A liña de investigación de Neiker sobre vacinas baseadas en bacterias do grupo da tuberculose obtén o premio Zendal

A liña de investigación de Neiker sobre vacinas baseadas en bacterias do grupo da tuberculose obtén o premio Zendal

Un traballo sobre a paratuberculosis e a tuberculose nos animais, desenvolvido por Neiker, e unha investigación sobre o desenvolvemento dunha posible vacina contra o Sars-CoV-2, presentada polo grupo Ciqus, foron os proxectos elixidos polo xurado como gañadores dos II International Zendalawards na categoría de saúde animal e humana, respectivamente.

A innovación e transformación social, a viabilidade e aplicabilidade dos achados; a contribución deses avances á mellora e benestar da sociedade e a relevancia científica da investigación foron os principais criterios aplicados polo xurado para elixir aos proxectos gañadores desta edición. Os responsables dos proxectos galardoados, con 15.000 euros cada un nas dúas categorías existentes, deberán reinvestir a dotación económica en proxectos de investigación, xa que o obxectivo destes premios é potenciar a investigación biotecnológica.  

DOUS AVANCES EN VACINAS

O proxecto gañador na categoría de saúde animal foi o presentado polo grupo especializado en micobacterias do Departamento de Sanidade Animal de Neiker. Este grupo traballa nas principais enfermidades causadas por bacterias do xénero Mycobacterium como son a tuberculose e a paratuberculosis. A tuberculose é unha zoonosis, é dicir unha enfermidade transmisible entre humanos e animais. Afecta tanto ao gando doméstico –principalmente vacas e cabras– como á fauna silvestre, sendo o xabaril a máis afectada destas.

Por outra banda, a paratuberculosis é unha enfermidade intestinal crónica propia dos rumiantes domésticos (vacas, ovellas e cabras) ao comezo da súa vida produtiva. Estímase que o 40 % das granxas de gando vacún leiteiro do mundo atópanse afectadas causándolles perdas duns 200 euros por animal e ano debido ao descenso de produción. Ademais, prodúcense outras perdas por baixas de animais enfermos xa que actualmente non existe tratamento. Ao evitar a enfermidade, a vacina mellora o benestar dos animais e a sustentabilidade económica das granxas. O problema é que interfere co diagnóstico da tuberculose e por iso non se usa de forma xeneralizada. Liquidar este problema é un dos obxectivos da investigación do grupo de Neiker.

Ata hai pouco críase que as vacinas inactivadas non eran útiles para limitar a tuberculose, pero o grupo de Neiker demostrou que si o son e que, ademais poden reducir o impacto doutras enfermidades agudas e crónicas das explotacións gandeiras. Isto débese aos mecanismos recentemente descubertos que sustentan a teoría da inmunidade innata aprendida, que se define como unha resposta aumentada a un axente patóxeno inducida polo mesmo ou por outro.

Parte dos traballos deste proxecto de investigación baséanse no único ensaio clínico mundial dunha vacina contra a paratuberculosis en gando bovino que se desenvolveu en ganderías de Euskadi. O estudo, que xa supón unha transferencia tecnolóxica directa ao sector gandeiro, serviu para confirmar en campo a predición de protección non específica da teoría da inmunidade innata aprendida en animais.

Pola súa banda, na categoría de saúde humana, o proxecto do Ciqus ten como obxectivo a obtención dunha vacina candidata contra o Sars-CoV-2 que pode chegar á fase de ensaios clínicos. Este proxecto parte dunha metodoloxía innovadora propia patentada e desenvolvida no laboratorio, que permite xerar con rapidez e a baixo custo novos antíxenos vacinais.

O xurado tamén premiou, no apartado de Recoñecemento a unha traxectoria de excelencia, á bióloga molecular Maria A. Blasco, discípula da coñecida Margarita Salas e actualmente directora do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) onde vén enfocando o seu traballo na loita contra o cancro e o envellecemento.