Un dos moitos campos de ensaio de Fertiprado sitúase en Ganadería Sar, en Touro (A Coruña). Nun evento que tivo lugar durante a primavera, ao redor dun cento de gandeiros e agricultores de Galicia e Portugal reuníronse nesta explotación para coñecer máis sobre as sete mesturas biodiversas que a compañía sementou neste campo de ensaio. En Vaca Pinta 40, algúns asistentes déronnos a súa opinión sobre os produtos que a entidade ofrece e técnicos de Fertiprado explicaron que a súa aposta por producir máis alimento con menos perturbación sobre o medio ambiente comezou hai máis de trinta anos.
Joel Presa, de Fertiprado
Cando empezastes con este campo de ensaio e que variedades cultivastes?
Este campo de ensaio foi sementado o 13 de outubro de 2022 con sete mesturas biodiversas: seis forraxeiras e unha que estamos presentando para mellorar o solo, porque é unha preocupación crecente. Hai que producir, pero tamén coidar os solos.
Que vantaxes ofrecen para a rotación de cultivos?
Estas mesturas, e todas as que traballa Fertiprado, son biodiversas ricas en leguminosas. Ademais, están inoculadas con rizobios, bacterias que permiten captar o nitróxeno do aire e fixalo no solo, o cal mellora a proteína das plantas. Isto é moi importante porque ao final se fai dunha forma sustentable, barata e eficiente, co que logramos dous obxectivos: mellorar a fertilidade do solo e conseguir máis proteína producida na propia explotación.
Hoxe en día outras empresas están probando mesturas con leguminosas. Como se traballa en Fertiprado para seguir coa diferenciación no mercado?
Ese é un reto que temos todos os días en Fertiprado: mellorar e seguir sendo pioneiros. Conseguímolo principalmente de dúas maneiras; por unha banda, a xenética: estar constantemente seleccionando e obtendo variedades máis produtivas, máis adaptadas, e, pola outra, os sistemas da inoculación con rizobios. A maiores, é importante o equipo técnico e comercial á hora de transferir coñecemento e pautas de manexo, para que todo produto estea equilibrado e que o gandeiro saiba utilizalo.
De que maneira estas mesturas fomentan a biodiversidade e reducen a pegada de carbono?
Estas mesturas trabállanse con múltiples especies de leguminosas e de gramíneas. As leguminosas contribúen á biodiversidade porque son unha fonte importante para os insectos de ter plantas con flores. Cabe destacar tamén que temos plantas fixadoras e extractoras de nitróxeno, co que conseguimos producir máis con menos necesidade de factores externos.
Cada vez se busca máis unha agricultura respectuosa co medio ambiente. Que fai Fertiprado neste senso?
Hoxe é un tema que está moi de moda, que se comenta todos os días, pero cando naceu Fertiprado hai 30 anos o seu reto xa era lograr producir máis alimento con menos perturbación sobre o medio ambiente. De feito, todo o que estamos facendo en relación coa biodiversidade é unha ferramenta moi importante para conseguilo.
Consideras que os gandeiros son cada vez máis conscientes das vantaxes destas mesturas para as súas explotacións?
Si, sen dúbida, porque creo que son conscientes dos retos ambientais que hai que cumprir. Os solos hai que coidalos para as xeracións futuras.
Como ves o futuro para este tipo de produtos?
Penso que hai un longo futuro por diante. É interesante que cada vez máis a xente poida comprender este sistema produtivo e que vexa que hai vantaxes. Creo que isto está pasando, por iso aumenta o uso deste tipo de forraxes con leguminosas e, se se entende a forma de manexar, a produción está garantida, porque son solucións que no clima de Galicia funcionan moi ben.
José Freire, de Fertiprado
Que nos podes contar deste campo de ensaio?
Estamos en Touro, preto de Santiago de Compostela, nun campo de ensaio de Fertiprado. É un dos moitos que temos en distintas rexións e con diferentes produtos para estar preto dos gandeiros e dos agricultores, e presentarlles as nosas mellores solucións.
Cantas variedades presentades aquí?
Neste campo temos seis mesturas forraxeiras, biodiversas e ricas en leguminosas, ademais dunha mestura de mellora do solo, un fertilizante verde, que é outro tipo de liña de produtos que estamos desenvolvendo, a gama Proterra, que ten xa oito produtos distintos con funcións diferentes. Neste caso concreto, a que temos aquí é para incrementar materia orgánica e fixar nitróxeno. Pode fixar ao redor de entre 90 e 110 unidades de nitróxeno por hectárea.
Veu hoxe xente dende Portugal?
Si. Neste campo recibimos unha visita de 60 agricultores portugueses e cremos que é moi positivo, porque veñen ver tecnoloxías noutro sitio, noutra gandería, unha moi innovadora, e entre eles intercambian experiencias. Xuntar aquí gandeiros do norte de Portugal cos de Galicia é unir os mellores produtores de leite do norte da península ibérica.
José Manuel Sebio, de Botica do Campo
Dende cando traballas con produtos de Fertiprado?
Xa dende o comezo, dende 2004 estamos traballando con este tipo de mesturas.
Que opinas das súas mesturas ricas en leguminosas?
Eu creo que estas mesturas van seguir sendo as mellores na nosa zona. Achéganlles moito nitróxeno ao terreo e proteína aos ensilados de herba.
Que vantaxes ofrecen?
