A xeración Stage V do Xerion de Claas recibe unha ampla renovación

Claas inclúe novidades para os tractores grandes Xerion 4.200, 4.500 e 5.000. Esta xeración, introducida en 2019, conta agora con novidosas transmisións e unha maior potencia hidráulica. Máis concretamente, engadiuse unha nova caixa de cambios Eccom 5.5 con transmisión variable continua e un novo sistema hidráulico de traballo dispoñible opcionalmente cun caudal de ata 422 l/min.

A empresa utiliza desde 2003 a tecnoloxía de transmisións Eccom para o accionamento Cmatic de variación continua e división de potencia no Xerion ZF. Estas transmisións, ademais de pola súa eficiencia, caracterízanse pola súa capacidade de adaptación, unha gran fiabilidade nas condicións de uso e unha longa vida útil. Como novidade para a campaña, destaca o cambio das transmisións continuas ZF Eccom 5.0 e Eccom 4.5 pola nova Eccom 5.5.

Por outra banda, o cambio á nova Eccom 5.5 permite unha hidráulica de traballo aínda máis potente para os seis distribuidores traseiros de dobre efecto posibles. Grazas a un novo mecanismo de transmisión da bomba e unha bomba tándem orixinal, pódese dispoñer dun caudal de aceite de ata 422 l/min incluso a baixas revolucións. Tamén está dispoñible a raíz desta campaña unha nova placa soporte de peso no espazo da carrocería detrás da cabina. 

A maiores, os Xerion Trac e Trac Vc estarán equipados co novo terminal Cemis 1.200 con receptor Sat 900 e GPS Pilot de última xeración para o sistema de guiado, a xestión de frotas, o control de aplicacións e a documentación. Algunhas das outras novidades inclúen reguladores prioritarios cun caudal de 140 l/min, optimización do menú hidráulico en Cebis e un sistema de freos hidráulicos de dobre circuíto.