A través dunha serie de entregas, que empezou con esta primeira parte, publicada en Vaca Pinta 37, Lely analizará cal é a mellor solución para o muxido robotizado das vacas en granxas de máis de 500 animais en lactación. Tratarase o manexo, a localización dos robots na granxa, o traballo diario, o aforro da man de obra con respecto a outros sistemas de muxido e a alimentación, todo isto desde a visión e a experiencia desta marca, a casa con máis granxas XL na península ibérica, en Europa e en todo o mundo.
En Lely, cando falamos dunha granxa XL, referímonos a unha gandería de oito ou máis robots de muxido. Hoxe en día en España hai 6 granxas Lely XL, as cales moxen máis de 450 vacas e producen non menos 18.000 litros diarios de leite cada unha. A compañía converteuse na precursora do muxido robotizado, sendo historicamente a marca que máis robots instala no mundo.
O que persegue a multinacional holandesa é un sistema integral que mesture as vacas, as persoas e a tecnoloxía, coa finalidade de mellorar a vida do rabaño e do gandeiro. Para iso, asentou as bases a través da súa filosofía principal, que é o tráfico libre, o cal significa que a vaca decide de forma voluntaria cando acudir ao box de muxido. Que a vaca sexa autónoma e poida decidir por si mesma en cada momento do día ten varias vantaxes, principalmente máis produción de leite e menos traballo para o gandeiro.
Por que? Porque, grazas ao tráfico libre, a vaca pode acudir moitas máis veces á cornadiza para comer, beber cando o desexe e realizar longos descansos, o que vai favorecer unha maior produción de leite ao longo da súa lactación. Grazas a isto, o animal non só terá maior produción, algo que busca calquera gandeiro, senón que este tamén mellorará o seu benestar porque unha vaca que está sa, descansada e ben alimentada, cunha ración de comida equilibrada, acudirá ao robot buscando unha achega extra de enerxía para quedar máis aliviada ao baleirar o seu ubre no Astronaut. O gandeiro, por tanto, non se verá obrigado a levar a vaca ao robot de muxido e será o animal o que acuda pola súa propia vontade.
TRABALLO E INVESTIGACIÓN AO SERVIZO DO GANDEIRO
Se nos din hai máis de 25 anos que unha vaca podería acudir de forma voluntaria a muxirse a unha cabina de muxido sen ter que pasar traballo con ela e que, ademais, produciría máis leite, a moitos lles custaría crelo. Con todo, en pleno 2023, non é que isto o faga unha soa vaca dentro dun rabaño, senón que o fan centos ou miles nalgunhas explotacións.
En Lely sempre falamos de levarlles o muxido ás vacas e non as vacas ao muxido, xa que son conceptos moi diferentes e con implicacións moi diversas. Cal é a diferenza entre o primeiro e o segundo?
Cando falamos de levarlles o muxido ás vacas, é dicir, do tráfico libre, deseñamos todo para que a vaca se sinta cómoda indo ao robot, favorecendo o benestar animal e unha maior saúde do rabaño. Isto implica unha granxa que teña amplitude nos seus patios, unha boa zona de cruzamento preto dos robots, onde os animais poidan circular sen obstáculos, eliminando calquera problema de xerarquía, e camas cómodas, asegurando que, como mínimo, haxa tantas como animais presentes na granxa.
En contrapartida, cando falamos de levar as vacas ao muxido, é dicir, cun tráfico forzado ou guiado, esquecémonos do confort do animal e simplemente o levamos dun punto a outro para que se muxa, sen ter tanto en conta o seu benestar, o que inflúe negativamente na produción, porque adoitan ser animais máis tensos. As vacas non teñen tempo, deben dedicar o seu tempo a producir leite.
Temos que ter en conta que, se unha vaca está tensa, ben por como é o sitio onde se moxe ou por como é o manexo do animal, esta pode producir menos leite, xa que, se non está cómoda, estará a producir máis adrenalina que oxitocina e, polo tanto, haberá bimodalidade no muxido e quedará mal muxida. Por iso é moi importante que a vaca estea feliz no establo e dentro do box de muxido.
MELLORA DO RENDEMENTO E DO BENESTAR CON LELY
Falemos claro: unha vaca que pasa tres ou ata catro horas de pé esperando para muxirse tres veces ao día, ben sexa nunha sala ou en calquera outro sistema de muxido diferente ao tráfico libre, é un animal do que non estamos a aproveitar todo o seu potencial e, por tanto, non está a producir todo o leite que pode alcanzar. Por que? Principalmente polo tempo de descanso e pola alimentación, que neste caso o animal non pode xestionar libremente segundo as súas necesidades, como si ocorre en sistemas de muxido con tráfico libre. Este sistema polo que aposta Lely non só ten como vantaxe un aumento da produción, senón que, ademais, mellora a saúde. En definitiva, deixamos que as vacas sexan vacas.
Isto é cuantificable? Desde logo. Cada vez máis granxas pasan de tres muxidos en sala a un sistema robotizado con Lely en tráfico libre e o resultado sempre é o mesmo: prodúcese máis leite e as vacas teñen moitos menos problemas de saúde ao longo de toda a súa vida reprodutiva. Cantos máis animais hai en muxido, maior é a mellora co cambio, porque hai un maior control do rabaño e unha mellora moi importante na eficiencia da alimentación e do muxido, xa que se producirán máis litros de leite cunha menor inxestión de materia seca.
Ademais, grazas ao tráfico libre, as vacas viven en total liberdade, aínda que estean en lotes, de máis ou menos animais, e non teñen que facer colas nin traslados innecesarios para muxirse.
Hai que subliñar que todo isto non só é importante nas granxas XL, porque ao final todos os gandeiros, con máis ou menos vacas en muxido, perseguen as mesmas metas: unha diminución do traballo relacionado co muxido, máis saúde nos seus animais e un aumento da produción diaria, o que se traducirá nun maior retorno económico, que lle permitirá paliar o investimento en menos tempo.