Esta gandería fundouse en 2002. Comezaron muxindo oitenta vacas nunha sala e, pouco a pouco, foron medrando. En 2017 montaron dous A4 e, en 2021, implementaron unha terceira unidade, o A5. Este ano instalaron o novo A5 Next.
“Cando tiñamos sala, ao pasar ás tres muxiduras complicóusenos o traballo pola man de obra. Nese momento decidimos dar o salto ao robot. Percibiuse moito no benestar e na tranquilidade das vacas”, narra Fernando Grille, un dos socios.
Actualmente, contan con 190 animais en muxido que producen 42 litros por cabeza ao día, cunha media de 3,2 muxiduras diarias. As vacas en lactación divídense en dous lotes, con dous robots en cada un. Traballan moito as calidades e rexistran un 3,70 % de proteína e un 4,00 % de graxa.
Nesta granxa teñen sobre 78 hectáreas e cultivan entre 60 e 65 de millo e herba. Hoxe en día contan con dous empregados que traballan en quendas rotativas de mañá e tarde. Posúen 25 vacas secas e a recría acada a cifra de 180, tal e como detalla o outro socio da gandería, Juan José Barcia: “Contamos con bastante recría porque temos exemplares moi lonxevos e de moitos partos —que chegan aos dez nalgún caso—. Isto tamén é grazas ao robot de muxido, xa que lles favorece o feito de poder ir muxirse as veces que queiran”.
TRÁFICO LIBRE: CLAVE PARA O BENESTAR ANIMAL
Juan Alonso, comercial de Lely en Lugo, declara que co sistema de tráfico libre que defenden desde Lely e que aplican en SAT Caamaño, as vacas poden facer o que queiran en cada intre do día: “Déitanse, comen, beben e móxense cando elas consideran. O tráfico libre é para nós unha filosofía e entendémolo como algo básico, porque vemos que é a maneira na que están máis a gusto, producen máis leite e, en definitiva, ten unha repercusión económica positiva no gandeiro”.
Alonso insiste en que con este sistema non se molesta os animais, o que lles achega calma e benestar: “Simplificamos un pouco todo o proceso, o gando agradéceo e, do mesmo xeito, proporciónanos máis leite no tanque”.
Fernando Grille concorda en que percibiu unha maior tranquilidade nos exemplares co cambio aos Astronaut: “É moi distinto á sala de muxido. Hai unha gran porcentaxe de vacas deitadas e xa non temos esa trasfega de estalas sempre levantando. Nótase moito”. Grille tamén opina que o tráfico libre é o sistema máis lóxico e no que o rabaño se sente máis cómodo: “Adáptase moi ben. As primíparas aos poucos días xa se acostuman”.
Pola súa parte, Juan José Barcia coincide en que os robots achegan serenidade aos animais: “A nós gústanos que estean ao seu aire e non estresalos”. Barcia incide así mesmo en que se familiarizan rapidamente coa máquina, axiña pasa a ser un elemento rutineiro e entran a muxirse cando o necesitan grazas ao tráfico libre.
CAMBIO EN POSITIVO CO A5 NEXT
Nesta gandería xa notaron diferenzas cando implementaron o Astronaut A5 con respecto ao A4: “O A5 non nos deu nin un fallo, ningún problema. É moi fiable. Non fai ruído e os animais non lle teñen medo para nada”, relata Barcia.
Agora, co A5 Next —o primeiro que se instala en toda Galicia—, están a observar novas melloras. “Grazas á cámara e ao láser conecta mellor. Iremos vendo todos os seus avances. Polo de agora levamos pouco tempo con el, pero si que se advirte un bo progreso”, manifesta Grille.
No novo Astronaut de SAT Caamaño entran unhas 55 vacas, tal e como conta Fernando Grille: “O número ideal por robot é entre 55 e 60. Así elas están mellor e máis tranquilas, apenas teñen atrasos e conséguense máis de tres muxidos”.
Iván Brea, responsable comercial de Lely para A Coruña, enumera algunhas das innovacións do A5 Next: “Conta cun novo sistema operativo, o AOS-2; detecta os tetos a través de láser e cámara; inclúe a identificación co crotal electrónico e agrega un novo sistema Milk for Juice para o leite. O máis importante son as actualizacións que virán máis adiante”. Brea apunta que todas as unidades de A5 actuais se poderán converter nun futuro en A5 Next.
LELY, UNHA ELECCIÓN CORRECTA
“No seu momento eliximos Lely porque nos fiamos da experiencia que tiñan e do servizo que daban”, explica Grille sobre a motivación de escoller Lely fronte a outras opcións. Barcia engade ao respecto que estiveron vendo varias alternativas, pero decantáronse pola firma holandesa porque foi a máquina que máis lles gustaba e a que máis seguridade lles daba no mantemento, debido ao seu servizo técnico.
Grille observou que todos os gandeiros que poñen robots non dan marcha atrás na súa decisión: “Vese que todo o mundo que adquire un ou dous, axiña vai a por máis”, comenta.
“As nosas vacas son todo, a nosa forma de vida. Se elas están ben, nós estaremos ben”, conclúe Juan José Barcia.