Nesta granxa dispoñen de 95 vacas en muxido, 22 secas e alcanzan a cifra de 75 en recría. Só traballan dúas persoas no negocio: o propio Joan Terricabras e un empregado. Ademais, realizan unha media de 3,3 muxidos ao día por cabeza, cando antes só facían dous. “Aumentamos os muxidos mantendo os mesmos traballadores”, explica o gandeiro.
A ración dos exemplares está composta de 25 kg de millo, 8 kg de bagazo de cervexa, 7 kg de penso que botan no carro e 3 kg de alfalfa en rama. Deste xeito, a alimentación non lle supuxo ao propietario un custo económico demasiado elevado este pasado ano.
En canto ao manexo das camas, no verán adoitan botar labra dúas veces por semana e pasan o restrelo a diario. No inverno, nas granxas deste territorio entra moita humidade debido á néboa, polo que utilizan o ventilador para secar un pouco as camas.
Benestar animal co tráfico libre
Este gandeiro tivo claro desde o principio que quería un sistema de tráfico libre, xa que era o que lles daría menos traballo e non obrigarían as vacas a facer nada, contribuíndo así ao seu benestar: “Reflexionei sobre o feito de que, se aos demais lles funcionaba, tarde ou cedo sería eficaz para min tamén”.
Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing en Lely Center Los Corrales, comparte que as producións desta granxa se mantiveron altas durante o período estival, que foi moi caloroso: “É o exemplo de que, facendo as cousas ben, se pode producir un gran volume de leite malia as altas temperaturas. Unha vez pasado o verán, mantiveron cifras de 41 kg/vaca/día”.
Neste sentido, Sánchez sinala que é importante ter en conta que os animais dispoñen de dous robots de muxido, parques con cama fría e sistema de compost, ademais de ventiladores: “É un lugar de confort para elas: non senten a necesidade de moverse todo o tempo e a temperatura é permanente. Tampouco as molestamos continuamente para ir muxirse”.
Desde Lely contan que o tráfico libre axuda a evitar o estrés por calor fronte a outros sistemas de muxido, coma o batch milking, tal e como asegura Sánchez: “Chégannos casos de gandeiros que argumentan que con ese modelo de muxido as vacas sofren cambios de temperatura importantes: na nave están a 18 ⁰C; cando saen a muxirse, a 38 ⁰C; e logo volven aos 18 ⁰C, o cal lles xera estrés”. Alberto engade que ás vacas lles gusta ter garantida a comida e asegurada unha consistencia, sobre todo en condicións de calor. Debido a como traballan en La Fábrega para afrontar o contexto térmico co que conviven pola súa situación xeográfica, Sánchez destaca de maneira positiva as producións que rexistran e a calidade do seu leite.
En relación co tráfico libre, Alberto Sánchez insiste en que, grazas a iso, as vacas están tranquilas: non as molestamos e fan o que consideran. Nun verán de calor, onde non as perturban, están a 18 ⁰C de forma constante e móxense, beben, dormen e comen cando queren, que é realmente o seu traballo. A tranquilidade que presentan os exemplares neste sistema de muxido redunda nunha maior produción: “Apenas hai ruídos, percíbese moita harmonía e non aparece o bullying animal. Con todo isto trátase de ser eficiente”.
O Astronaut A5, un acerto para La Fábrega
Terricabras asistiu a diversas xornadas en España e viaxou a algunhas granxas de Holanda, onde puido ver o Astronaut A5 en funcionamento: “Gustoume moito a forma que tiña de limpar e a rapidez coa que coloca as tetoeiras. Iso foi o que máis me decidiu a apostar por esta máquina, ademais da filosofía do tráfico libre”.
En canto ao uso dos A5, nesta gandería rexistran tan só uns tres fallos ao día entre os dous robots. As vacas amosan unha boa velocidade de muxido, de 3,5 kg por minuto: “Tivémola sempre e, cos Astronaut, continúa igual”, aclara o gandeiro. Por outra parte, os robots posúen un 27 % de tempo libre, o cal se traduce en 12 horas: “Medio robot libre”, puntualiza Alberto Sánchez.
Adicionalmente, en La Fábrega están implementando unha área de separación, pensada para os animais máis adultos e para os que teñan algún problema, co fin de mantelos máis controlados e incrementar un pouco a capacidade dos robots.
Sánchez tamén remarca que, cada vez que entra nesta granxa, ve que o gando está ben. Neste sentido, resalta o manexo que realizan con estes animais, porque as vacas son vacas, pero, dependendo do manexo, producirán máis ou menos litros e terán un maior ou menor benestar. O gandeiro defende ao respecto a importancia da hixiene e da xenética. Sánchez afirma que os exemplares desta granxa presentan unha boa condición corporal, e véselles limpos e co pelo brillante, sinais moi positivos.
Con respecto ao cambio de vida tanto para eles coma para o rabaño, Terricabras recalca principalmente a tranquilidade: “Elas están máis calmadas e, cando te decatas, de moitas nin te lembras de que están na nave”.