Nesta gandería, situada no concello xironés de Santa Cristina d’Aro, instalaron hai case un ano dous Lely Astronaut A5 de Lely. Tras observar uns resultados moi positivos, adquiriron unha terceira unidade. Actualmente, esta granxa, que sobresae polo alto nivel de benestar do seu rabaño, moxe todos os seus exemplares con robot. Máis en Vaca Pinta 52.
Os inicios de SAT Solius remóntanse aos anos 60. Co paso do tempo, esta granxa familiar foi medrando e especializándose na produción de leite. En 1996 constituíronse como SAT e hoxe en día está conformada por catro socios: Joan Pijoan; a súa esposa, Rosa Comas; a súa filla, Eva Pijoan, e o seu xenro, Ricard Lloveras. Moxen 190 animais e rexistran unha produción de 36 litros/vaca/día, cunha media de 2,9 muxiduras diarias e un reconto celular de 100.000 céls./ml.
En primeiro lugar, implementaron dous Lely Astronaut A5. Unha vez afeitos a eles, sumouse outro robot e eliminaron a sala de muxido: “Neste robot temos todas as vacas que acaban de parir. Aquí está o preparto e, cando paren, trasladámolas á área de separación do robot”, detalla Joan Pijoan.
As camas están compostas de serraduras e compost. Pijoan explica que “para as lactantes usamos serraduras. Para as non lactantes, nas épocas nas que temos palla, combinamos palla e serraduras”.
O PASO CARA Á ROBOTIZACIÓN
“Os robots de muxido existen desde hai máis de vinte anos e os primeiros que se instalaron nesta zona foron de Lely, en explotacións que coñecemos ben, polo que sabemos que é un sistema fiable”, conta Pijoan sobre a súa decisión de apostar polo muxido automatizado.
Segundo describe, coa sala dedicaban unhas seis horas diarias ao muxido –tres pola mañá e tres pola tarde–. “Nunca nos atreveramos a realizar tres muxiduras diarias pola xestión do persoal, aínda que sabiamos que era importante para a produtividade. Coa robotización, si que o vimos claro”, expresa o gandeiro. Esta forma de traballar proporcionoulles unha maior flexibilidade horaria, tranquilidade, estabilidade e seguridade.
Agora as vacas poden muxirse as 24 horas do día e non teñen que facelo cando os gandeiros o decidan. Do mesmo xeito, elas escollen cando comer, descansar ou beber auga. “É o mellor para elas: a libre elección”, afirma Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing en Lely Center Los Corrales.
“Cando cheguei a esta granxa hoxe, o que máis me gustou e o primeiro que vin é que as vacas brillan, están limpas, teñen unha boa mirada e véselles sas. Isto é importante porque elas son as protagonistas e hai que coidalas”, menciona Sánchez.
Os dous primeiros A5 que adquiriron están situados nunha nave longa, polo que foron colocados no lateral e centrados, unha decisión clave para non perder moitos cubículos e mellorar a circulación das vacas, o que incrementa o confort e favorece o tráfico libre. Ademais, en cada patio dispoñen dunha área de separación sen retorno, por se é necesario utilizala para algún dos exemplares.
Ricard Lloveras, un dos socios da empresa, relata que a adaptación ao muxido automatizado foi rápida, xa que en tan só dúas semanas os exemplares xa se afixeran: “Nos primeiros 15 días, a produción de leite aumentou notablemente”. Camilo Gutiérrez, delegado de vendas de Lely en Cataluña, engade ao respecto que “as vacas seguen sendo vacas e compórtanse como tal, por iso o tráfico libre funciona”.
Esta gandería tamén incorporou os colares que monitorizan o celo, a ruminación, o estrés e a inxestión dos animais: “Foi unha mellora importante, sobre todo no relacionado coa ruminación, porque, cando ves que comeza a baixar, axiña actúas e a vaca recupérase nun ou dous días. Antes non o detectabamos tan rápido”, manifesta Lloveras. Isto é fundamental para anticiparse aos problemas e tomar medidas antes de que cheguen, tal e como apunta Gutiérrez.
UN FACTOR CLAVE EN SAT SOLIUS: O BENESTAR ANIMAL
Tras robotizar o muxido, o benestar animal incrementouse considerablemente: “Aquí vemos unhas vacas moi tranquilas, dóciles e limpas, que interactúan con nós”, sinala Camilo Gutiérrez. Pola súa parte, Lloveras declara que desde que teñen o robot poden inseminalas e tratalas sen necesidade de suxeitalas: “Adaptáronse e agora son máis mansas”.
O benestar animal é un aspecto clave para a rendibilidade do negocio: “Canto mellor estean as vacas, maior beneficio percibirá o gandeiro, ao dedicarse os animais ao que deben facer, que é producir leite”, anota o delegado de vendas. Co muxido automatizado e o tráfico libre tamén se logra unha maior lonxevidade dos exemplares.
De feito, o tráfico libre evita o bullying animal, tal e como asegura Sánchez. Nesta gandería hai corredores grandes para que o gando circule tanto nun sentido cara ao robot coma no outro cara ao comedeiro ou aos cubículos. Deste xeito, conseguiron que vacas con producións pouco elevadas cheguen agora a 4,5 muxiduras diarias. Tamén lograron reducir as mastites, xa que as vacas non levan os ubres tan cheos ao muxirse cando queren.
Ademais, diminuíron significativamente o uso de antibióticos e céntranse máis na prevención mediante vacinas, alimentación axeitada, hixiene e coidado podal. Contan tamén con ventiladores, o que axuda a evitar o estrés por calor no verán. Así mesmo, o gandeiro valora de xeito positivo o soporte técnico de Lely, que contribúe a que todo funcione á perfección.
Finalmente, Alberto Sánchez fai fincapé na importancia de que as granxas sexan sostibles. Un exemplo diso é SAT Solius, que se sitúa nunha zona turística de Girona, onde se produce leite local e de calidade cun alto nivel de benestar animal.
Pijoan móstrase satisfeito cos resultados: “Foi un proceso complexo, pero agora que rematamos e que todo o rabaño se moxe no robot, recollemos os froitos de meses de traballo. Desfrutamos da tranquilidade e do benestar”.