A firma holandesa Lely anunciou nos Future Farm Days 2025, celebrados na sede da compañía en Maassluis (Holanda), tres novidades importantes: o Lely Astronaut A5 Next, o Lely Astronaut Max e o Lely Hub. Estas solucións responden aos retos actuais da gandería de leite moderna. Máis en Vaca Pinta 54.
A xornada comezou coa chegada dos convidados á sede de Maassluis, onde tivo lugar a presentación destas novidades da man de André van Troost, CEO de Lely, e de Gijs Scholman, CCO de Lely. Tanto o Astronaut A5 Next coma o Astronaut Max baséanse no éxito do robot de muxido Astronaut A5. Pola súa parte, Lely Hub é un dispositivo pensado para reforzar a seguridade dos datos dos gandeiros. Con estas ferramentas, búscase incrementar o benestar animal e a prosperidade das granxas.
“A continuidade do negocio é crucial para os nosos gandeiros, tanto en termos de fiabilidade nos procesos de muxido coma de resiliencia dixital. Astronaut Max e Astronaut A5 Next están creados para ofrecer estabilidade e facilitar recursos de muxido automatizado preparados para o futuro. Adicionalmente, co aumento dos servizos dixitais nas ganderías, a protección dos datos é esencial. Lely Hub apoia os gandeiros ao mellorar a seguridade dixital entre as ferramentas de Lely e Internet”, afirma André van Troost.
A segunda parte do evento consistiu nunha visita a unha gandería da zona, na que os asistentes puideron coñecer de primeira man estas tres novidades de Lely. Varios técnicos da compañía amosaron e explicaron o funcionamento das novas solucións en profundidade, ademais doutros aspectos como a forma de traballar da firma holandesa e a importancia que lle dan ao benestar animal.

LELY ASTRONAUT A5 NEXT
O Astronaut A5 Next destaca polo seu sistema operativo totalmente renovado, que mellora a capacidade de servizo mediante asistencia remota e proporciona actualizacións de software sen fíos. Grazas á súa compatibilidade con versións anteriores, os usuarios do A5 poden renovar algunhas funcións.
O seu brazo robótico, que combina precisión e visión con láser e cámara, ofrece mellor visibilidade dos tetos da vaca, o que favorece a saúde e o benestar animal. Tamén incorpora un filtro de leite automático, que elimina a última rutina manual e repetitiva do proceso de muxido. A maiores, o novo robot protexe mellor a calidade do calostro.
Finalmente, engádese a identificación electrónica de exemplares mediante crotal como parte do portafolio de saúde animal e inclúense algoritmos de intelixencia artificial integrados no Horizon, que xeran recomendacións prácticas. O Astronaut A5 Next xa está dispoñible a través dos Lely Center.

LELY ASTRONAUT MAX
Esta solución de Lely, que xestiona a carga de traballo do muxido, establece un novo estándar para o muxido automatizado en explotacións de gran tamaño. O Astronaut Max pode conectar ata 18 robots de muxido Astronaut nunha soa sala de control, o que o fai ideal para ganderías con entre 500 e 1.100 cabezas.
Trátase dunha combinación de unidades que operan en conxunto co Lely Astronaut para levar o leite desde o ubre ata o tanque, entregándoo filtrado e refrixerado. Astronaut Max centraliza os procesos de muxido e limpeza, así como o almacenamento de consumibles para limpeza e coidado de ubres, o que contribúe a un entorno de traballo seguro e á redución de tarefas repetitivas.
O sistema permite conectar ata tres tanques de leite e aumenta a capacidade de litros por día. O muxido e a limpeza poden realizarse de forma independente, o que significa que os robots poden seguir funcionando incluso durante o mantemento e a limpeza das máquinas. Isto incrementa de maneira significativa o seu tempo de actividade e a súa capacidade de muxido. Actualmente, o Astronaut Max está en fase de validación e lanzarase de forma gradual a partir de 2026.

LELY HUB
Co paso dos anos, os gandeiros foron automatizando e dixitalizando cada vez máis procesos nas súas ganderías, o que mellora o benestar das súas vacas e optimiza as operacións da granxa.
Ao traballar con solucións de Lely coma Astronaut ou Vector, varios sensores recollen información sobre os exemplares e os robots. O Lely Hub mellora a seguridade dos datos provenientes dos robots e de Horizon, a plataforma de xestión de datos.
Este dispositivo conta con actualizacións automáticas do software do servidor, xestión de copias de seguridade, refrixeración pasiva para reducir o impacto do po e pódese conectar cun sistema de alimentación ininterrompida (SAI).
O Lely Hub instálase na granxa, actuando coma un escudo entre os robots e os dispositivos do gandeiro (ordenador ou móbil), e é xestionado e monitorizado directamente por Lely. Deste xeito, ofrece tranquilidade, apoia a continuidade do negocio e pode contribuír ao benestar animal. Espérase unha despregadura gradual do Lely Hub a partir de 2026.