Os días 29, 30 e 31 de maio Lely organizou en Valladolid unha xornada dedicada á xestión de grandes rabaños e ao Dairy XL. Os asistentes puideron gozar de diversas charlas da man de expertos no sector e de varias actividades, ademais de coñecer a explotación SAT Prados Hondos. Contámolo en Vaca Pinta 39.
Valladolid foi o lugar escollido para celebrar a Xornada Técnica de Lely sobre Granxas XL, que se levou a cabo os días 29, 30 e 31 de maio. Así, a compañía invitou os asistentes a desfrutar de varios relatorios e a coñecer unha granxa automatizada, SAT Prados Hondos. Durante o transcurso deste evento, puidemos conversar cos relatores sobre diversos temas relacionados co concepto de granxas XL de Lely, o tráfico libre ou as áreas de separación, entre outros.
Alberto Sánchez, responsable de vendas e marketing de Lely Center Los Corrales, destacou o concepto Dairy XL de Lely, o cal creou e desenvolveu a compañía para o manexo de granxas de máis de 500 cabezas. “Con iso imos conseguir que os gandeiros produzan máis leite con menos uso de man de obra e, por suposto, non nos esquecemos das nosas protagonistas: as vacas”, puntualizou.
A existencia de áreas de separación é un dos criterios que Lely defende para as granxas XL, xa que son vitais para dedicarlles a maior parte do tempo ás vacas que máis o necesitan. Outro dos aspectos a ter en conta que sinalan desde esta empresa é a falta de tempo das vacas. Se facemos cálculos, só lles quedan dúas horas e media cada día para o muxido: “Co tráfico libre, solucionamos isto e conseguimos que o animal permaneza moi pouco tempo de pé. Somos inimigos das vacas coxas, gústanos que estean sas porque é a súa principal arma, a cal nos vai facilitar a nós o éxito”.
A alimentación é outro tema no que fixarse en calquera granxa e a razón pola cal van elas soas a muxirse é precisamente porque ao facelo obteñen o concentrado. “Diferenciar a alimentación por vaca é algo moi intelixente, porque non todas necesitan os mesmos requirimentos e así conseguiremos que a súa condición corporal, cando cheguen ao período de secado, sexa óptima”, concluíu Sánchez.
A OPINIÓN SOBRE LELY DE VARIOS EXPERTOS
Héctor Garcinuño, xerente de Lely Center Ávila; Cedric Blanc, FMS de Lely en Norteamérica, e Gumersindo de la Riera, veterinario e asesor de CowSignals, tamén formaron parte do evento.
O xerente de Lely Center Ávila, Héctor Garcinuño, foi o encargado de darlles a benvida aos asistentes e de presentar a xornada. Neste centro de Lely contan cun parque de 198 robots. En 2008 instalaron o primeiro A3 e, actualmente, hai 30 persoas traballando, divididas en cinco departamentos. A día de hoxe teñen 3 granxas XL.
Garcinuño destacou o servizo técnico do seu Lely Center durante a entrevista: “O gandeiro quere un equipo de profesionais cerca da súa granxa. A máquina debe funcionar as 24 horas do día e nós temos que estar aí para darlle ese servizo”. O principal obxectivo desta compañía cos Astronaut é que os animais poidan ir sós a muxirse mentres que os operarios se dedican a outro tipo de tarefas, sen ningún problema nin preocupación. Para iso, tamén se empregan as zonas de separación. “É a nosa filosofía e sobre ela imos seguir traballando. Ademais, estamos vendo que realmente funciona”, sinala o xerente de Lely Center Ávila.
O uso de robots, en ocasións, asociouse única e exclusivamente a granxas pequenas. Porén, cada vez é máis evidente que beneficia claramente a grandes explotacións: “Cantos máis robots tes, menos persoas necesitas para levalos” –indicou Garcinuño–, “cando os traballadores chegan a unha gandería robotizada, o 80 % do traballo xa está feito. Entón, canto máis grande sexa a granxa, menos persoal fai falta, e iso é diñeiro”. Héctor Garcinuño concluíu que “se estás pensando en automatizar a túa granxa, Lely é a opción”.
O TRÁFICO LIBRE NA PROCURA DA SAÚDE DA VACA
O técnico holandés Joep Driessen, da empresa CowSignals e experto de referencia no benestar animal, foi un dos relatores deste evento, cuxa exposición se centrou no tráfico libre e nos seus beneficios. Este profesional leva case trinta anos traballando na saúde da vaca con veterinarios en moitos lugares de todo o mundo. De feito, visitou ata 70 países co obxectivo de axudar os gandeiros. “Cinco lactacións é o éxito”, afirma.
