A Xunta premia a Syngenta polos seus 69 anos de apoio ao galego co seu ‘Almanaque Agrícola ZZ’

A Xunta premia a Syngenta polos seus 69 anos de apoio ao galego co seu ‘Almanaque Agrícola ZZ’

Todos os profesionais da agricultura galega e calquera técnico ou agricultor que pasase pola fábrica de Syngenta no Porriño (Pontevedra), coñece ben o ‘Almanaque Agrícola ZZ’, cuxos exemplares sempre están na súa recepción e que, desde hai máis de 69 anos, converteuse nunha publicación de referencia en Galicia. Un dos motivos que fixeron desta guía unha publicación tan querida e demandada é o seu uso do galego desde  os seus inicios, sendo a primeira publicación impresa deste tipo que, no ano 1952, decidiu usar o idioma local que, por aquel entón, non era oficial e utilizábase practicamente só no ámbito familiar. 

A firme aposta pola difusión do galego a través do ‘Almanaque Agrícola ZZ’ foi a causa pola que se lle outorgou unha mención especial nos XXVII Premios de Publicidade en Galego, que outorga a Xunta de Galicia e que se entregaron no Palacio do Parlamento de Galicia en Santiago de Compostela. É importante mencionar que o ‘Almanaque Agrícola ZZ’ foi presentado a estes premios polo Foro Enrique Peinador, unha institución que busca fomentar a normalización e o uso do galego e que mandou á Xunta de Galicia un artigo sobre a historia desta publicación.

O premio foi recollido por Javier Bardón, director de marketing de Syngenta en Iberia, e Inmaculada Mosquera, directora da fábrica da compañía no Porriño (Pontevedra). Ambos destacaron o esforzo e a vocación de servizo ao agricultor de todos os que participaron nesta publicación técnica, que conseguiu o reto máis difícil: que teña un público moi amplo e totalmente fiel, que a demanda e colecciona ano tras ano.

Todo o universo agrícola galego está incluído na publicación: un calendario mensual con predicións climatolóxicas pola vella, as cabañuelas; unha estatística meteorolóxica das principais estacións climáticas; un artigo sobre árbores singulares; un concurso etnográfico ao que concorren habitualmente interesados pola cultura galega, ademais dunha serie de recomendacións agrícolas e unha utilísima táboa de transformación de superficies dos tradicionais ferrados galegos segundo poboacións.