Hai 7 anos inaugurábase nas Pontes o complexo multidisciplinar de Delagro, o cal conta cun total de 36.000 m2 de instalacións e onde traballan por ofrecer un servizo cada vez máis completo ao tempo que tratan de avanzar cara a unha produción cada vez máis sustentable.
Respecto disto último, cabe destacar que en 2021 decidiron marcarse uns indicadores e unha folla de ruta para ir medindo a súa contribución a unha produción máis sustentable. Estas medidas están baseadas no tres ‘R’: reducir emisións, reciclar e reutilizar.
No que respecta á reciclaxe, os datos recollidos ao longo de 2021 sinalan que ten unha capacidade de produción de 40.000 toneladas de fertilizantes anuais. Todos os residuos xerados na planta clasifícanse polo seu tipo e tramítanse a través dun xestor que os traslada ás plantas de residuos. Alí, posteriormente, trátanos para darlles unha segunda vida segundo o tipo de residuo.
Algúns envases reutilízanse antes de enviar a reciclar, aproveitando así ao máximo a súa vida útil. É o caso de todos os pallets de madeira que reciben e que están en bo estado para empregarse no almacenamento dos produtos que envasan, así como das caixas de cartón, que se clasifican e se aproveitan na plataforma loxística para expedir mercadoría.
Respecto da redución da pegada de carbono, desde Delagro consideran clave a optimización de rutas e cargas. Así mesmo, iniciaron un sistema de medición e control, implantando unha normativa interna e uns parámetros para o cálculo da pegada de carbono. Isto permitiulles reducir en 75 toneladas de CO2 as emisións nas Pontes. Tamén nesta liña, algúns dos pasos xa iniciados para seguir contribuíndo á súa redución son a instalación da planta solar, a substitución de carretillas diésel por carretillas eléctricas, a utilización de insumos con materiais reciclados e o plan de movementos e acarreamentos de mercadorías internas.