XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Os primeiros Lely Astronaut A5 Next de Cataluña, na granxa Crous Cutrina

Lely celebrou no mes de febreiro unha xornada de portas abertas en Crous Cutrina, situada en El Martí, Orís (Barcelona). Os socios deste negocio instalaron, hai tan só dous meses, tres unidades do innovador Lely Astronaut A5 Next: os primeiros de toda Cataluña. Máis en Vaca Pinta 57

Santi Crous é un dos socios desta gandería, na que moxen a 189 exemplares que producen uns 37,5 litros/vaca/día, cunha media de número de muxidos de 2,7.

“A granxa está moi ben deseñada, cos robots en cabeceira, con moito espazo diante e co bebedoiro”, explica Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing en Lely Center Los Corrales.

En dous dos robots teñen cama quente, con acceso para vacas de dous e máis partos. En total, moxen a 130 animais neses dous Astronaut. O terceiro destínase ás primíparas, que están en cubículos, con 60 exemplares: “Todas van ben ao muxido. Distribuímolo así por temas de espazo”, afirma o gandeiro.

Tamén contan cunha área de atrasos, que ocupa uns metros cadrados e onde non hai cubículos. Grazas a esta zona, Sánchez declara que é moi doado para os gandeiros meter aquelas vacas que requiren ser muxidas porque están ao final da lactación ou por unha situación de aprendizaxe; é dicir, aquelas que puntualmente necesitan que se muxan: “Con isto facilitamos o traballo do gandeiro”.

O Lely Astronaut A5 Next, polo miúdo

Sánchez apunta que, cando viu por primeira vez o Astronaut A5 Next, xa observou que era un robot máis rápido, limpaba mellor, realizaba menos movementos e era máis preciso ca o seu antecesor. Ademais, decatouse de que cometía menos fallos. Sánchez manifesta que “a tecnoloxía nos vai introducindo novidades que nos permiten ser máis eficaces. O Astronaut sempre foi o robot máis fiable do mercado, pero en Lely gústanos ir diminuíndo o número de erros e que a máquina sexa o máis segura posible”.

Santi Crous comparte a súa experiencia cos A5 Next: “Non sei como funcionan os outros modelos, pero nós estamos moi contentos. Puxémolos xuntos, cunha sala no medio e o certo é que vai moi ben para controlar as vacas e ter todo a man, incluídos os caldeiros para recoller o leite. Hai dous meses que os instalamos e funcionan ben”.

Outras solucións de lely

Ademais dos Astronaut, en Crous Cutrina adquiriron un Collector C2 para a limpeza dos corredores. Polo de agora só o utilizan nunha parte da gandería, porque aínda teñen que facer algunha obra: “A verdade é que funciona moi ben”, comenta Santi Crous.

Adicionalmente, levan traballando cun arrimador de comida Juno desde hai medio ano, que lles aforra moito traballo. Crous puntualiza que, deste xeito, o gando sempre ten o alimento preto, o cal agradecen.

Benestar animal co tráfico libre

Crous expresa que o que máis lle sorprendeu co cambio ao muxido automatizado é o carácter das vacas, xa que as ve moi tranquilas; están relaxadas e van muxirse cando queren: “Cando vén xente nin se inmutan, porque van á súa bóla”. Alba Crous, filla de Santi, que tamén forma parte da empresa familiar, engade que agora sempre están así e que nunca se estresan.

Os propietarios de Crous Cutrina escolleron os robots de Lely fronte a outras alternativas existentes porque “vimos que van un pouco máis avanzados ca os outros. Son moi funcionais, o brazo é resistente e iso convenceunos. Ademais, ás vacas gústalles. Hoxe acaba de entrar unha por primeira vez a muxirse e faino como se entrase todos os días: tranquila”.

“Desde que temos os Astronaut, elas van muxirse cando queren ou o necesitan. Levántanse e miran se hai moitas vacas agardando ou non. Se hai moitas, ás veces van comer e despois xa volven. Van ao seu ritmo todo o tempo: poucas están aquí agardando”, relata Alba Crous, que agrega que desde a gandería buscan solucións que os seus animais queren e necesitan.

“Ao final, estamos mirando polo benestar e a felicidade dos nosos animais, pero tamén pola dos gandeiros, por suposto. O que se busca nunha granxa é producir. Co muxido robotizado vemos que o logramos, que podemos alongar a lonxevidade do rabaño e que as vacas están mellor”, conclúe a gandeira.