Alberto, Daniel e Félix Roncero son os propietarios da gandería Roncero, situada en Peleas de Abajo, en Zamora. Trátase dunha explotación familiar XL que decidiron robotizar por completo; para iso, apostaron por Lely con oito Astronaut A5. Máis en Vaca Pinta 47.
Hai vinte anos que os socios actuais, xunto co seu irmán Salvador, fundaron a granxa. “Sempre dicimos que estamos moi orgullosos de ser gandeiros. Tanto o meu irmán Salvador coma min iniciamos isto porque comezamos a traballar na explotación que antes tiña o meu pai con outros socios; alí aprendemos e encantábanos”, contou Alberto Roncero.
Empezaron cunha sala de 2x12 e, coincidindo co vixésimo aniversario do negocio, deron o paso á robotización, debido a que xa había un tempo que tiñan ganas de dar o salto. Coa proposta que Lely lles fixo, decidiron que o momento chegara: “A intención é que o 11 de novembro de 2024, a vinte anos do inicio da actividade, teñamos os oito robots funcionando”, manifestou.
“O meu irmán Daniel e mais eu somos os dous piares da granxa, sen esquecer o meu pai, Félix, que é o cemento de unión” –narraba Roncero, ao tempo que explicaba que o seu rol se centra na xestión en gandería e en recursos humanos, mentres que Daniel se encarga da parte económica e da agricultura–, “aínda que os dous somos partícipes de ambos os roles, xa que vemos necesario ser coñecedores do traballo do outro. Esta é unha das razóns para o crecemento: diversificar mellor e que sexa máis doado o entendemento entre irmáns que, como sabemos, ás veces é difícil nas sociedades familiares”.
Para poder levar a cabo as tarefas diarias, contan coa axuda de varios empregados: seis na gandería, un en administración e dous en agricultura.
O CAMBIO Á ROBOTIZACIÓN, RÁPIDO E POSITIVO
Teñen en muxido uns 350 animais, 100 vacas secas aproximadamente e en recría, en Valencia, posúen 200 xovencas. O número medio de muxidos nos robots é de tres, mentres que no que lles queda de sala a cifra se reduce a dous. Os datos de produción tamén son rechamantes: “En robot estamos arredor dos 40 litros, con picos de 41 e 42; en cambio, en sala, quedamos en 35 ou 36 como moito”, reflexionou o gandeiro. Actualmente, están a empregar catro Astronaut A5. En novembro, coa posta a punto dos catro restantes (en total, contarán con oito unidades), rematarán a transición cara á robotización do muxido e poderán prescindir da sala de forma definitiva.
Ao mes da posta en marcha dos catro primeiros A5 as sensacións xa foron positivas: “As vacas adaptáronse moi ben e houbo un doado manexo con elas, que, xunto co manexo que nós xa temos da gandería, se forxou unha unión aceptable para que o resultado sexa o que estamos a ver a día de hoxe, co cal estamos contentos”.
AS VANTAXES DE LELY E DO TRÁFICO LIBRE
Dende a firma holandesa defenden con firmeza a posta en marcha dos robots de muxido e do tráfico libre en granxas de gran tamaño. Roncero é o exemplo claro de por que este modelo funciona para as ganderías XL. “A opción do muxido robotizado non é o que outras granxas coma a nosa adoitan tomar en consideración. Porén, a iniciativa xurdiu para afianzar o persoal que temos, queremos que siga con nós, así que con Lely e co tráfico libre confiamos en poder asegurar eses postos de traballo para o futuro”, expresou Alberto sobre as motivacións que os levaron a apostar polos A5.
Con Lely notaron un aumento de produción significativo, aspecto que se evidencia polo paso de dous a tres muxidos; con todo, explican dende a explotación que anteriormente xa estiveran en tres muxidos nalgún momento e, aínda así, nunca conseguiran as producións que a día de hoxe obteñen: “Os animais están moi tranquilos, aínda que é certo que o manexo que sempre tivemos aquí creo que deu pé a que se acostumasen moi rápido ao novo método de muxido e que a entrada das vacas estea sendo boa”.
Con respecto ao tráfico libre, nun principio non estaban seguros de se era a opción que querían, “pero teño que dicir que foi todo un acerto e que estamos satisfeitos”, confesou. Xa escoitaran recomendacións de amigos que están en tráfico libre dende hai tempo e tiñan ganas de probalo, porque se axusta ao muxido do animal ao poder ir cando lle dea a gana, cando o necesite e cando queira.
Alberto Roncero destacou tamén de Lely a boa experiencia co seu equipo técnico, conformado por “persoas profesionais e moi próximas. A relación con eles é moi directa e sentímonos moi a gusto co trato recibido”.
O PUNTO DE VISTA DOS EMPREGADOS
Rocío Esteban leva xa oito anos traballando na granxa. O cambio ao muxido robotizado vivírono ben: “Antes estaba na sala día a día e agora metemos atrasos nos robots, e son moi poucos. É outro mundo distinto, porque alí pasabas tres horas ou o tempo necesario e agora son só uns momentos concretos co robot, co cal podes investir máis tempo noutros aspectos”, aclarou. A gandeira resaltou tamén en positivo as áreas de separación de detrás do robot: “As vacas están tranquilas, non hai ningún problema nin sofren de estrés”.
Francisco Javier Rojas leva tres anos en Roncero. Co cambio, sentiu que o trato cos animais é máis agradable, xa que ao muxirse de forma automática teñen tempo para estar pendentes deles. En canto ao tráfico libre, indicou que é máis cómodo tanto para as vacas coma para eles.
Sobre o futuro das ganderías XL, Alberto teno claro e considera que pasarán polo robot de muxido e polo tráfico libre: “Nós sopesamos tamén o batch milking, pero descartámolo porque te limita a tres muxidos ou sería complicado facer máis, mentres que co tráfico libre non tes esta traba. Nas granxas grandes pode parecer complicado o paso á robotización, pero na nosa experiencia, e arrancando con catro robots ao mesmo tempo, non o foi para nada”.
O PAPEL DOS FMS
Tamara Castro é FMS en Lely Center Ávila. O seu papel pasa por analizar os parámetros produtivos do rabaño antes, durante e despois da posta en marcha do sistema de muxido robotizado. Para iso, teñen en conta diversos puntos.
Na alimentación, sempre se tenta chegar a un acordo co nutrólogo e realizan unha estratexia na que van suplindo paulatinamente o penso do presebe polo concentrado do robot sen penalizar a produción das vacas. “É importante lograr un equilibrio óptimo entre o presebe e a cantidade de penso que se dá no robot, pero tamén é crucial contar con forraxes de boa calidade que nos garantan un nivel de fibra óptimo para evitar problemas de saúde ruminal”, indicou Castro. Dende Lely, buscan alimentar cada animal en función das súas necesidades, coa consecuencia final de obter a máxima produción posible.
En canto á saúde podal, sempre se valora co gandeiro que incidencia hai para ver se é necesario tomar algún tipo de medida e chegar ao arranque co menor número de coxas posible. Tamén se analiza previamente o reconto de células somáticas e a incidencia de mamites.
“Un dos principais motivos que están movendo aos gandeiros a dar o salto a automatizar as granxas é a man de obra, sobre todo nas XL, porque están preocupados por optimizar o tempo dos seus empregados”, aseverou Tamara Castro. O obxectivo que perseguen dende Lely é que unha única persoa poida xestionar un patio de 120 vacas nun máximo de 20 minutos en cada quenda.