Driessen recordou que a vaca quere o mesmo que a xente: máxima saúde; isto é o resultado dunha boa alimentación, auga, luz, aire, descanso e espazo. SAT Prados Hondos, segundo o holandés, é un bo exemplo como gandería que cumpre con todas estas condicións, aínda que “pode mellorar máis nalgúns aspectos, como cada granxa”. Tamén é importante que as vacas dispoñan do espazo suficiente, mínimo de 70 centímetros e, os últimos dez días antes do parto, evitar o estrés para o animal.
É necesario que as vacas vivan máis tempo. Tal e como explica Joep Driessen, “o problema máis grande en todas as granxas ao redor do mundo son as coxeiras”. Nun primeiro momento empezan coxeando, paran de comer, rematan con feridas e, finalmente, acaban sufrindo enfermidades. Cada un destes contratempos supón unha falta de lactación. “Se as vacas non sofren destes inconvenientes, temos aseguradas dúas lactacións, e incluso poderemos chegar a cinco, que é a cifra ideal”. Polo tanto, o obxectivo sería chegar aos 50.000 litros de produción por vaca, cun 3,6 % de proteína e un 4,5 % de graxa. “É posible conseguilo, pero o gandeiro necesita mirar, pensar e axudar ao animal. Niso consiste o noso sistema CowSignals, que busca o benestar animal”, apuntou.
Do tráfico libre, polo que en Lely apostan claramente, o holandés destacou o beneficio que xera este ao evitar que as vacas permanezan tanto tempo de pé esperando o momento de muxido, o que minimiza radicalmente a aparición de coxeiras nos animais. Ademais, confesou que a opción de usar robots lle agrada porque moxen nun tempo moi curto e de maneira totalmente automatizada.
“Hai moitos sinais pequenos que poden axudar o gandeiro” é un dos lemas máis importantes que defende CowSignals. Na súa páxina web dispoñen de varios vídeos que tratan diferentes temáticas, por exemplo, infertilidades, mastites, coxeiras etc. Tamén ofrecen cursos ata en 70 países, con asesores especializados.
Pola súa parte, De la Riera centrou a súa intervención na visión do veterinario en relación ás granxas con robot. Un dos temas que máis remarcou durante a súa quenda foi o cambio do papel do veterinario de campo que, nos últimos tempos, tamén se dedican a asesorar os gandeiros. Algúns dos beneficios que este veterinario resaltou sobre o tráfico libre na conversación que mantivemos con el baséanse na rendibilización da produción e no benestar das vacas.
De la Riera considera que as áreas de separación son moi importantes, tanto para evitar a competitividade no rabaño xeral como para facilitar o traballo dos técnicos e dos gandeiros.
Como profesional, resalta que as enfermidades das vacas son un aspecto negativo para a produción e débense evitar sempre na medida do posible e solucionalas en canto sexa necesario. Isto supón, inevitablemente, un custo para a gandería. Co modelo de Lely de tráfico libre e as áreas de separación, o número de vacas enfermas adoita diminuír, o que trae consigo un aspecto moi positivo para as explotacións.
O FMS de Lely en Norteamérica, Cedric Blanc, foi o protagonista do último dos relatorios dados neste acto, onde afondou no manexo da man de obra en granxas XL, máis concretamente na situación actual que están vivindo este tipo de ganderías en Norteamérica. Vive en California e a súa zona de traballo comprende as áreas de América do Norte e do Sur, e Europa occidental.
Segundo Blanc, nos países americanos, a situación das granxas XL varía con respecto a Europa e tamén é diferente entre si, dependendo dos territorios. En California ou Texas si teñen experiencia con granxas de grandes tamaños. En América Latina, a cifra de exemplares adoita diminuír un pouco máis e en Europa occidental trabállase fundamentalmente con granxas de tamaño máis ben familiar, aínda que nalgunhas zonas o número de cabezas vai aumentando, como é o caso de España, por exemplo.
“A vantaxe de Lely é que xustamente une todos os beneficios de benestar animal cun concepto de liberdade dos animais grazas ao tráfico libre”, sinalou. Tamén insistiu no asesoramento que a compañía leva a cabo cos seus clientes, para que así poidan controlar ben esta forma de manexo, con sistema robotizado e tráfico libre.
A IMPORTANCIA DA NUTRICIÓN
Ángel Ávila, nutrólogo e unha figura moi relevante dentro do sector, tamén participou como relator no encontro, cunha charla centrada na nutrición no robot de muxido Lely.
Na actualidade, está manexando unhas 65 ganderías con robot; algunhas delas son consideradas como granxas XL, como por exemplo unha que ten 10 robots.
