Esta cooperativa conta con máis de 500 animais en lactación e é unha das explotacións pioneiras en muxido robotizado de granxas XL. No ano 2001 comezou cun robot; a día de hoxe, nove Lely Astronaut traballan nesta granxa situada en Oskotz (Navarra). Ver en Vaca Pinta 44.
A cooperativa San Miguel de Aralar naceu en 1964, con 27 socios. Actualmente é unha das mellores granxas robotizadas de España, tanto por eficiencia na súa xestión coma por litros producidos de leite diarios.
San Miguel de Aralar ten a día de hoxe cinco socios que traballan na granxa e varios empregados que colaboran nas tarefas diarias. O presidente da cooperativa, Ismael Lorente, cóntanos como se xestiona o día a día dunha explotación con 540 vacas en muxido robotizado da firma holandesa.
A cooperativa traballa actualmente con nove robots de muxido Lely A3 Next e supera a cifra dos 600.000 litros de leite entregados á industria mensualmente, algo que para o seu presidente é “un moi bo dato que nos permite traballar con moita comodidade diariamente”.
A granxa está distribuída en seis parques diferenciados: tres lotes con dous robots e 120 animais por lote, e outros tres parques con entre 50 e 55 animais e un robot en cada un deles. “Un dos lotes témolo destinado ao posparto, algo que nos dá unha facilidade de manexo moi grande, xa que antes faciamos este traballo na sala de muxido, pero coa instalación do noveno robot eliminamos a sala por completo”, destacou Lorente.
UN TRABALLO MÁIS SINXELO CON LELY E O TRÁFICO LIBRE
Actualmente “temos en muxidura unhas 540 vacas e producimos máis de 21.000 litros diarios de leite, cunha media de produción por vaca e día duns 40 litros”, comentou Ismael Lorente.
En canto ao traballo diario cos robots de muxido, nesta cooperativa simplifícano ao máximo, xa que unha das premisas de traballo da xente que conforma San Miguel de Aralar é “aproveitar ben o tempo e saber que ten que facer cada persoa en cada momento do día. Cos robots só realizamos dúas accións: metemos as vacas con algún atraso pola mañá e pola tarde, e limpamos as máquinas dúas veces ao día”.
As xornadas de traballo nesta cooperativa navarra son continuas. “Tanto os socios coma os empregados traballamos en quendas corridas de oito horas” –afirmou Lorente–, “faise moi duro atopar persoal para o muxido e grazas aos robots é todo máis fácil”.
En total, na granxa traballan dez persoas, pero “sempre hai que ter en conta os días libres e as vacacións, así como as quendas, que son en horario continuo; así mesmo, de cada tres fins de semana só se traballa unha”, recalcou Ismael, “porque a xente ten que descansar, ademais de estar satisfeita e contenta”.
Resaltou tamén como algo básico “o labor do nutrólogo, porque o equilibrio coa enerxía é a base de todo para que as vacas acudan de forma regular aos Astronaut”.
Coa instalación do último A3 Next, o noveno, deixaron de traballar na sala, e segundo Lorente “melloramos moito máis o manexo da gandería. Nese robot temos unha cama quente por detrás da máquina e unha zona con cubículos diante, algo que nos favorece moito no día a día, porque así os animais non teñen por que pasar pola sala de muxido, algo que ás veces supoñía un problema”, confesou.
Para Ismael unha das finalidades do robot é non molestar as vacas: “Non te podes obsesionar con movelas acotío, porque están moito máis a gusto con este sistema robotizado, co cal nós intentamos entrar na nave o menor número de veces posible para non molestalas e que vaian ao seu aire. É a clave do tráfico libre”.
A EFICAZ DISTRIBUCIÓN DAS TAREFAS NA GRANXA
Nesta gandería da zona navarra de Oskotz, catro persoas encárganse do traballo diario cos robots de muxido, dúas pola mañá e outras dúas pola tarde. En canto ao número de animais que arriman por cada cabina, “a media é dunhas cinco vacas por robot pola mañá e pola tarde, pero iso, en comparación co traballo da sala de muxido, non é nada”, aclarou o presidente da cooperativa.
Segundo conta Ismael, ese traballo cos robots realízase nunhas seis ou sete horas diarias, xa que, á parte das tarefas xa mencionadas, os empregados tamén limpan as áreas de espera e os patios de cruzamento, así coma os bebedoiros.
A maiores do traballo coas vacas e os robots de muxido, teñen empregados para levar a cabo segundo que rutinas diarias. Por exemplo, unha persoa encárgase da alimentación, para o que contan cun carro arrastrado de 35 m³, outra da limpeza dos cubículos e outra atende a recría.
Grazas á simplicidade do traballo diario, tanto o presidente como unha das súas socias encárganse todos os días de observar os datos no programa de xestión Lely Horizon para ver se hai algunha vaca con problemas ou que requira da atención dos gandeiros.
UNHA XESTIÓN IMPECABLE E UNHA BOA RENDIBILIDADE
Lorente declarou que “hoxe en día a rendibilidade está nos tres muxidos, aínda que non todas as vacas teñen que ir sempre e de forma obrigada tres veces: hai vacas que con dúas lles chega e outras que igual necesitan catro muxidos ao día; depende da súa produción diaria”.
Os baños de patas realízanos sempre dúas veces á semana nas vacas de produción, cun sistema na saída dos robots e unha dosificación de formol e auga. No resto dos animais utilizan pediluvios de plástico unha vez á semana. A reprodución fana cada dez días, xa que para Lorente “é unha forma de levar un bo control dos animais xestantes”.
Tamén contan con colares cos que obteñen datos do celo, a ruminación, a inxestión e o estrés por calor no rabaño.
A ración de comida prepárase sempre unha vez ao día para todos os animais. No robot “damos unha media de 5,5 kg por vaca e por día. Esta ración fai que vaian moi ben ao robot e teñamos menos problemas de dixestibilidade na granxa”, puntualizou Ismael Lorente.
A distribución doutro tipo de tarefas téñena moi ben dividida en diferentes días da semana: “Hai que pensar que non só hai que xestionar o rabaño, senón tamén o persoal, e por iso hai que ter todo moito máis protocolizado”.
Os avisos de problemas nos robots téñenos totalmente cuantificados, con sete chamadas por robot e por ano. “Creo que é unha cifra dificilmente mellorable, xa que todo vai moi ben”, concluíu o presidente da cooperativa.