A multinacional holandesa (Lely) experimentou un crecemento moi importante nos últimos anos e incrementa a súa cota de mercado con 440 Lely Astronauts muxindo na comunidade galega. Máis en Vaca Pinta 49.
440 robots de muxido Lely Astronaut en Galicia, esa é a cifra coa que Lely pecha un gran 2024 no que respecta ás vendas e instalacións. O crecemento nestes últimos meses da firma holandesa foi sobresaínte, acadando máis de oitenta instalacións de robots este ano.
Nun mercado en alza, onde cada vez máis ganderías optan por robotizar o muxido nas súas granxas, a multinacional Lely leva a palma. Os máis de 400 Lely Astronaut da comunidade galega así o demostran. Por cada dez robots de muxido que se instalan en Galicia, máis de seis son de Lely, o que sitúa esta marca cunha cota de mercado próxima ao 70 %.
Para acadar este importante fito hai que destacar moitos factores. O primeiro, e sen dúbida o máis relevante e demostrado, é que os Lely Astronaut son a mellor e máis fiable máquina do mercado. Isto, unido ao gran servizo técnico, con case 50 persoas no equipo, conforma un binomio difícil de superar para o resto das marcas.
En canto ao volume de litros de leite muxido, os robots de muxido Lely Astronaut son os que máis destacan, xa que a media dos 440 robots Lely se sitúa por enriba dos 37 litros, unha cifra que foi mellorando nos últimos anos grazas ao bo facer dos gandeiros e á fiabilidade dos Astronauts.
O volume de negocio destes robots Lely no mercado galego é moi destacable, acadando máis de 355 millóns de litros muxidos ao ano, o que supón unha facturación de máis de 160 millóns de euros para os produtores con robots da marca holandesa.
Lely, ou o que é o mesmo, Agrotec Entreacanales, empresa que xestiona esta franquía en terras galegas, ten como obxectivo a curto prazo chegar aos 500 robots nos próximos meses e seguir sumando fitos xunto aos seus mellores aliados, os gandeiros, que apostan por unha filosofía clara como é o tráfico libre, que está a dar grandes resultados.
GANADERÍA HEDRA
A explotación leiteira que sumou o robot 400 en Galicia para Lely foi Ganadería Hedra, no concello lugués de Outeiro de Rei. Esta granxa, xestionada por Felipe Veiga e seu pai, José, instalou dous Lely Astronauts A5 e un arrimador de comida Lely Juno Flex. O seu primeiro robot foi o que conseguiu sumar ese fito para Lely, e Felipe cóntanos a súa experiencia desde a instalación da súa primeira máquina no mes de setembro.
Como está a ser a experiencia desde que comezaron cos robots?
O que máis me chamou a atención foi o incremento de produción, subimos máis de sete litros por vaca e por día. Outro punto importante para nós é a flexibilidade que che dá o robot. Antes tiñamos que estar moita máis xente traballando e agora unha persoa soa pode atender puntualmente a granxa.
Cal foi o incremento de leite nestes meses?
Máis de sete litros é o que subimos. Partiamos de 35 litros de media por vaca e por día e agora mesmo estamos pasando dos 42. Este robot, o número 400, está nos 46 litros de leite por vaca e día, e o outro está sobre os 40 litros. Se conseguimos manter estas medias estables sería o ideal, pero creo que aínda poderiamos ir a máis, porque levamos pouco tempo e o incremento foi moi grande.
Tiñan ganas de robotizar o muxido?
Robotizar para min era completamente necesario. Meu pai ten 70 anos e para poder quedar aquí, coa granxa, necesitaba robotizar. Isto permíteme traballar dun xeito máis cómodo, flexibilizar horarios e ser moito máis eficaz para rendibilizar o investimento.
Están contentos?
Estamos moi contentos cos robots, e creo que temos aínda moita marxe de mellora, porque só levamos dous meses e medio muxindo con estas máquinas. A nosa idea é que a explotación se poida situar nos 45 litros de media por vaca e día. En pouco máis de dous meses mudounos moito a vida. Agora é todo máis flexible. Antes chegabamos ás cinco da mañá para muxir nunha sala tándem de 5x2. Agora podemos ter máis vida e máis tempo libre.
Que impresión ten dos datos que lles ofrecen os colares?
Os colares son vitais para nós. Melloramos moito coas inseminacións, detéctanse antes e practicamente non hai que facer ningunha indución ao celo, é todo moito máis natural. A ruminación tamén é básica para detectar enfermidades. A verdade é que non entendo o robot sen estes colares. A información é esencial para mellorar.
Cantos animais están muxindo?
Hoxe estamos muxindo 118 animais, 60 nun parque e 58 noutro. Pola pouca experiencia que temos aínda, o robot funciona mellor con 60 que con 65 vacas, pero é certo que sacan moitos litros de leite diarios. Temos unhas máquinas moi fiables e só podemos dicir cousas boas delas e da marca.