LELY VECTOR (IV)

MFR e pinza, a mellor combinación para unha alimentación constante e precisa

MFR e pinza, a mellor combinación para unha alimentación constante e precisa

Sempre que se fala do Lely Vector (de Lely), pénsase no MFR, o pequeno carro mesturador onde se prepara e, posteriormente, se distribúe a comida, e na pinza, necesaria para a recollida do alimento na cociña do Vector. Neste artigo debullaremos as vantaxes que lles permiten a ambos os elementos ser pezas clave dunha tecnoloxía que facilita a vida de gandeiros e animais. Máis en Vaca Pinta 50.

O binomio pinza e MFR converten o Lely Vector nunha conxunción insuperable para a alimentación das vacas. Estas dúas ferramentas son as que lle permitirán ter a máxima precisión para, primeiro, recoller a comida na cociña e, despois, repartirlles a ración aos animais.

O MFR (mixing and feeding robot) é o robot de mestura e alimentación, dispón dunha capacidade de 2 metros cúbicos, é 100 % eléctrico e completamente autónomo. A máquina vai equipada con sensores indutivos e ultrasóns, que lle axudan para o seu posicionamento nas granxas. Ademais, vén dotada cun láser, que será o encargado de medir a altura de comida existente na cornadiza. Grazas a ese cálculo, o Vector determinará se hai que preparar máis alimento ou non.

Os sensores indutivos posibilitan que o Vector se poida mover pola granxa onde non haxa cornadiza. Para iso instálanse unhas pranchas de aceiro que a máquina vai seguindo no seu percorrido, minimizando calquera tipo de desvío na súa ruta programada.

Os ultrasóns propician que, unha vez que a máquina chegue ao comedeiro, se poida guiar polas cornadizas distribuíndo ou arrimando a comida á distancia que cada gandeiro desexe. Como se comentou, o Vector non só é un robot de alimentación, tamén fai de arrimador cando a comida no presebe non é suficiente para as vacas.

O láser que incorpora o Lely Vector precisará se as vacas necesitan ou non máis alimento. Ao realizar a función de arrimar, o Vector vai medindo a altura de comida que hai nas cambeleiras. Se esa altura, na media da manxadoira, é inferior á que desexa o gandeiro, o Vector de forma autónoma preparará máis. Deste xeito, as vacas sempre dispoñerán dunha ración fresca e comerán o que elas mesmas demanden. Así, optimízase o uso das materias primas e séguese dando exactamente a cada animal o que necesita para seguir producindo máis leite.

O MFR é capaz de repartir en cada viaxe uns 800 quilos de comida, aproximadamente, sempre e cando esta ración sexa pesada; por exemplo, para vacas en produción, millo, herba, alfalfa e concentrados de penso.

A velocidade de avance do MFR do Vector é de 20 metros por minuto, o que lle permite á máquina moverse pola granxa de forma rápida sen perder tempo nos seus percorridos. Mentres o Vector está descargando a comida, tamén se poderá axustar a velocidade coa que cada gandeiro quere que descargue o recipiente, adaptándose así aos requisitos que os responsables soliciten.

As medidas do recipiente do Vector son de 1,93 metros de alto, 1,5 metros de diámetro e 2,4 metros de longo, cun peso total de 1.275 quilogramos. O chasis da máquina é de aceiro inoxidable cun grosor de 1,5 centímetros, polo que dota o Lely Vector dunha alta resistencia.

O MFR vai equipado con catro coitelas grandes e tres pequenas, para unha maior eficiencia na mestura do alimento. Deste xeito, conséguese unha homoxeneidade na comida para distribuírlles aos animais, que presenta a textura desexada por cada gandeiro.

A pinza de carga é outra ferramenta básica do Vector, a cal será a encargada de recoller todo o alimento depositado na cociña e levalo ao recipiente para mesturalo e, posteriormente, distribuílo. Este instrumento é capaz de apañar, de cada vez, ata 150 kg de peso, o que reduce o tempo de carga e o número de movementos do ponte grúa, polo que se move.

A pinza ou garra leva tamén un láser para ler os compartimentos de alimento e poder determinar tanto o ancho como o longo e a altura de cada compartimento. Esta ferramenta ten unhas dimensións de garra que oscilan entre 1,4 metros e 1,5 metros, totalmente aberta, cun peso total da pinza de 400 kg e é completamente estanca.

Esta pinza sempre estimará o peso en cada carga, que será validado polo recipiente unha vez se introduza o alimento, co que se consegue unha precisión na carga superior ao 98 %. A garra suxéitase a través dunhas correas de elevación e de peche, o que lle outorga maior flexibilidade e rapidez.

Ademais, a nova pinza do Lely Vector leva un recente sistema que impide que queden restos de comida na propia garra, baleirándose completamente cada vez que descarga dentro do MFR.

O Lely Vector é unha máquina intelixente, á que o gandeiro lle dirá o que desexe, tanto á hora de coller os alimentos como para mesturalos e distribuílos. En números anteriores xa comentamos que o Vector non é un autómata, senón un robot de alimentación intelixente, que facilitará a vida do persoal da granxa e das súas vacas.