MÁIS DE 440 ROBOTS INSTALADOS

Coñece o equipo de Lely en Galicia: un exemplo perfecto de crecemento e innovación

Entre instaladores, técnicos e o equipo de Feed and Manure, máis de cincuenta persoas forman o cadro de persoal de Lely na comunidade galega. Con 440 máquinas vendidas, das cales 87 se sumaron o último ano, a progresión da empresa é evidente. A continuación, achegámonos ao traballo que leva a cabo o persoal de Agrotec Entrecanales en Galicia. Máis en Vaca Pinta 51.

Martín Carrete, responsable dun equipo de instalación de Lely en Lugo

Como é o día a día dun instalador en Lely?

O noso traballo comeza coa preparación e colocación dunha base de aceiro para ancorar a máquina na granxa. Logo, iniciamos a instalación, que inclúe desde soldar o peche de ferro ata pasar as liñas necesarias para o funcionamento do robot: aire, leite, penso… Cada gandería é diferente e iso inflúe na duración da obra.

Canto tempo se tarda en implementar unha máquina?

Depende de cada caso. En instalacións sinxelas, onde todo está ben disposto, podemos rematar en catro días. Sempre intentamos adaptarnos a todas as granxas e minimizar os tempos, tanto polos animais coma polo gandeiro, ao que lle interesa comezar canto antes.

Lely xestiona todo o proceso sen subcontratar. Que vantaxes achega isto?

Permítenos garantir calidade e seguridade. Coñecemos cada detalle do proceso e asegurámonos de que a instalación sexa óptima e adaptada a cada necesidade.

Cal é o segredo para colocar 87 robots nun só ano?

O noso obxectivo é implementar cantos máis robots, mellor, e sacar o traballo adiante para cumprir coa nosa meta. Ademais, contamos con catro equipos de instalación, o que nos facilita traballar en paralelo en distintas granxas.

Desde que entraches hai catro anos ata o día de hoxe duplicouse o número de robots instalados anualmente. A experiencia dá fluidez para poder facer as tarefas máis rápido?

Si. Eu creo que antes tamén se instalaba menos por ser menos xente no cadro de persoal. Medramos e adquirimos experiencia.

 

Miguel García, team leader para Milking and Cooling de Lely en Lugo

Como é o día a día dun técnico en Lely?

Organizamos a semana segundo o traballo que teñamos que facer: mantemento, revisión de alarmas críticas dos robots, gardas… Ao traballar con unidades operativas os 365 días do ano, hai que responder aos gandeiros cun gran servizo técnico.

Cal é o teu labor como xefe de equipo de técnicos?

Supervisar o estado dos robots na zona, coordinar as avarías e asesorar os técnicos que están comezando.

Que diferenzas ves entre un A3 do 2004 e un A5 do 2024?

Principalmente a entrada, a comodidade da vaca e a rapidez de conexión. A muxidura é similar en todos os modelos, pero eses aspectos evolucionaron bastante.

De que xeito se actúa cando un gandeiro chama por unha avaría?

A persoa que está co teléfono de garda colle a chamada e trata de saber que pasa na granxa coas indicacións do gandeiro. Se decide que hai que ir ao momento porque se está xerando un problema importante, desprázase á explotación coa furgoneta cargada de pezas e repostos e trata de solucionalo no menor tempo posible.

Como foi evolucionando a presenza dos robots nas granxas?

A día de hoxe instálanse robots en practicamente todas. Hai ganderías que apostan polo futuro, por innovar e medrar e, tamén, hai outras con xente que está cansa de muxir, xa é maior e quere levar unha vida máis relaxada. O robot achega esa tranquilidade e seguridade.

Como é a relación cos clientes?

A maioría das veces acabas tendo unha relación moi próxima con eles, porque os tratas a diario, chámante polos problemas que lles xorden e consúltanche que poden facer en determinadas circunstancias.

 

Sonia López, coordinadora de proxectos de Feed and Manure en Lely

Que máquinas compoñen Feed and Manure?

O Collector, o Vector, o Discovery, o Juno e a Calm. Nós encargámonos da súa instalación, mantemento e reparación.

En que consiste o teu traballo como coordinadora de proxectos?

Encárgome de deseñar e implementar as máquinas nas granxas do mellor xeito posible. Visito a explotación co gandeiro e buscamos a mellor opción tanto para el como para que a ferramenta funcione correctamente.

Como se divide o equipo de Feed and Manure en Galicia?

Hai catro persoas e estou eu como coordinadora de proxectos. Isto permítenos especializarnos nestes equipos e separarnos da muxidura para ofrecer un servizo personalizado e completo.

Como é o inicio dun proxecto de Lely Vector?

É o que máis carga de traballo ten e o máis grande, porque se trata dunha máquina con maior complexidade. Temos que visitar o gandeiro, coñecer a gandería e ver como levan a cabo as tarefas para dimensionar a cociña do Vector e buscar o mellor sitio para a súa colocación.

Tamén acompañamos o gandeiro durante o proceso da obra e unha vez instalada a máquina. É como un traballo en equipo entre el e nós.

Que outras ferramentas se venden máis?

O Collector e o Juno. Temos dous tipos de Collector, o C1 e o C2. Dependendo das dimensións da granxa e da cantidade de exemplares que haxa, decantámonos por un ou outro. De feito, o Collector estase adquirindo moito nos últimos anos: aquí estamos xa nos sesenta robots. A xente non o coñecía demasiado, pero está tendo unha boa aceptación no mercado.

Que tipo de obra require un Collector?

Non precisa moita obra, pero si que ten que estar ben colocado para optimizar as súas descargas. Nunha granxa que non sexa de construción nova temos que adaptarnos.