XORNADA DE LELY SOBRE GRANXAS L E XL

Tráfico libre e muxido automatizado, unha decisión acertada para as ganderías grandes

A compañía holandesa Lely organizou unhas xornadas na cidade de Lugo centradas no Dairy XL e na xestión de grandes rabaños, á que acudiron expertos e gandeiros do sector do vacún leiteiro de toda a península e do estranxeiro. Ademais das conferencias, realizouse unha visita a Explotaciones Ferreiro (Baleira, Lugo), onde moxen 252 animais con seis Lely Astronaut A5. Durante o encontro, conversamos con algúns relatores e asistentes sobre o concepto de granxas L e XL e outros asuntos relacionados. Máis en Vaca Pinta 49.

“A produtividade e a saúde das vacas dependen totalmente do benestar animal” - Gumersindo de la Riera (Veterinario)
“En Lely adaptámonos aos obxectivos do gandeiro e temos en conta o benestar animal e o rendemento” - Steven Lorent (Responsable de vendas no clúster Francia-Iberia de Lely)
“Nos vindeiros dez anos, máis do 50 % das granxas van estar robotizadas” - Ángel Ávila (Veterinario)
“A fiabilidade que teñen os produtos de Lely é fundamental tanto para os gandeiros como para os técnicos” - Bruno López (Responsable técnico de Lely en Galicia)
“Os gandeiros temos unha misión moi importante ao alimentar a poboación nun mundo onde cada vez somos máis” - Albert Badía (Socio de Selergan)
“Os gandeiros elixen Lely porque é o robot con maior capacidade do mercado, o que máis vacas acepta sen renunciar ás tres muxiduras” - Camilo Gutiérrez (Delegado de vendas de Lely en Cataluña)

EXPLOTACIONES FERREIRO, O EXEMPLO PERFECTO DE GANDERÍA L ROBOTIZADA

A poucos minutos da capital da provincia de Lugo, en Baleira, sitúase Explotaciones Ferreiro, unha granxa de gran tamaño xestionada por Carlos Pardo. Posúe seis Lely Astronaut A5 –os dous últimos vén de adquirilos–, tres Lely Collector C1 e un C2 para a limpeza dos chans, un arrimador de comida Lely Juno e cinco cepillos Lely Luna. Os asistentes ás xornadas coñeceron de primeira man este negocio e puideron falar co gandeiro.

Pardo fíxose coa explotación no 2021, con 130 cabezas. Durante o primeiro ano e medio muxía os seus animais nunha sala rotativa de 24 puntos que xa había na nave. En agosto de 2023 parouse a sala e comezou a automatización da empresa.

A día de hoxe moxe 252 vacas nos seus robots, cunha media de muxiduras de 2,8. Produce 43 kg/vaca/día, pero agarda continuar aumentando esa cifra nos vindeiros meses, unha vez implementadas as novas unidades do A5. Antes de iniciarse o proceso de robotización, as cifras de produción roldaban os 38 kg/vaca/día. “Con este sistema, as vacas chegan máis lonxe”, declarou Carlos Pardo.

“Decidimos robotizar por comodidade e porque me gustaba o sistema, aínda que non tiña moi claro cando era o momento ideal, ata que chegaron unhas subvencións aprobadas e puidemos dar o paso”, narrou o gandeiro.

Pardo admitiu que lle gustaba moito tanto o feito de que as vacas se puidesen muxir máis veces como o tráfico libre: “Pódense facer quendas e non ter que traballar nun día sinalado. Isto con ningún outro sistema sería posible. No mes de agosto, unha soa persoa puido xestionar todo ela soa”, expuxo sobre a súa experiencia.

En Explotaciones Ferreiro hai tres persoas que se encargan de todo o traballo, que pasa por meter algúns atrasos, darlles o leite aos xatos, arranxar o que sexa necesario, limpar etc. En canto aos labores de agricultura, hai outras dúas persoas que realizan esas tarefas.

Con respecto á ración dos animais, actualmente comen medio kg de palla, de cereais; 12 kg de silo de herba, 22 de silo de millo e 12 no carro de concentrado, ademais do punteo do robot, que vai en función da produción.

O gandeiro tamén dispón de áreas de separación, un aspecto que ve moi interesante e fundamental, á vez que útil: “É algo bo cando tes que facer algún tratamento e tamén para outras circunstancias, como, por exemplo, o posparto”, especificou.

A cantidade de datos que obteñen en Explotaciones Ferreiro dos robots grazas ao programa Lely Horizon tamén lles resulta moi práctica: “Por exemplo, eu vou a Holanda nunha viaxe e desde alí podo consultar a información dos meus animais e xestionala. Iso cunha sala non o podo facer, e paréceme moi cómodo”.

“Recomendaríalles a outros gandeiros que se animen a dar o paso, tanto pola tranquilidade do día a día coma polos resultados que se obteñen. Eu non volvería atrás”, concluíu Carlos Pardo.