XORNADA DE PORTAS ABERTAS

O tráfico libre triunfa en Casa da Corte con tres Lely Astronaut A5

A granxa Casa da Corte, propiedade de Gumersindo Otero, está situada no concello coruñés de Dumbría. Lely escolleu esta gandería para celebrar unha xornada de portas abertas debido ao alto benestar do seu rabaño e á boa xestión que teñen do persoal. Os asistentes coñeceron de primeira man os beneficios do tráfico libre e dos A5. Máis en Vaca Pinta 50.

“Os robots distribúense todos nun mesmo lote: atopamos dous Astronaut na terceira fila e outro na cabeceira”, conta Iván Brea, responsable comercial para Lely na Coruña. Esta repartición explícase pola lonxitude do establo, con máis de oitenta metros; debido a isto, querían que todas as vacas tivesen un robot dispoñible en calquera momento. Deste xeito obteñen resultados moi positivos, como as súas 3,6 muxiduras de media. Así mesmo, teñen máis de cen cornadizas e uns 160 cubículos con cama de area.

Actualmente, teñen 25 vacas secas, 50 xovencas e moxen 152 animais nos seus Astronaut; a súa idea para o futuro é chegar a cifras de entre 170 e 180: “O que estamos a lograr agora mesmo, ademais das 3,6 muxiduras, é un único rexeitamento e unha produción de 40 litros por vaca e día, con excelentes calidades tanto en graxa coma en proteína”, aclara Brea.

Para a alimentación do gando, traballan cun carro mesturador nunha CUMA e as súas vacas comen 28 kg de silo de millo, 12 kg de silo de herba e 6,5 kg de mestura de penso, ademais do que consomen no robot.

Dispoñen tamén dun arrimador de comida Lely Juno e pronto instalarán unha amamantadora Lely Calm, que se implementará ao lado da zona de partos para que o desprazamento dos tenreiros sexa cómodo.

MÁIS TEMPO LIBRE E MELLOR XESTIÓN

Gumersindo Otero é o propietario desta granxa, que conta con dous empregados a tempo completo; de feito, Otero só está na gandería catro días á semana. “O traballo cos robots lévase perfectamente”, declara. Cando algún dos seus empregados libra, Gumersindo colabora para sacar adiante as tarefas.

De feito, Sindo indica que decidiu cambiar a sala de muxidura polo muxido automatizado para que o traballo fose menos dificultoso: “A fin de semana tocábame sempre que libraban os empregados e decidín que había que cambiar o método. Agora vou con outro ánimo, porque non é como estar na sala, nun foxo, madrugar e botar unha hora. Con este sistema tamén hai que erguerse cedo e facer os labores, pero adáptaste ti un pouco máis”.

O gandeiro afirma que isto lles cambiou a vida tanto a el mesmo como ás súas vacas: “Están ben porque se moven libremente, non van detrás delas para que se muxan. A algunhas cústalles un pouco máis e axúdaselles, pero, en xeral, estou contento co traballo e cos robots”.

UN DESEÑO EFICIENTE

Para a colocación dos A5 foi clave o deseño tan longo da granxa, xa que dous deles se sitúan na terceira fila e outro na cabeceira. Malia ser un lote único, Maite Antelo, coordinadora de proxectos de Lely en Galicia, precisa que, se chegado o momento o gandeiro quixese, podería dividirse en dous lotes.

Os robots da terceira fila posúen área de separación para ambos. Xusto detrás das máquinas estaba a antiga sala de muxidura coa súa sala de espera correspondente, de maneira que aproveitaron ese espazo para situar as áreas de separación, que son útiles para celos, partos etc. Os tres A5 teñen área de contención para meter os atrasos.

“Coa colocación dos robots na terceira fila evitamos ter que utilizar tantos cubículos como requiriría poñelos no centro. Ademais, necesitariamos dous corredores de cruzamento situados un fronte a cada robot e ocupariamos moito máis espazo. Deste xeito, quédanos moi ben distribuída a nave e está equidistante para o desprazamento das vacas dunha cabeceira á outra”, explica Antelo.

A coordinadora de proxectos expón tamén que o primeiro no que pensan cando chegan a unha granxa é en que a circulación dos animais quede sinxela, sexa práctica e lles resulte fácil asimilar a súa nova rutina diaria.

FIEL SEGUIDOR DO TRÁFICO LIBRE

Otero confésase un admirador do sistema de tráfico libre que tanto defenden desde Lely. “Se as vacas van soas ao robot, por que hai que metelas? Son animais de costumes. Unha vez que comprenden como funciona, xa van sempre e non tes ningún problema. Non hai por que andar metendo vacas”, argumenta.

O gandeiro valora positivamente de Lely como levan o proceso de colocación de robots, que é unha casa que leva moitos anos no mercado, a fiabilidade, o servizo que prestan e que sempre lle gustaron os seus robots.

Con respecto ao futuro do sector, Otero ten claro que a robotización será clave: “Hai que ir modernizándose. Comezouse cos caldeiros, logo foi o circuíto, despois a sala de muxidura e hoxe chegan os robots. Debemos ir nesa dirección, é o futuro”.

“Tamén queremos dar unha imaxe dunha gandería eficiente e sostible, de que as vacas están ben e tratámolas perfectamente. Como din en Lely: ‘Aquí ninguén perde, todos gañamos’”, conclúe Gumersindo Otero.