A celebración de Agraria 2021 posponse ao mes de maio

A celebración de Agraria 2021 posponse ao mes de maio

A Feira de Valladolid acordou trasladar ao mes de maio a celebración de Agraria, a súa feira de maquinaria agrícola, que estaba programada inicialmente para xaneiro. As novas datas propostas pola organizacion son do 18 ao 21 de maio de 2021.

Con esta medida preténdese “que o certame se desenvolva nun escenario de menor incerteza, de modo que manteña a calidade que o caracteriza e siga sendo unha plataforma de negocio para os seus participantes”, explicou o director xeral da Feira de Valladolid, Alberto Alonso.

As limitacións á mobilidade nacional e internacional repercuten especialmente en Agraria. A bienal de maquinaria agrícola conta habitualmente coa participación de fabricantes e importadores dun amplo abanico de países e nas últimas edicións traballa tamén en ampliar a presenza de visitantes portugueses.

Importantes empresas anunciaron a súa participación en Agraria, que tiña reservado xa o 60 % da superficie, un dato que “dá idea da boa acollida da feira no sector. Así mesmo, é destacable a incorporación de novas empresas expositoras dedicadas á fabricación, distribución e comercialización de equipos e servizos para o sector primario”, sinalou Alonso.