MODELO LELY DE GRANXAS XL

A filosofía Lely para o muxido en grandes explotacións (IX): Ganadería de Pazos SCG

Esta gandería da provincia da Coruña pasou dun robot a oito en trece anos, o que deixa constancia de como se pode medrar de forma graduada cos robots de muxido da multinacional holandesa Lely. Ver máis en Vaca Pinta 46.

Ganadería de Pazos SCG atópase no concello de Mazaricos, na provincia da Coruña. Esta explotación familiar, que xestionan os irmáns Jesús e Fernando Perfecto, conta con oito robots Lely Astronaut A5 e tres Lely Vector para alimentar as súas vacas.

Esta granxa nace en 1986, momento no que os pais de Jesús e Fernando empezaron coas vacas nun establo con 40 animais. Nos anos 90 xa comezaron co carro mesturador e Jesús incorporouse á gandería cando rematou os seus estudos. “Comezamos a pensar en poñer o primeiro robot no 2005 e tamén a cruzar as vacas a favor do Procross”, explica Jesús.

No ano 2007 colocaron o primeiro Lely A3 nas instalacións antigas. No 2011 construíron a nave onde agora Ganadería de Pazos ten toda a produción de leite. Alí instalaron un novo A3 e trouxeron o outro da nave vella, aínda que como comenta o gandeiro, “a granxa xa se deixara preparada para a implementación de catro máquinas, pero fomos facendo as cousas de forma paulatina”.

En 2013 adquiriron un terceiro robot e, no 2015, o cuarto, todos eles Lely Astronaut A3. “Dende o 2015 movémonos sempre entre as 230 e 260 cabezas en muxidura”, relata este gandeiro da Coruña.

A partir do ano 2020 comezaron co novo proxecto, facendo unha ampliación da granxa e incorporando os oito robots Lely Astronaut A5 e os Lely Vector para a alimentación das súas vacas.

Para Jesús Perfecto non é máis difícil medrar cos robots de muxido, aínda que si apunta que “hai que deixar as cousas pensadas para poder ir evolucionando pouco a pouco. Cando comezamos co primeiro robot xa tiñamos en mente poñer os catro, e cando os tivemos, tiñamos claro que queriamos seguir medrando”.

Para Perfecto foi máis doado pasar de catro robots a oito que dun a dous: “Ao final o importante é deixar todo mirado, ter unha idea de futuro e ir pouco a pouco implementándoa”.

Coa ampliación para poñer os oito robots Lely Astronaut A5, o deseño da granxa cambiou bastante, xa que se prepararon unhas áreas de separación moi cómodas para o traballo diario e un deseño en L curta para xestionalas mellor.

Agora mesmo, dispoñen de catro lotes de dous robots e 120 vacas en cada un deles. Para Jesús, as áreas de separación “son completamente fundamentais, sobre todo se traballas con tantos animais, xa que che axuda moito no traballo diario e no manexo”.

Ganadería de Pazos ten hoxe en día 500 vacas en muxidura, das cales case todas son Procross. O gandeiro confésase un namorado dos cruzamentos, xa que para el “funcionan mellor as vacas”. Comezaron cruzando os animais no 2007 e non se arrepinte diso.

As Procross para Jesús Perfecto teñen unha mellor colocación dos tetos, “é moi raro que se crucen os tetos de atrás e, ademais, estas vacas son máis activas no robot de muxido”. En canto á reprodución, tamén teñen gran diferenza para o gandeiro sobre as frisonas, “xa que quedan preñadas moito mellor e no posparto tamén se nota”, asegura.

Con respecto á lonxevidade, “as Procross son moi boas, ao igual que no tema de saúde. Son animais con moitos menos problemas e cos que nós estamos encantados”, asevera Perfecto.

Nesta explotación coruñesa inseminan sempre a celo natural, algo para o que posúen os colares de celo, ruminación, inxestión e estrés por calor de Lely. Sempre inseminan a partir dos 60 días en lactación e, así, “a reprodución vainos moi ben porque temos moito control”, expón o gandeiro.

En canto ao leite, que é a pregunta que se fai sempre moita xente, estas vacas “tamén son moi boas. Nós chegamos a ter picos de produción de 47 litros por vaca e por día, aínda que si é certo que a media anual adoitaba achegarse aos 42-43 litros por vaca e por día”, aclara Jesús Perfecto.

Na granxa fixéronse moitos cambios nos últimos anos, algo que afectou un pouco ás vacas e baixaron bastante a produción. “Quitamos as camas de area porque decidimos construír un biodixestor e agora utilizamos o esterco como material para a cama unha vez seco e procesado”. Grazas ao dixestor “somos completamente autónomos coa enerxía, xa que antes tiñamos bastantes trabas porque estamos no final da liña da luz”, conta.

En Ganadería de Pazos pasaron de ter os modelos Lely Astronaut A3 aos A5 e a principal diferenza que ven é “o consumo de aire no compresor, xa que cos novos robots se reduciu en máis dun 80 % ao día. Os A5 son moito máis eficientes, ademais de incorporar a entrada e saída recta para as vacas, algo que creo que é unha gran vantaxe”, afirma Jesús.

A nave desta granxa de Mazaricos é moi longa, pero Jesús di que “iso non é problema para que as vacas veñan ou non ao robot. A distancia non é un impedimento no noso caso”. Dende o robot ata o final da nave hai case 65 metros e detrás están as áreas de separación.

Jesús e Fernando Perfecto xestionan a gandería coa axuda de cinco empregados, aínda que habitualmente adoita haber seis persoas en total traballando para atender as máis de 900 vacas que posúen. “Intentamos concentrar o labor diario pola mañá, a tarde é moito máis levadía”, comenta Jesús Perfecto.

Cos oito Lely Astronaut A5 introduciron tamén o Lely Vector para a alimentación. Contan con dúas cociñas para ter o alimento e tres boles para repartirlles a comida ás vacas. Perfecto asevera que “os animais agradecen ter a comida sempre fresca, e máis aínda nesta época do ano, para que así non se lles quente no presebe”.

En canto á xestión da cociña, énchena unhas tres veces á semana, e Jesús di que “non temos ningún problema de que se nos quente a comida”. Como comenta Perfecto, “as cociñas deseñáronse nun sitio que estivese moi cómodo e con fácil acceso aos corredores de alimentación”. Para este gandeiro o Vector é “un gran sistema porque podes ter toda a alimentación moito máis controlada”.

A xente que pensa que a comida se quenta na cociña “está moi equivocada, xa que coa desensiladora podes facer mellor os cortes que fresando co carro mesturador. Son máis precisos e non se mollan as frontes dos silos”, asegura Jesús.

Ganadería de Pazos manexa unhas 180 hectáreas de terreo para alimentar os animais e o único que adoitan mercar é a palla.

De cara ao futuro, o que buscan é “estabilizarnos e amortizar o investimento que fixemos. Queremos seguir co noso rabaño e mellorar a produción de leite, que agora mesmo está preto dos 37 litros por vaca e por día. Sempre se busca mellorar e imos da man de Lely para poder conseguilo”, finaliza o gandeiro.