Granja Cudaña foi a primeira gandería da península ibérica en incorporar ás súas instalacións o Lely Vector Next, de Lely. O renovado Vector, máis robusto, máis conectado e máis versátil, achega numerosas melloras con respecto ao seu antecesor. Máis en Vaca Pinta 54.
Lely deu a coñecer nesta granxa situada en Labarces (Valdáliga, Cantabria) o seu último robot de alimentación, o Vector Next, que foi deseñado para satisfacer as esixencias actuais en materia de alimentación de precisión. Máis eficiente e equipado coas últimas tecnoloxías, proporciona unha solución automatizada adaptada a todo tipo de ganderías.
Os irmáns Entrecanales, socios da granxa, querían incorporar á súa explotación o Vector debido, en gran medida, ás opinións positivas que lles chegaron desde SAT Arenas. Eduardo, propietario deste outro negocio, comentoulles que estaba realmente satisfeito con todos os datos e a información que manexa co Vector.
Grazas a iso, decidiron implementar na súa granxa o modelo máis recente, o Vector Next. Desde a gandería contan que o que máis lles gustou da máquina foi a súa fiabilidade, xa que non presentou fallos de ningún tipo: “Normalmente, cando se traballa con aparellos tecnolóxicos, hai momentos nos que ao robot lle falta algún líquido ou se para por algún problema, pero no tempo que levamos co Vector Next non sufrimos ningunha incidencia”, narra Ibón Entrecanales.
MÁIS ROBUSTO, CONECTADO E VERSÁTIL
Pedro García, coordinador de proxectos de Lely, explica que o Vector Next dispón de novos motores (de 550 W) e de máis sensores. Debido ao seu chasis reforzado, agora soporta maior peso: ata 800 kg de carga, é dicir, un 35 % máis de capacidade. Ademais, o seu sistema de tracción foi redeseñado e agora posúe rodas motrices e unha roda xiratoria máis grandes, potentes e robustas, pensadas para superar pendentes de ata o 8 %.
O Vector Next está equipado cunha batería de litio de nova xeración, que ofrece un 10 % máis de capacidade de traballo en comparación co modelo anterior. Grazas a un supercargador, esta batería pode realizar máis ciclos de alimentación sen interrupción, o que reduce os tempos de recarga. Tamén se lle engadiron sensores antiobstáculos, con parachoques, e maior cantidade de luces, coa finalidade de que sexa máis visible pola noite.
Esta solución dispón dunha conexión Wi-Fi rápida, o que se traduce nunha maior conectividade: admítese a transmisión de datos en tempo real e pódense seguir en directo os ciclos de alimentación, así como axustar os parámetros directamente desde o teléfono móbil. Así mesmo, conta coa aplicación Lely Control Plus, que ofrece un manexo intuitivo e eficaz —interface simplificada, controis accesibles con poucos clics, navegación fluída…—, pensada para facilitar o día a día dos gandeiros e permitirlles controlar a alimentación do seu rabaño.
“Outra das novidades que incorpora o MFR 2 Next é unha faldra dinámica como a que ten o Lely Juno. Grazas a iso, pode arrimar a comida tanto á esquerda como á dereita, co que conseguimos presebes máis limpos”, describe Pedro García, quen engade que, tras velo funcionar durante os primeiros dez días, observou que é moito máis firme e robusto ao camiñar e que se percibe de maneira clara o cambio nos motores e baterías.
LELY VECTOR, A ALIMENTACIÓN INTELIXENTE
Na saída do dosificador da comida engadiuse un imán para captar corpos ferrosos, o que evita que estes rematen na comida das vacas. A maiores, leva un novo software de autoaprendizaxe, que posibilita repartir a comida de maneira homoxénea ao longo de todo o presebe, sen que quede nada de alimento dentro do MFR.
O depósito de aceiro inoxidable do Vector Next, xunto co seu novo desenrolador, está deseñado para resistir as ensilaxes máis ácidas e garantir unha óptima durabilidade do material. Este desenrolador, que tamén é de aceiro inoxidable, admite unha distribución homoxénea das racións, o que asegura que cada animal reciba a cantidade ideal, independentemente das mesturas.
O láser intelixente do Lely Vector Next analiza a altura da forraxe de cada comedeiro e decide, de forma autónoma, se debe reiniciar ou non unha distribución. Adicionalmente, o seu tamaño compacto permítelle moverse polos corredores máis estreitos, a partir de 2,65 m de ancho.
“É sorprendente como, en tan pouco tempo, as vacas xa o recoñecen e se decatan de que lles vai dar de comer”, conclúe García.
Se desexa máis información sobre o Lely Vector Next, non dubide en contactar co seu Lely Center máis próximo. Os profesionais de Lely faranlle un estudo sen compromiso e contaranlle os beneficios que esta máquina pode achegar á súa explotación.