MODELO LELY DE GRANXAS XL

A filosofía Lely para o muxido en grandes explotacións (IV): xestión da man de obra con robots de muxido

A filosofía Lely para o muxido en grandes explotacións (IV): xestión da man de obra con robots de muxido

Ás veces, dirixir o persoal dunha gandería pode resultar complicado. Porén, isto non é sempre así, xa que o manexo da man de obra vai depender do sistema de muxido que se use e, precisamente, os robots de Lely son unha opción que facilita moito o traballo diario nunha granxa XL. Contámolo en Vaca Pinta 41.

Son varias as vantaxes que ofrecen os robots de muxido Lely nas explotacións de gran tamaño; unha delas, a comodidade coa que os empregados traballan. Isto desemboca en que os gandeiros teñan menos problemas no seu día a día, co que poderán dedicar máis tempo a outras tarefas que non teñan que ver unicamente coa organización da granxa.
O enfoque que se require para xestionar o persoal dunha gandería con robots de muxido é diferente ao dunha convencional, tanto con sala de muxido como con sala rotativa. A continuación, amosaranse as claves para a correcta organización do persoal nunha granxa con robots, así como as súas funcións e tarefas que deben realizar, sempre desde a filosofía do tráfico libre e o benestar animal.


TRÁFICO LIBRE
Nas granxas XL os empregados ocúpanse da rutina diaria na explotación baseándose no tráfico libre, xa que unha vaca máis cómoda e libre de facer o que queira e cando queira presenta un maior benestar e aumenta a súa produción. Os animais sempre deben decidir por eles mesmos cando comer, beber, deitarse na cama ou muxirse; iso facilitará que o rabaño estea moito máis tranquilo e que o traballo con eles se reduza de forma drástica. 
A xestión do persoal ten que ir enfocada a aumentar tamén a produtividade laboral de cada traballador, que sexan máis eficientes en menos tempo e, polo tanto, que estean máis cómodos coas súas tarefas diarias. Para iso, nos deseños das ganderías con robots de muxido Lely búscase que o acceso ao robot para as persoas sexa limpo e estea libre de obstáculos, ademais de que teña unha manga pola que poder mover os animais de forma segura se os queremos cambiar dun lote a outro, buscando que poida facelo unha única persoa.

ÁREAS DE CONTENCIÓN
Para facilitar o traballo cos exemplares que se deben arrimar ao robot, xa sexa no caso dunha xata nova ou con vacas que por algún motivo non entraron, deséñanse unhas portas de contención para facer unha sala de espera temporal dentro do patio. Esas áreas, a onde se levan as vacas que posteriormente entrarán no robot, prepáranse para que unha única persoa poida buscar os animais dentro da gandería e os poida levar alí, o que minimiza o traballo e a cantidade de xente que necesitará o gandeiro para desempeñar estas tarefas. 
O maior problema hoxe en día dos produtores é atopar empregados que estean altamente motivados, organizados e con ganas de traballar con vacas. Por iso, as estratexias e protocolos de traballo lóxicos son importantes.


LELY HORIZON
Unha suxestión que fai Lely para organizar o traballo diario parte dunha simple lista de tarefas que os empregados deben realizar ao longo da xornada. Esta pódese organizar co programa de xestión Lely Horizon, xa que cada traballador pode ter no seu móbil a aplicación, saber que tarefa ten que desempeñar en cada momento e marcala como feita, para que ninguén máis teña que ir detrás revisando se o traballo está acabado ou non.
Isto facilita moito o día a día tanto nas explotacións grandes como nas medianas. As tarefas pódense definir previamente para cada granxa; por exemplo, que un empregado se ocupe dos atrasos dos robots, outros do manexo das vacas nas áreas de separación, reprodución e inseminacións, podoloxía etc.


TRABALLO DIARIO DO ROBOT
Unha gandería de, por exemplo, 1.000 vacas en muxidura, que funciona con 16 robots Lely Astronaut, ten unha media de 100 vacas secas e unhas 3 vacas de parto diarias. Para este modelo de explotación os empregados deberían ter en conta as seguintes cuestións con respecto ao robot de muxido: cobertura para vacas paridas e alarmas do robot, tratamentos sanitarios e administración de tarefas no ordenador, e introdución das vacas atrasadas dúas veces por día. 
O ideal é que un empregado se poida encargar de dous robots de muxido e que teña máis tempo para outras tarefas da granxa, como a limpeza dos patios e as camas, ou arrimar a comida e atender a recría. 


LOTES
Un dos consellos que Lely dá é agrupar as vacas por lotes de 120 a 180 cabezas, con dous ou tres robots de muxido e que sexa un único empregado o que os poida xestionar de forma autónoma.
Ademais de ter ben atendidos os animais, é importante sabelos asistir no robot, non cambialos de lotes e darlles estabilidade durante a lactación. Por exemplo, unha vaca que inicia a súa lactación no robot 1, o ideal é que pase toda esa etapa nese robot; será no seguinte parto cando a poidamos mover de zona. Desta maneira, os animais estarán mellor, actuarán dunha forma máis natural e terán moitos menos problemas ao longo de toda a súa lactación. 
Ao igual que ás persoas, ás vacas non lles gusta que se lles cambien os costumes semana a semana, por iso é importante darlles aos animais esa estabilidade e continuidade necesaria dentro dos lotes. Isto fai que estean máis sans e que produzan unha maior cantidade de leite.


REPRODUCIÓN
Un apartado moi sinxelo de xestionar nunha granxa con robots de muxido, e á par moi importante, é a reprodución. O gandeiro necesita que as súas vacas teñan unha boa media de días en lactación para producir máis cantidade de litros diarios. Os colares detectarán o celo e, ademais, dirannos cal é o momento óptimo para poder inseminar. Grazas a isto simplifícase moito esta tarefa e, ao ser más preciso, aumenta o cociente de inseminacións na gandería e a taxa de crecemento.