1 Lely Astronaut A5

A robotización e o tráfico libre transforman o día a día en Berbiaran

Francisco Javier Andueza é socio da gandería Berbiaran, onde o ano pasado instalaron un Lely Astronaut A5. A idea xurdiu do seu fillo, Julen, que quixo robotizar o negocio para poder incorporarse a el. Os propietarios da granxa móstranse gratamente sorprendidos coas melloras acadadas grazas a esta máquina. Máis en Vaca Pinta 57.

En Sociedad Agropecuaria Berbiaran, situada na localidade de Arandigoien (Valle de Yerri, Navarra), contan cun total de 121 animais (65 vacas en lactación, 13 secas e 43 xovencas). A velocidade de muxido está entre 3,3 e 3,5 litros por minuto, e a media de número de muxidos é de 3,0-3,1, aínda que nalgún momento chegaron a lograr os 3,2. A media de produción actual é de 37 kg/vaca/día. Os datos reprodutivos da granxa son moi positivos e, desde que teñen o robot, melloráronos aínda máis, ao igual que a detección de celos, xa que, ao non molestar ao rabaño, todo se manifesta de forma máis natural.

A ración das vacas de leite nesta explotación componse de 25 kg de forraxes de inverno, 12 kg de millo e o penso, repartido en 7 kg en unifeed e 6 kg no robot. As forraxes de inverno son unha mestura que traen de Italia e que contén diferentes cereais (trigo, triticale, avea branca e negra e veza). “Cremos que é a base para que esta granxa funcione ben. Ademais, é a forma máis barata que temos de conseguir forraxe, porque aquí todo é de secaño e buscamos máis a produción de forraxes de inverno. En canto ao millo, contamos con 8 hectáreas de regadío, que facemos a dobre colleita, e tamén compramos unhas 5 hectáreas a agricultores coñecidos”, explica o gandeiro. Así, só adquiren un pouco de millo para complementalo co que eles producen, ademais do penso. Deste xeito, conseguen que a alimentación sexa moi económica.

Nos inicios da granxa, só traballaban nela Andueza e a súa muller, Noelia Ibáñez. Como as tarefas foron aumentando, contrataron un empregado. Recentemente, o seu fillo Julen quixo incorporarse á empresa familiar, co cal a día de hoxe son catro persoas traballando na gandería. “Agora, co robot, somos moitos e temos que reestruturarnos”, apunta Javier Andueza.

De muxido en sala a robot: unha decisión importante

Nesta granxa comezaron no ano 2000 a muxir cunha sala de muxido 5x2 de espiña de peixe, ata que na primavera de 2025 instalaron o robot de Lely.

A colocación do robot de muxido xurdiu precisamente a raíz da incorporación do seu fillo á granxa. “Díxonos que quería comezar a traballar aquí e empeñouse en adquirir o robot. A verdade é que nun primeiro momento viámolo complicado, pero ao final veunos moi ben. El vai ver os problemas que se lle irán presentando e nós temos a experiencia para ir ensinándolle. Así, finalizamos a nosa vida laboral mentres el inicia a súa, co apoio da nosa experiencia”, narra o gandeiro.

“O cambio que deu a gandería coa instalación do robot foi brutal”, afirma Andueza, que engade que xa non teñen que vir muxir, senón só a botar de comer, xestionar o manexo das camas e vixiar o negocio. “A verdade é que as vacas nos axudaron moitísimo porque van moi ben ao robot. Pensabamos que habería moitos problemas cos ubres, que o robot non sería capaz de collelos, pero a verdade é que para nada”, agrega.

A robotización tamén influíu de maneira positiva no benestar dos traballadores, xa que agora teñen moitas máis ganas de vir traballar ao non pasar horas muxindo. Así mesmo, os exemplares están moito mellor. “Elas van, móxense e teñen as súas rutinas. Estamos moi contentos”, comenta Andueza.

Lely e o tráfico libre, todo un acerto

Javier Andueza sempre pensou que co robot funcionaría mellor un tráfico forzado: “O tráfico libre non o tivera claro nunca. Cando xa optamos por instalar o robot, había que tomar a decisión. Probamos co tráfico libre e, a verdade, para min foi a bomba. Non estamos para nada detrás das vacas e, practicamente, estamos todo o día véndoas”.

Á hora de decantarse pola marca do robot, estiveron valorando diversas opcións e concluíron que todas funcionaban, así que a decisión foi difícil. O que lles axudou a apostar por Lely foi, principalmente, a opinión do seu nutrólogo e doutros técnicos: “O noso nutrólogo manexa moitos robots de muxido e animounos a escoller Lely. Outros técnicos independentes, que non teñen nada que ver coa marca, tamén nos aconsellaron Lely, xa que é máis rápido que as outras alternativas, o cal nos interesaba especialmente”.

Os beneficios do Astronaut

Julen Andueza, o fillo de Francisco Javier, xa forma parte do negocio familiar: “O Lely Astronaut A5 e mais eu entramos da man na granxa”. O mozo gandeiro declara que o que máis lle sorprende deste robot é a limpeza dos ubres, a rapidez de muxido e a súa conexión. Julen tamén lle dá importancia ao brazo do robot, que é moi robusto e fai que a colocación sexa veloz.

O gandeiro opina que o Astronaut está moi ben deseñado para as vacas, xa que posúe unha entrada e unha saída moi rápidas e fluídas: “Están moi a gusto e enténdeno moi ben”.

“Os animais en muxido están xerando 200 visitas diarias ao robot, o cal conta cun 6 % de tempo libre. Canto máis tempo libre temos, menos atrasos rexistramos. Os atrasos non son só as vacas que non van muxirse, senón tamén as que non teñen tempo para iso porque o robot vai moi axustado. Este Astronaut dispón de moita capacidade de muxido, así que non xeramos atrasos”, conclúe Julen Andueza.