Na localidade de Labarces (Valdáliga, Cantabria) sitúase Granja Cudaña, lugar onde Lely organizou unha xornada de portas abertas para amosar o Astronaut A5 Next e o Vector Next, as súas novas solucións para muxido e alimentación. Máis en Vaca Pinta 54.
Os irmáns Entrecanales son os propietarios desta gandería familiar cántabra, pioneira na península á hora de implementar as últimas tecnoloxías de Lely: dous Astronaut A5 Next e un Vector Next, aínda que tamén contan con dous Lely Collector C1 e dous Lely Luna. Actualmente, a súa produción é de 43 kg/vaca/día e a súa media de muxidos diarios de 3,1.
Os Entrecanales opinan que estes investimentos contribúen ao benestar das vacas, do persoal e da economía do negocio. Deste xeito, conséguese que os exemplares produzan máis leite, coman máis, estean máis limpos e, en consecuencia, que os gandeiros e traballadores vivan mellor, ao ter isto un efecto positivo en termos de rendibilidade.
En Granja Cudaña escolleron Lely tanto polo tráfico libre coma polo seu interese no benestar animal e no éxito das granxas, o que consideran fundamental e un grande acerto.
ACTUALIZACIÓN DOS EQUIPOS
Nesta gandería estiveron quince anos muxindo o seu rabaño con dous Lely Astronaut A3. Recentemente, decidiron substituílos pola súa lonxevidade, pois acumulaban máis dun millón de muxidos, e porque o A5 presentaba diversas melloras. Deste xeito, adquiriron dous A5 e, pouco tempo despois, cando saíu ao mercado o A5 Next, actualizáronos.
Co cambio dos A3 aos A5 percibiron un aumento na produción de leite e, neste breve período de tempo cos A5 Next, detectaron menos muxidos fallados. “A innovación é básica no sector primario. Estes sistemas proporciónanche moitos datos”, explica Ivón Entrecanales, un dos socios.
OS BENEFICIOS DAS NOVAS SOLUCIÓNS DE LELY
A familia Entrecanales optou por incorporar o Vector en gran parte pola boa referencia que lles transmitiran desde SAT Arenas. Así pois, fixéronse co novo Vector Next, e Ivón expresa que o que máis lle sorprendeu da máquina foi a ausencia total de incidencias.
“Máis robusto, máis conectado e máis versátil”, resume Corentin Boulet, FMS de Lely en Francia, os beneficios que achega o novo robot de alimentación de Lely.
En canto ao Astronaut A5 Next, Adrián Entrecanales opina que “é un robot máis fiable ca o A5, con menos intentos de conexión e case ningún fallado”.
Steven Lorent, responsable de vendas no clúster Francia-Iberia de Lely, apunta que o A5 Next posúe un novo software, que lle permitirá ter moitas novidades no futuro e reduce o número de intentos de conexión e de fallos.
VISITAS Á GRANXA
“Estamos abertos a que a xente veña visitarnos e que coñeza a última tecnoloxía en manexo e benestar animal do sector gandeiro en España”, conta Adrián Entrecanales.
Esta granxa destaca polo seu leite de calidade, con trazabilidade, e pola súa queixería, con Carolina Entrecanales á fronte. Nas visitas guiadas, que levan a cabo durante todo o verán, informan os asistentes sobre o benestar animal e a forma de vida das vacas, así como sobre a súa filosofía como empresa. Unha das actividades que máis se desfruta é a de darlles leite aos xatos; tamén amosan as súas instalacións. Finalmente, celébrase unha degustación dos seus produtos con sidras de Cantabria e Asturias.
“Estamos robotizados, automatizados e modernizados: é a maneira de darlle valor engadido ao noso leite”, manifesta Carolina Entrecanales, que engade que sempre teñen presente o coidado do planeta e a sostibilidade.
A XORNADA DE PORTAS ABERTAS, TODO UN ÉXITO
O alcalde de Valdáliga, Lorenzo González, asistiu ao encontro como mostra de apoio: “Unha das principais fontes de ingresos neste municipio é o sector gandeiro. Granja Cudaña é a gandería máis innovadora de Valdáliga, con remuda xeracional garantida. Creo que é un modelo para imitar en toda España e Europa”.
Así mesmo, estivo presente María Jesús Susinos, conselleira de Desenvolvemento Rural, Gandería, Pesca e Alimentación de Cantabria: “Granja Cudaña pasou de ser un negocio moi tradicional a converterse na empresa innovadora que é agora. Isto é algo no que hai que incidir en todas as granxas, porque é necesario dignificar o traballo dos gandeiros e cumprir a normativa de benestar animal”. Samuel Gala, de Gala Merino, e Juan Carlos Media, de SAT Somalera, foron dous dos gandeiros que ese día se achegaron a Granja Cudaña. Ambos coinciden en que na explotación se observa moito confort e que a tecnoloxía e o muxido están perfectamente xestionados.
No evento tamén tivo lugar unha homenaxe a SAT Ceceño e á súa vaca gran campiona, Llinde Ariel Jordan, polo labor levado a cabo durante estes anos e polos éxitos acadados.
“Como dicía meu pai, ‘só o amor supera ao leite de Cudaña’”, conclúe Ivón Entrecanales.