,05 % de graxa e un 3,49 % de proteína. O reconto celular móvese entre 120.000 e 140.000 céls./ml.

PRIMEIRA FASE: A COLOCACIÓN DOS ROBOTS

As obras para instalar os robots comezaron en agosto de 2024. Os Astronaut situáronos na zona na que previamente estaba a sala de espera da sala de muxidura.

Iván Brea, responsable comercial de Lely para a provincia da Coruña, explica por que colocaron os robots no medio da nave: “Como xa había unha instalación previa, entre o equipo técnico, os supervisores técnicos e os socios da granxa decidimos cal sería a implementación máis correcta. Neste caso, optamos pola área onde había máis luz, volume e circulación de vacas, que era xusto no centro do establo, onde tiñan a sala de espera”.

O proceso non foi doado, debido á complexidade de instalalos nunha zona onde se realizaban tres muxiduras diarias. “Con todo, sempre se chegou ao consenso de que o ideal era priorizar o bo manexo dos animais, unha circulación óptima e, sobre todo, un traballo futuro excelente”, asevera Brea. Un dos robots, o terceiro, leva asociada unha enfermaría, onde se separan os exemplares que necesitan tratamentos ou coidados especiais.

A ADAPTACIÓN AOS ASTRONAUT, RÁPIDA E SINXELA

O 16 de outubro de 2024 comezaron a muxir cos robots, pasando primeiro por unha fase de habituación. “Os dous primeiros días foron un pouco duros, pero á semana xa case recuperaramos a produción que tiñamos na sala e, aos 15 días, practicamente todos os animais estaban en muxidura, con cifras de 40 litros de leite ao día por cabeza. Nese momento xa se empezou a normalizar todo”, relata Leonardo Cornes Miramontes.

Desde a granxa contan que tiñan ganas de comezar cos robots: “Nós xa tiveramos un robot no 2006 durante uns cantos anos e a diferenza con este é abismal. O Astronaut funciona moi ben e coloca moi ben; tamén ten unha capacidade de aprendizaxe moi grande”.

“Os animais asociaron rapidamente que a partir de agora a sala non ía ser o lugar onde se ían muxir, senón que sería aquí, coa vantaxe de ter o penso”, comenta Cornes Miramontes.

Iván Brea tamén subliña a boa adaptación de Gandeiría L. Cornes á muxidura automatizada: “Teñen unhas vacas moi boas e o seu manexo é excelente”.

EFICIENCIA CON TRES A5 E CO TRÁFICO LIBRE

O gandeiro afirma que non volvería á sala, en parte pola falta de man de obra: “Nós necesitabamos dúas persoas en cada muxidura: dúas pola mañá, dúas ao mediodía e dúas pola noite. Agora, ao muxirse os animais libremente, cunha persoa pola mañá e outra pola tarde facemos todo o traballo”.

En canto ao sistema de tráfico libre, notan que as vacas están tranquilas: “A nosa gran sorpresa aos poucos días de comezar foi precisamente iso. Unha vez que se acostumaron a vir aquí, non se movían e soltaban o leite. Ía todo perfecto”, confesa Leonardo. Neste sentido, destaca en positivo dos Astronaut a súa entrada recta e que os exemplares poidan ver o exterior desde a parte esquerda.

Brea resalta dos A5 a súa fiabilidade, rapidez e comodidade no manexo: “Aquí xa facían tres muxiduras en sala con producións altas, co cal había que comezar cun bo nivel e creo que os A5 o conseguiron cuns resultados excelentes”. Ademais, as vacas de Gandeiría L. Cornes teñen un potencial xenético moi alto, cun fluxo de muxidura elevado, “así que o funcionamento da máquina ten que ser ao 100 %”, engade Iván Brea.

Cos colares de identificación, que tamén posúen nesta gandería, obteñen datos de celo, ruminación, inxestión e estrés en tempo real: “Isto axuda no manexo dos animais e a saber sempre que ocorre na granxa. Podemos anticiparnos a moitos problemas, saber o momento óptimo para inseminar unha vaca… Nunha granxa sempre vai haber contratempos, co cal temos que tratar de anticiparnos. Coa información que proporcionan os colares, evitamos problemas no futuro”, expresa Brea.

Así mesmo, nesta gandería dispoñen dunha estación de penso, onde fan o punteo para as vacas, sobre todo as secas ou as que iniciarán pronto a muxidura. A estación utilízase para que creen un hábito antes de entrar no robot. Cada animal ten un colar onde se lle asigna unha identificación e, ao entrar na estación de penso, márcaselle cantos kg ten que comer. Iván Brea aclara que “isto o que lles crea é unha rutina, unha aprendizaxe, que elas despois asocian cando entran ao robot e facilita moito o manexo. É unha ferramenta á que se lle saca moito partido”.