A automatización segue gañando terreo nas explotacións gandeiras e ofrecendo solucións cada vez máis precisas, eficientes e adaptadas ás necesidades do sector. Neste contexto, Lely volve marcar o rumbo co lanzamento do seu último robot de alimentación. O renovado Vector é máis potente e versátil e, ademais, está mellor conectado grazas á nova aplicación Lely Control+. Máis en Vaca Pinta 52.
A multinacional holandesa Lely presentou o seu novo robot de alimentación, o Vector Next, unha solución avanzada que optimiza a estratexia de alimentación nas explotacións gandeiras, de xeito que se reducen os custos laborais e mellora a saúde do rabaño.
Este novo modelo, denominado Vector MFR (Mixing and Feeding Robot) M2 Next, está equipado cunha batería de litio de última xeración, que ofrece un 10 % máis de capacidade de traballo en comparación co modelo anterior. Grazas ao seu innovador supercargador, esta batería permite realizar máis ciclos de carga sen interrupción, o que reduce sensiblemente os tempos de carga.
O MFR M2 Next é de aceiro inoxidable e, xunto co seu novo senfín, do mesmo material, está deseñado para resistir as forraxes máis ácidas e garantir unha óptima durabilidade. O senfín permite unha distribución homoxénea das racións de alimento e asegura que cada animal reciba a cantidade de comida que necesita. Trátase dunha solución robusta e precisa para unha alimentación de calidade para o gando.
O Vector Next conta cunha nova aplicación, Lely Control+, que ofrece un manexo moito máis intuitivo e eficaz do robot de alimentación. A súa interface, simplificada, presenta unha navegación moito máis fluída. Todo isto está pensado para facilitar o día a día dos gandeiros e permitirlles controlar a alimentación do seu rabaño dun xeito nunca visto.
O robot incorpora conectividade avanzada mediante unha transmisión de datos en tempo real a través dunha conexión Wi-Fi optimizada. Grazas ás aplicacións Lely Control+ e Lely Horizon, os gandeiros poden supervisar e controlar a alimentación do seu rabaño en todo momento desde o seu smartphone.
Este Vector destaca polo seu robusto eixe de transmisión e un bastidor con capacidade para ata 800 kg de alimento, o que supón un 35 % máis de aumento que o seu predecesor. Grazas ás súas innovadoras rodas motrices, o robot desprázase con suavidade, incluso en pendentes de ata un 8 %.
A flexibilidade do Vector Next faino axeitado para practicamente calquera tipo de explotación, xa sexa con corredores estreitos, múltiples establos ou terreos irregulares. Unha das características desta evolución é que a máquina é capaz de achegar a comida tanto cara á dereita como cara á esquerda, o que aumenta aínda máis a súa capacidade nos percorridos.
O deseño do novo Vector tamén foi mellorado en termos de seguridade e funcionalidade, xa que inclúe sensores de proximidade e unha maior iluminación.
O Vector Next permite que as vacas teñan acceso a alimento fresco as 24 horas do día os 365 días do ano, o que fomenta unha inxestión natural acorde co seu ritmo biolóxico, favorece a dixestión e aumenta potencialmente a produción de leite. Ademais, o seu sistema de alimentación de precisión asegura a dosificación axeitada da comida por grupos de idade ou tipo de gando; deste xeito, redúcense os desperdicios e maximízase a eficiencia alimentaria.
A estratexia de alimentación é unha parte importante nas explotacións gandeiras. Unha alimentación óptima adoita traducirse nun incremento da produción de leite ou de carne. Isto é máis doado de conseguir coa alimentación automatizada que ofrece o Lely Vector Next. O láser do Vector medirá sempre a altura de comida restante na cornadiza para saber se as vacas precisan máis, polo que os animais sempre comerán o que demandan.
A dispoñibilidade do novo Vector Next é inmediata; de feito, xa hai varios MFR que se instalarán nos vindeiros meses en Cantabria, Asturias e Galicia, nos cales se poderán comprobar as vantaxes que ofrece este novo robot de alimentación da firma holandesa.
Tras a presentación do Lely Vector Next, Lely dá un paso máis na súa visión da explotación do futuro. As solucións desta multinacional para as ganderías leiteiras céntranse en cinco áreas de impacto, que se basean tanto nas necesidades dos gandeiros como nas dos consumidores. Deste xeito, desde Lely pretenden converter os retos de hoxe nas oportunidades do mañá.
Se quere máis información sobre o Lely Vector Next, non dubide en contactar co seu Lely Center máis próximo. Os profesionais de Lely faranlle un estudo sen compromiso e contaralle os beneficios que esta máquina pode ter dentro da súa explotación.