En Caldes de Malavella, Girona, atópase unha das primeiras ganderías da península que apostou por introducir no seu negocio o muxido robotizado; fixérono cun A2 da marca Lely. En 2018 substituírono por un modelo A5. En total, levan xa vinte e cinco anos confiando nesta compañía para a muxidura dos seus animais. Máis en Vaca Pinta 50.
Os inicios de Can Gimferrer Nou remóntanse ao ano 1982, cos avós e os pais de Pau Barnés, propietario actual da gandería: “Sacaron as vacas de dentro da casa e estabuláronas por primeira vez cunha sala de muxidura”, comenta. Co paso do tempo a empresa foi medrando e no 2000 cambiouse o sistema de muxido a un robotizado, o que a converte nunha das primeiras granxas da península en optar polo muxido automatizado.
Pau Barnés incorporouse á actividade en 2014; catro anos despois, substituíron o A2 do que dispoñían polo A5. A día de hoxe, Barnés ocúpase de xestionar a granxa coa axuda puntual dos seus pais, que xa están xubilados. A parte da agricultura está externalizada e traballan unhas 24 hectáreas. “A ración componse de 18 kg de millo, 17 kg de raigrás, 1,2 kg de alfalfa deshidratada e 10,2 kg de penso na ración; no robot, algo máis de 4 kg. Tamén se lles dá un pouco de azucres”, detalla o gandeiro.
“Temos abaixo a primeira nave, de muxidura. Arriba hai xovencas e vacas preñadas; logo, contamos cun patio de secas e parideira, que no verán usamos para poder duchar as secas e que o seu benestar sexa moito mellor”, explica Barnés sobre a distribución do gando na explotación, que ten unha estrutura realmente longa e conta con setenta cubículos.
Dependendo do momento, moxen entre 60 e 70 cabezas no A5 con producións altísimas, tal e como indica o gandeiro. “Son vinte e cinco anos de muxidura con robot e procuramos mantelo sempre ben e evitar a súa sobrecarga”, manifesta. Ademais, dispoñen de 12 secas e encárganse eles mesmos da recría: “Procuro estar sempre cun máximo dun 30 % de primeiras crías”, concreta Barnés ao respecto. De feito, no verán conseguen bos números de fertilidade.
Actualmente, a súa media de produción achégase aos 45 kg/vaca/día, dato que manteñen incluso nos meses máis calorosos do ano, a pesar de situarse en plena Costa Brava. A media de muxiduras chega ás 3,5 ao día e a cifra de fallos é ínfima.
“Aquí sempre foron gandeiros moi técnicos que manexan ben os seus animais, o cal axuda a alcanzar a máxima eficiencia”, expresa Unai Etxaiz, delegado de vendas de Lely no País Vasco, Navarra e Cataluña. Con respecto a isto, Pau Barnés afirma que a clave é ter o control de todo, desde utilizar unha tecnoloxía eficiente de muxidura, pasando por contar cun manexo e unha alimentación óptimos, ata posuír ventiladores e auga suficiente nas épocas máis calorosas.
CAMBIO DE MODELO
Nesta gandería estiveron traballando durante 18 anos cun A2, 24 horas ao día e 365 días ao ano, con máis de 100.000 horas acumuladas de traballo e sen deixar de muxir nin un só día. Muxía corenta vacas.
En 2018 decidiron facer o cambio do A2 ao A5. Nese mesmo ano, con idéntico número de animais en muxidura e coa mesma ración, aumentaron un 10 % o volume de produción de leite. Deste xeito, o paso ao modelo máis actual do Astronaut foi notorio para os gandeiros. Tamén incrementaron o número de muxiduras de 2,5 a 3.
“Foi algo moi positivo en todos os aspectos: a muxidura, as medias de produción, o traballo na granxa e menos alarmas”, enumera Pau Barnés.
POR QUe LELY? RETORNO ECONÓMICO E BENESTAR ANIMAL
“É un robot que non para de muxir. O trato é favorable e o servizo técnico máis que excelente. Por iso muximos con Lely, porque é o mellor que hai”, responde Barnés ante a pregunta de por que apostaron pola firma holandesa xa desde un primeiro momento e o motivo de seguir facéndoo.
Ademais, Pau Barnés desfruta de analizar como foi evolucionando positivamente o seu negocio co paso do tempo a través das cifras: “Desde o ano 2000 que comezamos a muxir co robot pasouse de 393.000 kg aos 930.000 kg nos que estamos hoxe, cun só robot. Pódese vivir, amortízase e, se os prezos do leite acompañan, é máis que rendible”.
A eficiencia económica é irrefutable e, ademais, grazas ao tráfico libre, ao robot e ao manexo que seguen nesta granxa, dotan os exemplares dun gran benestar animal, que é un aspecto crucial, tal e como afirma Unai Etxaiz. Desde Lely preocúpanse moito polo benestar do rabaño, xa que xustifican que se existe o cow comfort, as producións se incrementan e isto desemboca nun retorno económico importante. É fundamental xestionar ben todas as partes, incluída unha boa saúde do gando, para que a empresa funcione á perfección. Todo isto tamén inflúe en que os animais sexan máis lonxevos e, con iso, que o sector sexa en xeral máis sostible, o cal afecta positivamente ao futuro do noso planeta.
Así mesmo, desde a compañía holandesa séntense orgullosos de contar con clientes coma os de Can Gimferrer Nou: “Para nós é un privilexio aprender con eles, porque ao final todos aprendemos. Cando instalaron o A2 por aquel entón eran os inicios, que adoitan ser duros para todas as partes. Contar con xente coma eles, que manexan os seus animais tan ben e os coidan tanto, é unha gozada”, confesa Etxaiz.