A cooperativa Aira pecha o 2021 cun crecemento do 9 %

A cooperativa agrogandeira Aira celebrou a súa Asemblea Xeral Ordinaria na que presentou as contas do último ano. A cooperativa continúa crecendo a un ritmo sustentable e o pasado ano subiu un 9 %.

Aira creceu en todas as áreas de negocio, en especial naquelas de referencia para o sector agrogandeiro como o leite ou o penso. "Seguimos crecendo e facémolo, como vén sendo habitual, a base de recortar as marxes de beneficio", explica Daniel Ferreiro, director xeral de Aira.

Ferreiro apunta que fixeron un "esforzo adicional" co obxectivo de paliar o incremento que experimentaron os custos de produción. "Buscamos conter os prezos tanto dos produtos como dos servizos que se ofrecen para mitigar o impacto que supón para as ganderías e explotacións socias", concreta.

A cooperativa pechou 2021 cunha facturación de 148,2 millóns de euros, ao manterse como un referente nas áreas de negocio. Alcanzou no 2021 as previsións que barallaba e comercializou 115 millóns de litros de leite e contou cunha produción de 250.000 toneladas de penso. Ademais, destinou a investimentos nestes anos 15 millóns de euros, pondo especial interese na comercialización e transformación.

Outro dos temas incluídos na Asemblea foi a actualización e modernización dos estatutos para adaptarse ás necesidades e ritmos actuais. Ademais, procedeuse á renovación da metade dos cargos do Consello Reitor.