A empresa portuguesa Fertiprado celebrou no pasado mes de xullo unha xornada en Galicia, no concello coruñés do Pino, para presentar as súas últimas novidades e abordar a situación dos seus produtos no mercado. Varios técnicos da empresa explicáronnos a súa aposta por producir unha maior dixestibilidade cunha menor pegada de carbono e gandeiros e distribuidores compartiron a súa propia experiencia. Máis en Vaca Pinta 47.
Fertiprado foi pioneira en apostar e desenvolver desde os anos 90 mesturas biodiversas ricas en leguminosas e agora o mercado está centrado neste tipo de produtos por motivos de eficiencia económica e sostibilidade.
Grazas á súa traxectoria, Fertiprado vai por diante e as súas mesturas xa están avaladas por moitos anos de investigación e desenvolvemento. “O futuro de Europa camiña cara á neutralidade carbónica e en Fertiprado levamos traballando neste sentido moitos anos”, indica Joel Presa, director de Estratexia de Fertiprado.
En canto ás súas vantaxes, destacan tres grandes beneficios: a oxixenación do solo, a mellor dixestibilidade para a alimentación dos animais e o aforro económico para os gandeiros. Segundo indica Carlos Garrido, técnico de Fertiprado: “As mesturas con leguminosas fixan de forma natural nitróxeno ao solo, o que nos permite reducir a aplicación de fertilizantes nitroxenados, e proporciónanlle máis dixestibilidade ás racións, ao conter niveis maiores de proteína. Así logramos mellorar a rendibilidade económica das nosas granxas”.
O impacto positivo destes produtos nos solos é un feito e, deste xeito, Fertiprado está axudando os gandeiros e o sector en xeral a cumprir coas normas europeas de redución da pegada de carbono e a realizar rotación de cultivos con millo baixo as directrices da Política Agraria Común. “Os solos máis sans e estruturados, as plantas con flores na primavera, o aforro en fertilizantes e as menores necesidades de soia nas racións permiten aumentar a produtividade das ganderías cumprindo coas normativas ambientais”, subliña Presa.
ALTOS NIVEIS DE FIBRA
As mesturas biodiversas de Fertiprado, con máis do 51 % de leguminosas, son o complemento perfecto para os silos de millo, xa que, cando se inclúen niveis de fibra correctos nas dietas dos ruminantes, o seu funcionamento será perfecto. “A gran maioría dos problemas nas granxas de leite son consecuencia da falta de fibra, por iso é moi importante que os gandeiros valoren ben a conservación dos silos, pero tamén os niveis de fibra cos que están traballando”, asegura Garrido.
MELLORA CONTINUA
Para poder colocar no mercado mesturas o máis adaptadas posible ás necesidades dos gandeiros e ás alteracións climáticas, Fertiprado dálle moita importancia ao seu departamento de investigación, no que realizan un traballo continuo de selección e desenvolvemento de variedades.
A súa directora, Ana Barradas, conta que, ademais de dedicarse aos pastos, forraxes e cubertas vexetais, están moi centrados na protección do solo. “Temos sido precursores na inoculación de sementes con risobio e hoxe traballamos tamén con microorganismos distintos, coma os solubilizadores de fósforo, que son moi importantes para conseguir os recursos que temos e ás veces non estamos a aproveitar”, destaca.
AO LADO DO GANDEIRO
O desenvolvemento dos seus produtos non tería sentido sen unha aplicación práctica no sector e, neste sentido, Fertiprado non só vende as súas mesturas de sementes, senón que facilita un asesoramento e un seguimento técnico para o manexo de todos os seus produtos.
“Da man dos gandeiros valoramos que produto se adapta mellor ás necesidades de cada negocio, recomendamos como manexar cada mestura en función do tipo de solo e buscamos o maior beneficio para os nosos clientes”, finaliza Garrido.
EXPERIENCIAS CON FERTIPRADO
UNHA ALTERNATIVA SOSTIBLE PARA AS NOVAS FORRAXES
A participación de Fertiprado en diversos proxectos de investigación permitiulles comprobar que as súas sementes son un recurso adecuado para mellorar a calidade do solo e reducir as emisións de CO2 á atmosfera.
Un deles é o proxecto SoilLife1st, cuxos obxectivos están ligados a restaurar a capacidade produtiva dos solos, garantir unha maior dispoñibilidade de auga e aumentar a capacidade de resistencia dos ecosistemas.
A profesora María do Ceu Godinho, da Escola Superior Agraria de Santarém, que forma parte desta iniciativa, destaca que “as mesturas de Fertiprado con leguminosas favorecen o enriquecemento en biodiversidade, axudándolle ao agricultor a alcanzar unha loita biolóxica natural contra patóxenos e pragas, e unha maior calidade da superficie”.
Nesta liña, o investigador do CIAM César Resch coordina, en colaboración con ClieNFarms, outro proxecto co que pretenden mellorar a xestión do CO2 nas ganderías e medir as emisións de calquera tipo de actividade agrícola tanto en Europa como en Nova Zelandia.
“Vemos que a través do cultivo de leguminosas se incrementa a cantidade de proteína por ración, o que diminúe a necesidade de nitróxeno de síntese e axuda a reducir a contaminación das granxas”, resume Resch.