A primeira vacina contra a enfermidade hemorráxica epizoótica, comercializada por Vetia

Vetia Animal Health comercializa a primeira vacina para bovino indicada para a inmunización activa para previr a viremia e para reducir os signos clínicos causados polo virus da enfermidade hemorráxica epizoótica, serotipo 8. CZ Vaccines, filial do grupo Zendal, recibiu, na primeira semana de xullo, a autorización temporal de uso en gando bovino por parte da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, AEMPS (Artigo 110.2, Regulamento (UE) 2019/6) para facer fronte a esta afección.

Dende o grupo biotecnolóxico destacan a importancia da colaboración da AEMPS neste proceso e a gran sensibilidade da que fixo gala con respecto ás necesidades dos gandeiros españois, axilizando a decisión de dar luz verde ao uso da vacina.

O primeiro diagnóstico no noso país do serotipo 8 do virus da EHE tivo lugar no suroeste de España en novembro de 2022. Esta enfermidade que afecta especialmente aos rumiantes foi detectada posteriormente en todo o territorio nacional, a excepción dos territorios insulares de Baleares e Canarias.

Vetia Animal Health, tamén filial do grupo Zendal dedicada á saúde animal, é a responsable da comercialización desta nova vacina, coñecida como Hepizovac, unha vacina inactivada en suspensión inxectable que se administra, a partir dos dous meses de idade, por vía subcutánea, en dúas doses de 4 ml cun intervalo entre ambas de tres semanas. Preséntase en frascos de 100 ml (25 doses) e 252 ml (63 doses).

Esta innovación da área de saúde animal do grupo Zendal representa un novo fito no seu amplo catálogo de desenvolvementos destinados a mellorar a saúde gandeira.