A xornada arrancou coas intervencións de Juan Alonso, comercial de Lely en Galicia; Óscar Entrecanales, xerente de Lely Center Trazo; Jean-Bernard Duval, director de Desenvolvemento da Rede de Franquías de Francia e Iberia de Lely, e Alberto Romar, alcalde de Santa Comba.
O peche correu a cargo de María José Gómez, conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, quen subliñou que en Galicia “temos un sector lácteo avanzado: producimos un 42 % do leite de España. En 2025 batemos récords de produción, graxa e proteína. De feito, sempre estamos entre as dez primeiras rexións europeas produtoras de leite. Os irmáns Entrecanales souberon aproveitar o potencial que posuímos en Galicia. Na actualidade, xa hai preto de 600 robots de muxido Lely no noso territorio”. María José Gómez tamén realizou un percorrido polas instalacións, acompañada de persoal de Lely.
Un servizo máis próximo
Óscar Entrecanales explica que nesta zona xa contan cuns 260 robots instalados, polo que cumpría reforzar o servizo próximo propio da empresa: “Os 25 empregados que traballan neste Lely Center precisaban un espazo axeitado para despachos e oficinas, e para levar a cabo formacións e obradoiros, entre outros aspectos”. Telmo Entrecanales, tamén xerente de Lely Center Trazo, destaca a aposta da firma holandesa pola especialización: “O que nos caracteriza é a innovación e a paixón polo noso traballo. Acompañamos os gandeiros durante todo o proceso”.
Jean-Bernard Duval pon en valor a relevancia do mercado español e, especialmente, do galego, para a compañía: “É unha das rexións máis dinámicas de Europa no desenvolvemento da produción de leite. Por iso son necesarias unhas instalacións coma as que estamos inaugurando. Estades convidados a visitar este Lely Center para ver como traballamos”.
Finalmente, o responsable técnico de Lely Center Trazo, Bruno López, sinala que as novas instalacións permitirán ofrecer un apoio máis próximo na provincia da Coruña e no norte da de Pontevedra: “Os tempos de resposta vanse reducir”. López resalta, ademais, a importancia que Lely lle outorga ao tráfico libre, á sostibilidade do planeta e ao benestar animal.