En Lely sempre se pensa e se traballa ao redor da vaca, buscando, ademais, facilitar o traballo diario dos gandeiros dentro das súas granxas. A multinacional holandesa dálle moita importancia a que as vacas estean cómodas, pero tamén a que o estean as persoas que teñen que realizar algunha tarefa con elas, polo que esta máxima vai guiar sempre o traballo da nosa marca. Contámolo nesta reportaxe publicada en Vaca Pinta 42.
Para acomodar o mellor posible os animais dentro dunha cuadra e para facilitar o labor que desempeñan os gandeiros dentro dela, é moi importante o deseño e pensar cal vai ser o manexo e traballo diario dentro da explotación.
Desde Lely afírmase que as vacas non teñen tempo, xa que están ocupadas durante case todo o día no que mellor saben facer, que é producir leite, polo que é necesario simplificarlles todo o traballo posible aos animais o resto das horas que teñen libres. Para todo isto o tráfico libre de Lely é fundamental, xa que se obtén unha óptima resposta do animal e unha mellor produción, cun menor traballo do gandeiro.
Para facilitar as tarefas que estes teñen que facer cos animais, son fundamentais unhas boas áreas de separación que permitan un manexo máis axeitado das vacas. Nestas áreas de separación é onde se debe centrar todo o traballo. Con elas preténdese que á vaca se lle xere o menor estrés posible no seu día a día.
Cando falamos de granxas XL, ganderías con máis de 500 animais en muxido, é moi importante unha boa xestión que mellore a eficiencia diaria da explotación e, por tanto, o rendemento económico que obteñen os gandeiros dos seus animais.
Para os labores diarios todo debe estar debidamente protocolizado, de maneira que o traballo que se realice sexa sinxelo e, sobre todo, moi eficiente. Ao final, sempre se fala dun triángulo sobre o que xira todo dentro dunha gandería: as vacas, a xente e a tecnoloxía.
Para que este triángulo funcione á perfección, as vacas deben ser libres para facer o que queiran durante todo o día e aproveitar o seu tempo da mellor forma posible. Para iso, o tráfico libre de Lely é a solución. Ademais, os empregados da granxa e os gandeiros deben saber o que hai que facer durante toda a xornada, para o que é necesario establecer uns protocolos de traballo que faciliten as tarefas diarias. Todo iso irá ligado á tecnoloxía de Lely e á información que nos dan os robots Lely Astronaut a través do software de xestión Lely Horizon.
OS TRABALLOS CLAVE DURANTE A LACTACIÓN
As tarefas que se deben realizar coas vacas en Lely denomínanse “toques” e realizaranse, polo xeral, nas áreas de separación, deseñadas para levar a cabo estas funcións cos animais. Os toques na lactación dunha vaca son nove:
Un. A vaca pare, é cando a imos atender no parto para que non teña ningún problema. A zona de partos estaría nunha das áreas de separación, preto dos robots de muxido Lely Astronaut.
Dous. Limpar os cuartos do ubre. Vaise tentar que non haxa restos de ningunha medicación do secado e, unha vez que estea limpo, pásase ao terceiro toque.
Tres. Primeiro muxido. Cos robots Lely a vaca estará cómoda e, grazas aos Lely Astronaut A5, conectarase soa debido á autoalineación do seu brazo híbrido. Unha vez que realice o primeiro muxido, o que se fará é devolvela á área de separación, se se quere estar pendente dela os primeiros días da lactación. Cando a ruminación se recupere e se sitúe en máis de 400 minutos diarios, aos 5 ou 10 días, trasladarase ao grupo principal.
Polo xeral, as vacas deben estar no grupo principal, non hai que movelas durante a súa lactación. Cando unha vaca necesite algo ou teña algún problema, botarase man das áreas de separación, que é onde realmente se realiza o traballo diario da granxa.
Cuarto. Inseminación. Cando o colar da vaca avise de que o animal está en celo, levarase a cabo a inseminación. Pódese realizar na área de separación, nunha zona debidamente acondicionada para iso.
Cinco. Control de reprodución. Unha vez que está inseminada, realízase un control para saber se está realmente cuberta e se non houbo ningunha reabsorción na fertilidade dos animais.
Seis. Podoloxía. Recorte de pezuños. Se necesitamos realizar algún axuste ou intervención na pata dalgunha das vacas, pódese facer directamente na área de separación sen molestar a ningún dos animais que están no lote principal da granxa.
Sete. Vacinación. Se se quere vacinar os animais ao longo da súa lactación, podemos facelo sempre desde a área de separación, facilitando e simplificando o traballo levado a cabo cos animais.

Oito. Secado. Para secar unha vaca, a área de separación é fundamental. Alí pódese ter a vaca comendo a ración das secas e facerlle un último muxido onde o animal xa reduza a súa produción de leite diario. O secado non se fará no robot. Os robots de Lely non teñen foso, porque non o necesitan, polo que o secado se realizará nunha zona onde poder aplicar ese tratamento de forma cómoda tanto para o animal coma para o gandeiro.
Nove. Tratamento de pezuños. Pódese volver revisar as vacas que se secan para ver que estean ben de patas e garantir desta forma que non teñan futuros problemas nin complicacións, polo que se pode programar outro recorte de pezuños.
Estes son os nove toques que se lles deben realizar ás produtoras durante a lactación. O resto das vacas pasan desapercibidas no grupo principal. Desde Lely sempre se di que cando os nosos animais están no grupo principal, todos os días deben ser domingo, centrando todas as tarefas ao redor da vaca, que debe estar sempre o mellor posible, porque, canto mellor estea ela, mellor estarán o gandeiro e os empregados que traballen dentro da explotación.