BENESTAR E TECNOLOXÍA

SAT Etxalde impulsa a súa produción con Lely e o tráfico libre

Roberto Uriarte é un dos socios de SAT Etxalde, granxa situada en Elosu, Legutio (Álava). Uriarte conta que este ano implementaron o sistema de muxido robotizado con tráfico libre da man de Lely, con catro Astronaut A5 e resultados satisfactorios. Máis en Vaca Pinta 56.

Nesta gandería posúen uns 410 animais: 228 en lactación, unhas 40 vacas secas e, o resto, recría. A súa produción actual é de 47 kg por exemplar ao día, cun número medio de muxidos de arredor de 2,8-2,9. En canto ás calidades, rexistran cifras de 3,50 % de graxa e 3,20 % de proteína.

En febreiro comezaron a utilizar dous Lely Astronaut A5 e, pouco despois, en maio, instalaron dous máis. Ademais dos Astronaut, tamén dispoñen dun Collector e do Juno. Unai Etxaiz, delegado de vendas de Lely no País Vasco, Navarra e Cataluña, describe Etxalde como “unha granxa de referencia en todo o País Vasco”.

En total, seis persoas traballan na gandería. A parte da agricultura, pola contra, téñena externalizada. A rutina diaria comeza ás seis da mañá e, ao longo da xornada, desenvolven diversas tarefas: alimentación dos animais con unifeed, atención aos xatos, posta a punto dos cubículos, dar o penso ás xovencas, inseminar, tratar algunha vaca que estea enferma ou resolver atrasos dos robots. “Os atrasos son moi poucos. Ao principio custaba un pouco máis, pero agora nun par de horas están todas muxidas”, apunta Roberto Uriarte, socio de SAT Etxalde. Sobre as seis e media ou sete da tarde adoitan ter finalizados os labores.

Cambio de sistema de muxido: de sala a robots

Ata hai un ano, en SAT Etxalde muxían dúas veces ao día nunha sala de 2x10 de saída rápida. Pola mañá adoitan rematar sobre as once e, pola tarde, muxían ata case as nove da noite. Debido a iso e por problemas coa man de obra, Roberto Uriarte propuxo ao resto dos socios o cambio ao muxido robotizado. Todos estiveron de acordo.

Nun primeiro momento, barallaron outras opcións e visitaron granxas con batch milking. Finalmente, e en parte grazas ao asesoramento dalgún nutrólogo, decidiron descartar esa alternativa e optar polo muxido robotizado con tráfico libre. “Eu, desde o primeiro día, sabía cal era o sistema que funcionaba e que quería, pero algúns dos meus socios tiñan certas reticencias. Non nos equivocamos para nada coa nosa elección, iso téñoo clarísimo”, afirma o gandeiro.

A pesar de que ao principio Roberto tiña un pouco de medo polo cambio, confesa que as vacas se adaptaron moi ben: “É impresionante observar a produción dalgúns animais”. En xeral, aumentaron nuns 3 ou 4 kg de leite por cabeza ao día.

Benestar animal e maior produción co tráfico libre

“O tráfico libre supuxo unha mellora no benestar do rabaño e no traballo da granxa ao ir muxirse elas soas e cando queren”, explica o gandeiro, que engade que os robots de muxido son un investimento forte pero que se recupera, porque a vaca está mellor e dá máis leite. Roberto cre, de feito, que o obxectivo que se propuxera inicialmente o vai superar coa subida de produción, e que amortizará o investimento antes do pensado.

Ademais, desde a gandería son conscientes de que o incremento da produción se debe en gran parte ao tráfico libre: “Canto máis tranquilo estea un animal, mellor será: déitase, come e móxese cando quere. Non se molesta ás vacas e van ao seu aire. De feito, as fins de semana é cando máis leite dan, que é cando estamos menos persoas aquí”.

En SAT Etxalde, o único cambio recente foi implantar o tráfico libre cos robots de muxido Lely. O resto das variables —alimentación, asesores, socios, gando etc.— continúan igual. Así pois, este é un bo exemplo de que un único factor pode influír considerablemente no benestar das vacas e na economía da empresa.

“Co robot, decateime de que non sei ata onde poden chegar estes animais pola súa capacidade xenética. Con só dous muxidos non lograbamos aproveitar todo o potencial de produción do gando. Agora que se moxen cando queren, empezamos a velo”, comenta o socio da gandería.

“Encántanme as vacas e fálolles coma se fosen persoas. É a miña forma de traballar. Adoro o que fago e sempre gocei facéndoo. Gústame moito estar con elas e camiñar entre elas. Percíbese harmonía na granxa e cada un vai ao seu”, comparte Roberto, que engade que é importante que os exemplares te recoñezan e non che teñan medo.

Eficiencia e tranquilidade en Sat Etxalde

“O robot cambiounos a vida tanto a nós como ás vacas. Estamos a traballar para que este negocio sexa eficiente, sostible e que respecte o benestar animal”, asevera Roberto Uriarte. Adriana Virto, que traballa na granxa, fai fincapé en que tamén é crucial a tranquilidade do gandeiro; cos robots, o benestar intensifícase en ambos os casos.

David Bengoa Ruiz, outro socio de SAT Etxalde, recomendaríalle a calquera gandeiro que estea a pensar en robotizar a granxa que non o dubide. Virto anota ao respecto que “a eficiencia é moitísimo maior e o rendemento das vacas é mellor. Ademais, nótanse moito a paz e a tranquilidade”.