Son o leite e a cervexa dous produtos compatibles? A fábrica galega de cervexas Estrella Galicia cre que si e, baixo esta premisa, acaba de presentar Milk Sout, unha cervexa elaborada con ingredientes obtidos a partir do leite de vacas criadas en granxas galegas, cuxa edición especial foi lanzada este martes coa posta en venda duns 20.000 litros de produto.
A lactosa proporciona unha textura sedosa e unha espuma cremosa de cor beige. "Con esta elaboración, logramos un produto cun significado moi especial, tanto polo valor dos produtos de proximidade que utilizamos para a súa elaboración como polo resultado final", sinala o mestre cervexeiro da fábrica. As vacas produtoras do leite a partir da cal se elabora o soro que se emprega na fabricación desta nova cervexa foron, ademais, alimentadas con bagazo desta marca cervexeira.
Neste proxecto interviñeron varias empresas galegas. Entre elas atópase Galacteum, encargada da incorporación da lactosa en forma de soro; Celga, queixería provedora, e a cooperativa Aira, coordinadora das ganderías colaboradoras.
"O Ciclo da Birra" foi o nome escollido para denominar esta proposta na que "converxen o leite de vacas galegas, o bagazo da nosa fábrica co que se alimentan e, por suposto, unha cervexa moi especial", expresaron desde a empresa.