XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Máis produción en Ganadería Chancela con Lely e tráfico libre

Lely celebrou unha xornada de portas abertas en Ganadería Chancela, en Palas de Rei (Lugo), onde instalaron un Astronaut A5 en febreiro de 2025. En marzo implementaron o segundo; en abril, o terceiro, e o cuarto, en xuño. José Antonio Serén, propietario da granxa, comparte a súa positiva experiencia co tráfico libre e o muxido automatizado. Máis en Vaca Pinta 58.

En Ganadería Chancela moxen 182 animais con catro Lely Astronaut A5. O número medio de muxidos por cabeza ao día sitúase en 3,5. No negocio traballan o propio Serén e tres empregados.

Sobre a etapa na que se instalaron todos os robots, o gandeiro sinala que “foi un momento de moito traballo, pero hoxe estou contento. Ao principio a idea era poñer tres, pero, ao implementar o primeiro, decidimos que era mellor adquirir un cuarto para que non estivesen cargados de traballo, e ampliamos unha fila de cubículos”.

David Mosquera, comercial de Lely Center Outeiro, engade que nesta gandería tamén contan con dous Lely Collector C2, dous Lely Luna e un Lely Juno 150. Este último ten máis de dez anos de antigüidade.

A granxa dispón dun corredor central de alimentación, cun lote a cada lado, e con dous robots en cada parque colocados en forma de L, ademais dunha área de separación para tratar exemplares delicados ou enfermos, pero mantendo o acceso directo ao robot.

Debido á colocación dos Astronaut e á zona de separación situada detrás, instalaron unha pasarela elevada coa finalidade de poder acceder aos robots de maneira limpa e de que, ao mesmo tempo, o Collector circule sen problema pola parte inferior.

Maior benestar animal e produtividade

Serén explica que, desde que fan uso do muxido robotizado, ve as vacas ben e tranquilas, “mellor do que esperaba”. Adicionalmente, aumentaron a súa produción media de 36,5 kg a 43,5 kg por res ao día. Antes contaban cunha sala de muxido de 2x8 en espiña de peixe, con muxido traseiro: “Non volvería atrás. A nosa sala era pequena para o número de animais que muxiamos e empregabamos moitas horas”.

“Decanteime por Lely porque xa hai anos que o vin nun par de granxas. Tíñao claro, non mirei outras opcións, quería Lely e punto. Sabía que o día que puxese robots, ían ser Lely”, asevera Antonio Serén.

O comercial David Mosquera agrega, neste sentido, que a fiabilidade do Astronaut se demostra nesta granxa, onde rexistran unicamente 1,8 fallos ao día por robot: “É unha máquina que fai o seu traballo e que lles permite aos gandeiros durmir tranquilos, sen necesidade de axuda humana”.

Con respecto ao tráfico libre, David apunta que en Lely contan cun método de muxido acorde á forma de traballar deste século: “Adecuámonos ás necesidades da vaca, que decide por si mesma cando muxirse, deitarse, comer… Ela manda. Como dicimos en Lely: a vaca é a protagonista”.

Iván López, técnico de Lely Center Outeiro, leva doce anos traballando en Lely e na granxa da súa casa dispoñen de cinco robots de muxido: “Recomendo Lely porque é o mellor robot. A día de hoxe é a máquina que mellor trata as vacas e é única”.

Limpeza eficiente cos Collector

Tamén modificaron hai pouco o xeito de limpar os patios, incorporando dous Lely Collector C2: “Unha das arrobadeiras xa tiña 20 anos e había que poñer outras ou cambiar o modelo. Custoume decidirme, pero agora estou satisfeito”, comparte o gandeiro. Grazas a iso, afirma que o rabaño está máis limpo.

“O que máis sobresae desta gandería é que as vacas están limpas e cos pezuños e os cascos secos, o que axuda a evitar problemas de dermatite e doutro tipo nas patas. A tranquilidade séntese en Ganadería Chancela”, expresa David.

Óscar Mosquera, técnico de Feed and Barn de Lely en Galicia, destaca dos Collector que os parques están máis limpos, igual ca os cubículos: “Ademais, as vacas teñen as patas máis secas e os Collector poden limpar os patios de cruzamento, mentres que as arrobadeiras non. Este robot adáptase moi ben aos exemplares e viceversa, xa que as arrobadeiras lles molestan moito máis”.

O técnico de Feed and Barn conclúe que o Collector permite que o gando estea menos estresado en xeral e que se desprace pola nave ao ritmo que queira, sen que ninguén lle entorpeza e cun mellor acceso ao Astronaut.

Actualización aos A5 Next

A partir do mes de xullo, todos os Astronaut A5 poderanse transformar en A5 Next. Este modelo incorpora un novo láser para que o brazo se posicione mellor entre as patas dos animais e golpee moito menos cando entran, sobre todo cando se toman novas coordenadas. En xeral, o robot colócase moito mellor e adáptase máis á vaca.

Así mesmo, o A5 Next inclúe un novo software que axuda moito aos técnicos no día a día, ao poder acceder a distancia á máquina e comprobar se todo funciona correctamente.