TRÁFICO LIBRE E MAIOR EFICIENCIA

Modernidade e innovación con dous Lely Astronaut A5 en Laguna Man

A gandería familiar Laguna Man sitúase no concello de Monasterio de Vega, provincia de Valladolid. Na actualidade é rexentada por Álvaro Martínez, que recentemente adquiriu dous robots de muxido Lely Astronaut A5 para mellorar o negocio. Máis en Vaca Pinta 48.

Nesta granxa introducíronse no mundo do muxido robotizado cun A5 en novembro de 2023; tempo despois, en xullo deste ano, instalaron outra unidade. Dispoñen de 280 animais en total, dos cales moxen nos A5 a 120, cunha media de produción de 41 kg/vaca/día. O número de muxidos diarios é de 2,9 a día de hoxe, aínda que por momentos superan a cifra de 3. En canto a calidades, a media de graxa é dun 4 % e a de proteína, dun 3,50 %. O reconto de células somáticas sitúase entre 150.000 e 200.000 céls./ml.

O aumento da produción con respecto á sala tradicional que tiñan previamente foi duns 3 ou 4 litros por vaca e día en tan só uns meses. Héctor Garcinuño, xerente de Lely Center Ávila, afirma que, co paso do tempo, é probable que ese dato siga mellorando, cando o rabaño estea asentado de todo.

Os inicios desta granxa familiar remóntanse aos pais de Álvaro, que posuían na vila unha pequena gandería cunhas 30 cabezas. Hai 18 anos ampliaron o tamaño da explotación e trasladárona á localización actual.

Xa por aquel entón barallaban a posibilidade de implementar un robot de muxido. Agardaron ao mellor momento, que chegou na actualidade, por problemas de man de obra e de acumulación de traballo, tal e como narra Álvaro Martínez, o cal engade que “persoalmente, había xa seis ou sete anos que tiña claro que había que facerse cun robot de muxido”.

O CAMBIO AO MUXIDO ROBOTIZADO

Álvaro tomou as rendas da explotación familiar e converteuse na nova xeración de Laguna Man. Con iso, decidiu dar o paso ao muxido robotizado, un investimento para o negocio que permitirá a súa continuidade no futuro a través dos seus fillos.

Os principais motivos que levaron o propietario a optar polo muxido robotizado foron os problemas de man de obra e, tamén, a intención de chegar a tres muxidos diarios de media. “Queriamos chegar a tres muxidos porque estas vacas, grazas á súa alta calidade xenética, teñen un gran volume de produción e para nós é importante. Xa case nin se atopa man de obra para facer dous muxidos, así que para chegar a tres é inviable”, aclara o gandeiro.

“Adquirín os robots sen ningún tipo de subvención. Eu creo que se pode amortizar co aumento de produción e co aforro de man de obra nuns sete ou oito anos como máximo”, razoou Martínez. No futuro a súa intención é facerse con outro A5 máis.

UN PROCESO DE ADAPTACIÓN EXCELENTE

A adecuación dos animais ao muxido robotizado foi extraordinaria. En dez días as vacas xa entraban soas no robot: “Foron cinco ou seis días difíciles, pero ao sétimo ou oitavo xa comezaron. Chegamos a unhas cifras de entre 2,9 e 3,1 muxidos diarios de media por animal nuns quince días”, narra o propietario.

O tempo que dedican os traballadores ao momento do muxido é arredor duns vinte minutos por quenda e por cada dous robots. O gandeiro explícao: “Nese período de tempo metes os atrasos. Hai días que incluso, na nave das xovencas, non houbo ningún”. No sistema tradicional de muxido que tiñan antes empregaban sobre tres horas ao día pola mañá e pola tarde, é dicir, seis en total. Na actualidade, cunha hora para os robots ao día, xa está o traballo do muxido rematado.

En canto a por que escolleron Lely en contraposición a outras opcións existentes no mercado, Álvaro conta que o tiña claro desde había tempo: “Xa vira os robots de Lely traballar e os outros non me cadraban polo seu funcionamento. En Lely o brazo está debaixo do exemplar, o cal é moi importante para min. Así mesmo, destaca o seu servizo técnico, cun grande apoio: sempre que precisei algo, nunha hora ou menos xa tiven resposta e solución”. Neste sentido, engade que os FMS se achegan frecuentemente á granxa para axudar no necesario.

MELLOR XESTIÓN DO TRABALLO E VANTAXES DO TRÁFICO LIBRE

Cando o empregado que ten contratado non está, o propio Álvaro, grazas aos robots, pode realizar el só todas as tarefas da gandería en oito horas sen problema.

Cos robots percibiron melloras á hora de compaxinar a vida familiar co traballo. “Ese avance foi moi positivo; así podo gozar máis da miña familia”, manifesta o xerente do negocio.

Acerca do tráfico libre dos animais que desde Lely sempre se defende, o propietario da granxa séntese realmente satisfeito: “Para min é incrible o a gusto que están as vacas. Levántanse e van cando queren; unha marabilla”. Garcinuño declara que, se as vacas están felices, o gandeiro tamén.

A XENÉTICA DOS EXEMPLARES

Para Álvaro é clave que o seu rabaño posúa unha alta calidade xenética. Durante moitos anos e pensando nos robots tiveron en conta varios aspectos nos seus exemplares: uns ubres e tetos ben colocados, boas patas e fortaleza, óptima conformación para o robot e alta velocidade de muxido: “Estamos entre 3,8 e 4 litros por minuto”, apunta o gandeiro.

“Na actualidade, en canto a produción xa nos mantemos ben. Agora buscamos mellorar ubres, patas e a estrutura da vaca, principalmente. Queremos animais duradeiros e con boa produción”, expresa Álvaro.

Finalmente, o xerente da granxa asevera que o futuro das ganderías pasará polo robot, tanto pola problemática actual da falta de man de obra como polo ben que está o gando con este sistema. “Hai anos aínda había dúbidas, pero agora o futuro da robotización está asegurado”, conclúe Martínez. 

LELY CENTER ÁVILA

Héctor Garcinuño é o xerente de Lely Center Ávila, que cobre toda a zona centro de España: Castela e León, Madrid, Toledo e Cáceres.

“O noso Lely Center está estruturado en diferentes departamentos: vendas, coordinadores de proxectos, FMS, administración e servizo técnico”, enumera Garcinuño. Actualmente, posúen cinco bases técnicas en Castela e León, en Madrid e Toledo, para poder cubrir toda a zona: “Buscamos sempre a proximidade do gandeiro: que en menos dunha hora ou en hora e media esteamos nas granxas”. Teñen dúas sedes físicas, unha en Valladolid e outra en Talavera de la Reina.

O seu persoal está composto por 38 persoas e cada ano viven un crecemento aproximado duns setenta robots, co cal van incorporando máis persoal –arredor de 5 ou 6 empregados anuais. “Ao final deste 2024 pecharemos o ano cuns 300 robots”, relata o xerente.

Os produtos de Lely que venden no Center Ávila son o robot de muxido –Lely Astronaut–, o arrimador de comida –Lely Juno–, o robot que aspira o esterco nos corredores da nave e o deposita no foso –Lely Collector–, e o robot de alimentación automática –Lely Vector.

“Tamén dispoñemos de produtos de hixiene e de equipamento de granxa, como poden ser os ventiladores”, finalizou Garcinuño.