A IV Poxa de Elite terá lugar o 14 e o 15 de marzo

A empresa de xenética bovina Embriomarket vén de anunciar a data da nova edición da poxa de gando frisón que organiza desde hai catro anos en Curtis (A Coruña), que esta vez se celebrará os días 14 e 15 de marzo.

A principal novidade deste ano é a participación de animais de toda España, cuxa inscrición previa estará suxeita ao cumprimento, como mínimo, dalgún destes dous requisitos: un GICO/ICO > 3.900 ou 4 xeracións MB ou EX (ou máis) no seu pedigree.

Un dos obxectivos da poxa segue a ser a promoción da enorme calidade das ganderías galegas e españolas. Así, de entre todos os animais inscritos seleccionaranse os que teñan maiores valoracións e méritos; tamén se valorará de maneira especial que dispoñan de proba xenómica.  

Como en edicións anteriores, o porte a destino do comprador será gratuíto. Ademais, os animais vendidos levarán un desconto do 100 % nun ciclo de completo de fecundación in vitro.

INSCRICIÓN

O prazo de inscrición de animais estará aberto ata o 10 de xaneiro. Neste enlace están dispoñibles o regulamento da poxa e a folla de inscrición.