Ofrecen vantaxes tanto a nivel agronómico, porque necesitan menos aporte de nitróxeno, como para o gando, xa que son mesturas moi dixestibles e moi apetecibles.
O produtor de leite é receptivo a usar este tipo de cultivos?
Si. O gandeiro é receptivo porque agora incluso coa PAC están limitando o uso de fertilizantes; ademais, conséguense unhas boas calidades no ensilado.
Nesta zona teñen boa acollida os produtos?
Si. A verdade é que foi un traballo difícil ao comezo, pero agora, cada vez teñen mellor acollida.
Tendo en conta que son vantaxosas para adaptarse ás novas políticas que buscan a redución da pegada de carbono e ás esixencias da PAC, como ves o futuro para este tipo de produtos?
Van ir a máis. A PAC está intentando reducir a pegada de carbono e con estes produtos achegamos moitos nutrientes naturais ao solo.
Miguel Marques, de Ucanorte XXI
Dende cando traballas con produtos de Fertiprado?
Traballo dende que entrei en Ucanorte XXI, en 2013, e desenvolvín varios produtos en conxunto con eles. Cando coñecín a compañía deixoume impresionado, porque xa en 1994 falaban de leguminosas, moito antes de que todo o mundo comezase a centrarse na biodiversidade.
Que opinas das mesturas ricas en leguminosas de Fertiprado?
Só teño cousas boas que dicir. Teñen altos niveis de proteína e conseguen produtividades moi elevadas. Por tanto, estou convencido de recomendar os meus agricultores os produtos de Fertiprado.
Tendo en conta que son vantaxosas para adaptarse ás novas políticas que buscan a redución da pegada de carbono, a PAC… Como ves o futuro do mercado para este tipo de produtos?
É enorme. Mellor dito, non hai volta atrás con respecto ao futuro deste tipo de produtos. Coa lexislación actual, o raigrás puro practicamente vai desaparecer e todo vai pasar a ser mestura.
Manuel Sanda, de Ganadería Sar (A Coruña, España)
Cantas hectáreas traballades e que forraxes cultivades?
Traballamos un total de 350 hectáreas, unhas 320 para millo, das cales 200 son para forraxe e 100 para grao húmido. Despois temos sobre unhas 200 a raigrás ou mesturas forraxeiras.
Cal é a túa opinión acerca de Fertiprado e os seus produtos?
Fertiprado é unha casa que apostou moito polas mesturas forraxeiras, que son moi boas na nosa opinión. Ademais, no presente e no futuro vense moi interesantes pola redución da pegada de carbono e sen perda de rendibilidade en comparación aos raigrases tradicionais.
Cando empezaches a utilizar as mesturas?
Hai uns tres anos. En principio só se empezaron a usar co obxectivo de cumprir co pago verde da PAC. Anteriormente cumpriámolo deixando barbeito e agora, segundo imos collendo experiencia, estamos empezando a aumentar a cantidade de hectáreas coas mesturas forraxeiras e a intención é ir a máis polo motivo da facilidade de traballo do cultivo con respecto aos raigrases e, sobre todo, polo tema de redución de carbono e de fertilización.
Que tal é a calidade e a produción?
Neste campo de ensaio estamos vendo que se poden conseguir producións parecidas ou incluso superiores ao raigrás e con niveis de proteína similares ou mellores, e sempre con moito menos fertilizante de nitróxeno.
Carlos Neves, da gandería Quinta do Sinal (Vila do Conde, Portugal)
Cantas hectáreas traballades e que forraxes cultivades?
Teño preto de 20-25 hectáreas. Traballo con raigrás ou con mesturas, con Avex ou o C-Mix.
Cal é a túa opinión sobre Fertiprado e os seus produtos?
Uso estes produtos porque é máis sinxelo ter xa a mestura feita e porque estou intentando mellorar o solo. Ademais, tamén me gusta dispoñer dunha mestura con proteína de calidade para alimentar as vacas e as xovencas.
Cando empezaches a utilizar estas mesturas e cales sementas?
Xa empecei hai algúns anos e xa usei tamén o Speed-Mix, pero agora prefiro escoller entre o Avex, que é máis precoz, algo que me gusta para empezar cedo e sementar o millo aproveitando a auga da primavera, ou o C-Mix, que é mestura con cebada, o cal dá máis calidade, pero é un pouco máis lento e estouno avaliando. Xa é o segundo ano que uso estas mesturas.
Nótase na produción e na redución de custos o feito de elixir unha forraxe rica en leguminosas para a alimentación das vacas?
Si. Neste momento as proteínas da ración interesan moito. Nós temos a capacidade de facer moito millo e en boas condicións. Canta máis proteína se consegue ter, máis se economizan os resultados.
Antonio Tato, da gandería O Salgueiro (A Coruña, España)
Canto tempo levades empregando as mesturas de Fertiprado?
Levamos uns catro anos.
Que mesturas utilizades?
As mesturas que adoitamos usar na granxa son de C-Mix e de Fertifeno.
Que é o que máis che gusta delas?
Sae unha moi boa cantidade e tamén destacan as súas calidades de ensilado.
Como é a calidade e a produción das forraxes?
A calidade e a produción están nuns valores altos. Polo que levo probado na explotación, podemos dicir que é boa.
En canto á alimentación das vacas, cal é a importancia de facer unha forraxe rica en leguminosas?
Pois nótase tanto na produción como na redución de pensos. Sempre tes uns altos valores tanto en graxa como en proteína e ao final iso é importante.