Jordi e Josep Font, pai e fillo, son os propietarios desta gandería catalá. Recentemente, deron o paso final para robotizar por completo a granxa e eliminar a sala de muxido. Dispoñen de dous Lely Astronaut A5 cos que todos están moi contentos, incluído Marc, o fillo de Josep, con quen a remuda xeracional de Mas Gallifa está asegurada. Máis en Vaca Pinta 53.
Josep Font puido coñecer de primeira man o desempeño do muxido automatizado de Lely durante unha viaxe que fixo a Holanda. O primeiro que lles dixo aos seus pais cando volveu foi: “Se isto non funciona na miña granxa, non é culpa do robot, é culpa do gandeiro. A xente alí estaba orgullosa. Aínda que require mantemento e atención, os resultados demostran a súa eficacia”.
Hai un ano que instalaron un Lely Astronaut A5 nesta granxa, situada no municipio de Les Masies de Voltregà (Barcelona). Aos poucos meses, unha vez que observaron resultados positivos, decidiron implementar unha segunda unidade e prescindir por completo da sala. Ambos A5 posúen o contador de células somáticas e o dispensador de penso líquido.
A día de hoxe, moxen a 110 cabezas, cunha media de 3 muxiduras diarias e unha produción de 35,6 litros por vaca ao día. Para a realización das tarefas contan con dous traballadores: “Agora que non hai sala, un vén pola mañá e outro pola tarde, para limpar e controlar que todo vaia ben”, explican desde a explotación.
MÁIS PRODUCIÓN E EFICIENCIA
Tras facerse co segundo robot e eliminar a sala, viron como se incrementaba o seu volume de produción de leite. Ademais, grazas aos Astronaut e ao feito de que os animais se muxan cando queren, algúns exemplares aumentaron a súa produción considerablemente, tal e como conta Font: “O ano pasado, na primavera, chegamos con tres vacas aos 78 litros de leite nun día. Isto, porque o viches, se non, non o cres”.
Josep Font móstrase feliz co cambio: “Foi moi positivo. Pasamos de non ter case información, cunha sala anticuada, á situación actual, con dous Astronaut que nos proporcionan datos de gran relevancia”. O gandeiro confesa que, ao principio, custoulles aprender a interpretar o robot, pero que o lograron estudando, preguntando, observando… e están satisfeitos co que conseguiron: “Houbo unha evolución do rabaño espectacular. Non o criamos”.
Co segundo A5 xa foi todo máis sinxelo, por ter un pouco de experiencia: “En cuestión dun mes a progresión foi notable”. Coa sala e cun único robot non chegaban ás producións que agora teñen: “Estamos moi orgullosos de como foron evolucionando os distintos elementos da empresa”.
Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing en Lely Center Los Corrales, comenta que desde a firma holandesa están conformes co que se logrou en Mas Gallifa: “Tiñamos a responsabilidade de que isto debía saír ben, para que os propietarios puidesen gañar a vida e motivar a próxima xeración a que siga adiante co negocio. Vivimos para isto e debemos vir aquí e comprobar que todo funciona”. Neste sentido, Sánchez destaca tamén a tranquilidade que transmiten os exemplares desta gandería.
Así mesmo, o muxido robotizado é importante para que a carga de traballo non sexa tan pesada: “Chegas á granxa e non estás amargado, canso, non sentes o traballo coma un sacrificio. Dignifícase a profesión”, expón Sánchez.
Jordi Font, que viviu o proceso de pasar de muxir nun cubo, logo en sala e agora con robot, admite que a transformación foi “fabulosa” e que “goza simplemente mirando como traballan os A5”. O gandeiro expresa que isto é o colofón: “Desfrutamos do proceso de crecemento do negocio e agora alcanzamos a cima”.
A IMPORTANCIA DUN BO EQUIPO TÉCNICO E DO TRÁFICO LIBRE
En Mas Gallifa valoran enormemente a calidade do equipo técnico de Lely, e en especial no seu caso concreto a Unai Etxaiz, delegado de vendas de Lely no País Vasco, Navarra e Cataluña: “Axudoume moito, sobre todo cando máis o necesitaba. En xeral, estamos orgullosos de Lely, xa que con eles cumprimos os nosos obxectivos”, confesa Josep Font, que engade que o deseño da instalación correu a cargo dos traballadores de Lely: “Funciona, as vacas van soas a muxirse”.
Alberto Sánchez asegura que “isto é unha forma de vida. Estamos facendo o traballo cunha máquina, mellorando o benestar animal, sendo máis eficientes e a gandería do futuro vai por aquí. As vacas, que son as nosas traballadoras, están mellor. Gañan elas e gañamos nós”.
Co sistema do tráfico libre que defenden desde Lely e que aplican en Mas Gallifa, os exemplares móxense cando queren, tal e como detalla Alberto Sánchez: “Isto tradúcese en benestar animal, leite de máis calidade, menos problemas…”.
A REMUDA XERACIONAL, GARANTIDA
Marc Font, o fillo de Josep, quere dedicarse á gandería. Xa desde pequeno lle gustaba pasearse pola granxa e, aínda que houbo unha época na que perdeu un pouco o interese, recuperouno recentemente. Así pois, ten claro que se formará na materia e, despois, volverá á explotación para continuar co traballo que comezou a súa familia.
Neste sentido, gustoulle a decisión que tomaron de implantar o muxido automatizado: “É incrible que a vaca entre ao robot de maneira voluntaria, se muxa e faga tantos litros de leite. Ten o seu mantemento, pero funciona e está dispoñible as 24 horas do día”, relata o mozo.
O PROGRAMA DE XESTIÓN LELY HORIZON
En Mas Gallifa adquiriron tamén os colares que miden estrés, ruminación, inxestión, celos, actividade…: “É un avance, porque o gandeiro dispón de moitos máis datos no seu día a día, o que despois lle axuda a tomar decisións”, anota Sánchez. Josep Font valora enormemente a cantidade de información valiosa que conseguen agora cos A5 e os colares.
Estas cifras analízanas con facilidade a través do programa de xestión Lely Horizon, que proporciona tamén outros datos de gran relevancia, coma o número de fallos, rexeitamentos, proteína, graxa, número de muxidos, o volume de produción de leite e os litros por vaca e día, entre outros.