A Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas acaban de firmar un acordo mediante o cal a Fundación dotará economicamente a convocatoria de dous contratos de predoutoramento con finalidade investigadora. Nun acto celebrado na sede central de Caixa Rural Galega en Lugo, presentaron o convenio o reitor da USC, Antonio López, e o vicepresidente da Fundación e presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela, xunto á delegada do reitor para o Campus de Lugo, Elvira López, e os membros do padroado da Fundación, Alberto Cepeda e Salvador Diz.
O obxetivo da colaboración de ambas institucións é o de contribuír á promoción e mellora da actividade investigadora, o desenvolvemento e a innovación universitaria, así como á calidade da educación superior. En xeral, con esta iniciativa búscase un avance na sociedade a través da formación de novo talento científico e tecnolóxico.
O convenio e os contratos teñen unha duración de tres anos, e poderán concorrer á obtención destes os estudantes que teñan un título universitario de grao ou equivalente e de máster universitario ou equivalente, que vaian a realizar un plan de investigación nalgún dos catro eixes establecidos na convocatoria, todos relacionados co mundo agroalimentario e forestal e a sustentabilidade como eixe transversal. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais desde a publicación da convocatoria na sede electrónica da USC.