LELY VECTOR (III)

O robot de alimentación Lely Vector é o máis rendible por litro de leite producido

O robot de alimentación Lely Vector é o máis rendible por litro de leite producido

Desde que no ano 2011 Lely sacou ao mercado o Lely Vector, foi mellorando o desenvolvemento da máquina para que a súa rendibilidade fose cada vez maior. Hoxe en día, o Vector é o sistema de alimentación máis rendible para a súa explotación leiteira. Máis en Vaca Pinta 49.

En números anteriores falamos da importancia do sistema de alimentación Lely Vector e das súas características principais, entre as que se inclúe un alto rendemento na alimentación e no apartado económico.

A continuación, realizaremos unha comparativa entre o carro unifeed e o Lely Vector para ver a eficiencia económica do Vector nun caso real. Tomaremos como exemplo un modelo de explotación leiteira de 120 vacas en muxido, coas súas vacas secas (12) e a súa recría (68). En base a este modelo de granxa, compararemos o custo que supón para un gandeiro o carro autopropulsado fronte ao Lely Vector, tendo en conta varios factores: os consumos enerxéticos, a man de obra, o aumento de produción e o desperdicio de comida.

CONSUMOS ENERXÉTICOS

Calcularemos este apartado de forma mensual para simplificar as contas. Poñeremos como exemplo o consumo dun carro unifeed que gasta uns 16 litros cada hora de funcionamento.

Agora enfrontaremos os datos co Lely Vector, considerando que a cociña se carga unhas tres veces por semana e que cada carga leva de media 1 hora e 30 minutos. O consumo, ao ser cargado con telescópica ou tractor con pa, diminúe fronte ao consumo do carro mesturador. Neste apartado tamén se terá en conta o gasto eléctrico da máquina.

Con esta comparativa é facilmente apreciable o aforro económico que achega o Lely Vector ao gandeiro, sendo unha cifra positiva de 464,4 € ao mes de diferenza co mesmo número de animais.

MAN DE OBRA

Algo que case nunca se ten en conta á hora de cambiar o sistema de alimentación é o custo da man de obra, xa que, en moitas ocasións, é o propio gandeiro quen fai a mestura co carro unifeed. Para calcular este custo, utilizaremos o baremo de 12 €/hora de gasto.

No caso do Lely Vector, á parte do tempo de carga da cociña descrito no apartado anterior, contaremos tamén o tempo que empregará o gandeiro en limpar a cociña e revisala diariamente, sumando algo máis de 22 minutos ao día, 6 horas ao mes.

Vemos que existe unha diferenza notable no emprego da man de obra cun sistema ou outro, arroxando un resultado positivo do Lely Vector cunha diferenza de 252 € mensuais.

AUMENTO DE PRODUCIÓN

Lely realizou numerosos estudos sobre o Lely Vector, as súas prestacións, consumos… e tamén sobre o incremento de leite nas ganderías que instalaron este sistema automático de alimentación.

Estes estudos, realizados en ganderías de todo o mundo desde o ano 2013, sinalan que se obtén un aumento de produción o primeiro ano de 1,42 litros máis de leite por vaca e por día tras a instalación do Vector, pasando a 1,65 litros máis dous anos despois da posta en marcha da alimentación intelixente.

Aquí os cálculos son sinxelos: obtendo unha media entre o primeiro e o segundo ano, obtemos un incremento de 1,53 litros por vaca e por día. Volvendo ao exemplo inicial dunha granxa con 120 vacas en lactación, o incremento de produción traducido a euros sería de 2.478 € ao mes, contando con que o prezo final que perciba o gandeiro sexa de 45 céntimos por litro de leite.

DESPERDICIO DE COMIDA

Ao final do día, en calquera gandería é imposible medir a cantidade de comida que poden inxerir as vacas durante 24 horas, posto que sempre adoitan quedar restos que os animais non comen. Estes desperdicios tamén son facilmente cuantificables.

Nos estudos que Lely realizou sobre o antes e despois do Lely Vector nunha explotación leiteira, reflíctese un aforro substancial en comida diaria, xa que os restos que quedan na cornadiza cun sistema de carro autopropulsado de media se cifran en 180 kg de comida ao día, fronte aos tan só 10 kg que hai de desperdicio co Vector.

Aquí, novamente, o cálculo é moi sinxelo. De media, desperdícianse 170 kg nunha granxa con carro mesturador, o que supón algo máis de 5 toneladas ao mes ou, o que é o mesmo, 62 toneladas brutas de comida ao ano. Tendo en conta que cada tonelada ten un prezo de 253 €, esta comparativa ofrécenos un resultado de aforro de 1.290 € ao mes en comida co Lely Vector que non hai que desbotar.

CONCLUSIÓN

Para resumir os cálculos dispostos nos apartados anteriores e mostrando unha táboa con todos os valores obtidos, pódese ver perfectamente que o Lely Vector é un sistema moi rendible para unha explotación leiteira, do cal se pode obter un gran rendemento fronte a calquera sistema de alimentación autopropulsado.

Está claro que os máis de 53.000 € positivos que achegan as contas poden destinarse en gran medida a amortizar a máquina, dos que se poderían deducir 30.000 € para amortización e 3.000 € para o seu mantemento anual, polo que o beneficio neto se situaría en pouco máis de 20.000 € anuais.