A firma holandesa Lely celebrou esta mañá a inauguración da nova sede central de Lely Center Trazo, situada en Santa Comba (A Coruña), nun acto que reuniu a autoridades e representantes da compañía.
A xornada arrancou arredor das 12:00 horas coa intervención de Juan Alonso, comercial de Lely, quen deu a benvida aos asistentes e foi dando paso a todos os relatores. En primeiro lugar interveu Óscar Entrecanales, xerente de Lely Center Trazo, quen destacou a evolución do sector en Galicia. A continuación tomou a palabra Jean-Bernard Duval, director de Desenvolvemento da rede de franquías de Francia e Iberia, que afirmou que a produción de leite galega é unha das máis dinámicas de Europa. Seguidamente, interveu o alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, quen agradeceu a aposta de Lely polo municipio para situar alí a sede de Lely Center Trazo.
Pechou o acto María José Gómez, conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, quen subliñou que "temos un sector lácteo punteiro: producimos un 42 % do leite de España. No 2025 batemos récord de produción, graxa e proteína. Lely soubo desde o principio aproveitar todo o potencial que temos en Galicia. De feito, sempre estamos entre as dez primeiras rexións europeas produtoras de leite. Os irmáns Entrecanales souberon apostar pola tecnoloxía e, na actualidade, hai en Galicia preto de 600 robots de muxido Lely instalados". María José Gómez tamén fixo un percorrido polas instalacións, acompañada de traballadores de Lely.