A filosofía de Lely para o muxido en grandes explotacións (VI): o modelo alemán

A filosofía de Lely para o muxido en grandes explotacións (VI): o modelo alemán

As granxas alemás son o verdadeiro expoñente de crecemento tanto en número de cabezas como en número de robots de muxido. Nunha viaxe organizada por Lely, varios gandeiros españois puideron ver in situ as vantaxes do muxido robotizado da marca holandesa co tráfico libre como sinal de identidade. Ver en Vaca Pinta 43.

Na viaxe á rexión de Dresde, ao sueste de Alemaña, a expedición española visitou tres granxas XL con máis de oito robots de muxido cada unha. O que máis chamou a atención foi a escasa man de obra que utilizan para a xestión dentro das explotacións, sobre todo en relación ao traballo que aforran cos robots con respecto ás salas de muxido rotativas que empregaban antes.

As granxas en Alemaña despois da guerra pertenceron ao Estado e, posteriormente, convertéronse en cooperativas que logo os seus socios lle compraron ao propio Estado; de aí as grandes extensións de terreo que teñen, xa que durante anos foron obrigados a aglutinar recursos e a unirse para poder crecer. Desta forma, en 1990 as explotacións partían como mínimo con 1.000 hectáreas de terreo, algo que fixo que puidesen medrar ata chegar ás granxas que teñen na actualidade.

Dúas das ganderías visitadas fóronse adecuando aos robots de muxido, xa que algunha delas comezou a súa actividade antes de 1990 e no seu día non estaban pensadas para utilizar robots. Estas explotacións carecen da amplitude á que estamos afeitos hoxe en día, pero o seu funcionamento é sobresaliente, xa que o aforro da man de obra, unido ao incremento dos litros de leite que obteñen actualmente, os fixo crecer de forma exponencial nos últimos anos.

Os parques xestiónanse de forma diferente en cada granxa. Nalgunha puidéronse ver grupos de catro robots xuntos, aínda que o normal era sempre en lotes de dous. As máquinas tiñan tempo libre dabondo en todas as explotacións, ao aproximarse ao 20 % do día cos robots parados, xa que primaban telos máis desafogados para que non estivesen cunha carga de traballo excesiva.

MILCHLAND SCHÖNAU

Esta granxa, xestionada por un matrimonio, ten nove robots de muxido Lely Astronaut A5. Na actualidade moxen en robot a 500 animais, pero xa estaban a preparar as obras para incluír cinco novos A5 nas súas instalacións para as súas máis de 800 vacas. Ata o momento, comparten muxido cunha sala rotativa, na que estaban muxindo a preto de 300 vacas, as cales lles dan moito máis traballo en relación ao que teñen agora cos robots.

Cando os propietarios pensaron no cambio ao muxido robotizado, Lely non foi a súa primeira opción, xa que tiñan pensado incluír robots da marca coa que teñen a sala rotativa. Foi no banco, cando foron a pedir o préstamo para os robots, onde lles suxeriron que meditasen sobre a marca que ían adquirir, debido ao retorno e á amortización do investimento. Nese momento foi cando optaron por Lely, e empezaron a traballar xunto ao seu Lely Center en adaptar o deseño ás súas instalacións. Hoxe en día, están encantados co cambio.

Os empregados dedicados ao muxido son 14; oito deles encárganse da sala rotativa, por quendas, para tres muxidos diarios. Por tanto, só seis persoas se ocupan do traballo diario nos Lely Astronaut. Cando teñan funcionando os 14 robots, a mediados de 2024, prevén que só oito empregados cumpran coa función do muxido e a xestión da granxa, o que suporía un aforro de seis empregados con respecto aos que teñen actualmente.

AGROFARM HERWIGSDORF EG

Esta é, sen dúbida, a granxa máis espectacular das visitadas na viaxe. As súas novas instalacións con 16 robots Lely Astronaut A5 están feitas por e para o robot de muxido, con corredores amplos para traballar con lotes de catro robots e unha grande área de separación compartida para cada oito máquinas de muxido. As dúas naves son completamente simétricas e no medio está a leitería.

A xestión da man de obra para as súas 1.000 vacas en muxidura é excelente, xa que o matrimonio que rexenta a granxa se apoia tan só en catro empregados para as tarefas diarias. A explotación conta, ademais, con catro arrimadores de comida, Juno Flex, para os seus corredores exteriores.

O traballo está completamente organizado. Ben é certo que os empregados que traballan coas vacas non teñen que facer ningunha tarefa coas máquinas, nin carro unifeed, só estar pendentes dos animais que hai dentro da explotación.

Grazas ás súas áreas de separación, dúas en total, unha para cada oito robots, poden desempeñar as tarefas diarias cos exemplares da mellor forma posible e sen molestar ao resto do rabaño. O deseño destas áreas, detrás dos robots, permítelles usar unha zona para as inseminacións, outra para os celos e outra para as vacas máis delicadas, ás cales lles queren prestar máis atención diaria.

Esta é unha granxa máis do estilo ao que se adoita ver en España, con amplitude e moi cómoda tanto para os gandeiros como para as súas vacas.

AGRARGESELLSCHAFT RUPPENDORF AG

A granxa máis grande que se visitou está ao leste de Dresde. Esta explotación conta con 21 robots de muxido Lely Astronaut A4 e máis de 1.200 vacas en muxidura. As instalacións son inmensas, pero non están centralizadas, xa que a granxa ten seis edificacións onde están os robots.

Teñen a granxa dividida en lotes de dous robots por parque, algo que lles axuda á xestión diaria cos seus animais. Esta é unha cooperativa de máis de 27 socios, dos que moitos son empregados, xa que levan 7.000 hectáreas de terreo para abastecer de comida ás súas vacas.

Contan con 12 persoas para atender o gando. Esta é unha granxa sen corredores de alimentación, do mesmo xeito que a primeira, como as que coñecemos aquí en España: non teñen cornadizas e alimentan as súas vacas cun sistema por cintas nuns presebes de pouco máis dun metro de fondo. Isto axúdalles a maximizar o espazo para os seus animais.

Os robots teñen unha media de entre 100 e 110 vacas por cada dous e a súa produción diaria supera os 40.000 litros de leite, dos que non poden baixar do 4 % de materia graxa para non ser penalizados pola industria láctea que llelo recolle. O prezo por litro en todas as explotacións visitadas situábase nos 38 céntimos de base.

Este é un negocio moi particular, xa que se pode apreciar que as instalacións son bastante antigas e reformáronse; hai máis de corenta anos, eran naves que se utilizaban para criar porcos e a súa altura non era superior aos tres metros e medio, pero a tranquilidade do gando daba boa mostra do óptimo funcionamento do tráfico libre de Lely.