Segundo nos relatou, unha das anécdotas recentes que máis marcou a súa traxectoria profesional ocorreu o ano pasado, momento no que deu un webinar para unha empresa de nutrición no Brasil. A través deste, moita xente de América do Sur contactou con el. En concreto, un grupo de persoas procedentes da Arxentina viaxaron a Galicia para coñecer as producións de aquí. “O segundo día, dixéronme que viñeran ver se o que eu contara era verdade ou non, e concluíron que si e que estaban encantados de ter vido”, explicou Ávila. Naquel momento, estaban con producións de 45-46 kg de leite; hoxe en día xa superaron a barreira dos 50 kg.
A raíz desta historia, Ávila visitou Arxentina a finais do mes de abril, país que conta con 4 millóns de vacas de leite, das cales por agora só o 20 % están tecnificadas. Alí deu charlas de nutrición en granxas XL. Tempo despois, tamén realizou unha viaxe a Hungría, lugar onde acudiu a diversas ganderías e deu varios relatorios. Deste país destacou que unha das explotacións, que contaba con 17 robots, agora busca chegar a 30: “O técnico quere vir a Galicia a ver as nosas producións, é dicir, ao final estamos exportando o noso modelo polo resto do mundo”.
O nutrólogo é, ao igual que Lely, un defensor do modelo de tráfico libre: “Permítelles ás vacas ir con máis frecuencia ao comedeiro, sobre 12 veces ao día. En cambio, cando existe un tráfico dirixido ou forzado, o consumo de alimento redúcese a menos da metade, ao igual que as visitas: sobre 6 diarias”.
Outra das funcións de Ángel Ávila nas ganderías é asesorar sobre a xestión económica. Cando se instalan robots, os animais vólvense máis eficientes e os custos redúcense. “Nun estudo de Pensilvania do ano 2017, comparáronse 8 ganderías robotizadas e 45 granxas en sala. Viuse que as explotacións robotizadas tiñan producións máis altas que as que non o estaban”. Isto débese á tranquilidade da vaca grazas á maior liberdade, por tanto, máis benestar animal e moitísimo mellor manexo.
Por último, en canto á tecnificación da alimentación con Lely Vector, Ávila recalcou que se obtén máis información que doutro xeito non se consegue, como pode ser o consumo diario de materia seca ou a eficiencia.
SAT PRADOS HONDOS, GANDERÍA PROTAGONISTA DA XORNADA
Ángel Fernando San Juan é o propietario da gandería SAT Prados Hondos, situada en Villanueva del Duero (Valladolid), a cal foi visitada durante o encontro, e é un exemplo e un referente dentro do sector. Así, os asistentes puideron coñecer de primeira man a explotación de San Juan.
Actualmente, SAT Prados Hondos posúe 468 animais en muxido, o dobre de recría e un 13 % de vacas secas. En total, rozan as 2.000 cabezas a día de hoxe. Tamén manexan 140 hectáreas de millo, 260 de centeo, 20 de viñedo e 30 en barbeito.
A granxa distribúese en dous parques. Un conta con catro robots Lely Astronaut AA e no outro sitúanse os outros catro robots dos que dispoñen, que son modelos A5. “Este último foi deseñado coa asesoría de Lely e respectando os criterios que defendemos. Un deles é que no manexo de granxas XL haxa áreas de separación”, apuntou o responsable de vendas e marketing de Lely Center Los Corrales. Tamén adquiriron no seu momento un Lely Juno para arrimar comidas e un Lely Calm para amamantar os xatos. En canto a plans de futuro, a principios do ano que vén esperan instalar dous robots máis e, máis adiante, outros dous, alcanzando a cifra total de 12. Na actualidade son 7 traballadores, incluído Ángel Fernando San Juan, os que levan a gandería.
“Ao final, o robot e o tráfico libre supoñen grandes vantaxes e é mellor para todos, tanto para as vacas como para o gandeiro. O volume de traballo diminúe para os operarios e os animais gozan de maior comodidade, liberdade e benestar”, aseverou o propietario. No caso particular de San Juan, cando quixo poñer os dous primeiros robots, no ano 2009, fixo moitas visitas por toda España e viu que a mellor opción naquel momento era Lely. “Cando pasei de 4 a 8, barallei se debería cambiar a marca de robot ou poñer unha sala robotizada. Ao reflexionalo, concluín que o ideal era seguir polo mesmo camiño que ata agora e é que eu creo que esta opción, hoxe por hoxe, é a que mellor está funcionando”.
O socio afirmou que está moi satisfeito coas súas decisións e cos resultados que está obtendo grazas a elas. Sempre que pode, recomenda Lely a quen lle pregunta e cóntalle a súa experiencia: “Énchete de satisfacción que unha persoa que apostou e que creu no que viu aquí e no que lle contaches lle funcione e lle vaia moi ben”, conclúe.